A terceira mesa comeza coa presentación de relatorios a cargo de María Otero Fernández, traumatóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; Daniel Bóveda Castro, responsable territorial de Accem, organizacioón sen ánimo de lucro especializada en proxectos de protección internacionnal. É politólogo especializado en relacións internacionais e máster de Migracións Internacionais e Mediación intercultural, cunha traxectoria profesional vencellada ao terceiro sector de acción social. Pecha os relatorios, Felipe Gil Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo A súa investigación céntrase en tecnoloxías de comunicación sen fíos e de rede, sistemas embebidos, computación ubicua e IoT. Na actualidade está á fronte dun proxecto para montar unha rede 5G/6G experimental na UVigo, É membro da comisión interuniversitaria de política lingüística e colaborou na tradución de software libre ao galego.
Despois das mesas das intervencións terá lugar o diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando no que teñen confirmada a súa asistencia diferentes profesionais de ámbito sanitario, científico e servizos sociais como son Lidia Carballo Costa, profesora de Fisioterapia da Universidade da Coruña; Francisco Xosé Pérez Pérez, médico residente de Medicina Familia e Comunitaria; Gemma Rojo López, doutora en Enxeñaría Civil e técnica de xestión de I+D do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña; Jaime Amaro Blanco, técnico da Unidade de Cultura Científica e da Innovación do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e as traballadoras sociais Laura Zapata Criado e Tamara Vedo.
Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.
Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.