NOTICIA

----

A institución lamenta o pasamento da fotógrafa Anna Turbau

O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa o seu fondo pesar polo pasamento da fotógrafa catalá Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025). Fotógrafa social, Turbau morreu esta madrugada en Barcelona, onde residía. Mantivo unha estreita relación con Galicia que se iniciou en 1975, cando chegou xunto con Llorenç Soler para retratar as vivendas para familias xitanas construídas por César Portela e Pascuala Campos en Campañó (Poio). Arrincou así unha estadía de tres anos na que fotografou, entre outros movementos sociais, as loitas para conservar los montes veciñais, as protestas contra a construción da AP-9 ou a realidade dos Ancares. Un arquivo fotográfico formado por preto de dez mil fotografías que a propia Turbau cedeu ao CCG para a súa custodia e difusión.

Anna Turbau retratou unha Galicia distinta a dos discursos oficiais como colaboradora independente das revistas “Interviu” e “Primera Plana”. Co seu obxectivo recolleu o conflito social que xerou a construción da autoestrada, entre outros movementos sociais. Material co que estaba a traballar en diferentes proxectos. A súa obra estivo presente na última edición ARCO da man da galería coruñesa NORDÉS.

Parte do seu arquivo puidose ver na exposición “A intimidade da imaxe. Anna Turbau. Galicia 1975–1979” que o CCG realizou en 2017 con comisariado de Margarita Ledo; así como na publicación homónima coordinada por Natalia Poncela. A exposición

Biografía
Anna Turbau estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.