NOTICIA

----

O foro Un país coa súa lingua propón medidas integración lingüística para as comunidades migrantes

Estratexias de benvida con programas de acollida transcultural, promover contidos específicos desde a CRTVG que faciliten a inmersión lingüística de maneira amena e lúdica, realizar estudos sociolingüísticos desde a perspectiva da emigración ou a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural son algunhas das medidas concretas que se achegaron na terceira sesión de Un país coa súa lingua. Foro Participativo. A cita titulada “Sanidade, ciencia e servizos sociais” foi inaugurada pola coordinadora xeral do foro, Dolores Vilavedra, que destacou a súa importancia “dado que son tres ámbitos que están moi presentes na nosa vida”. Iolanda Casal, coordinadora desta mesa, apuntou na apertura “que a perspectiva sobre migración se debe visibilizar como unha riqueza e unha oportunidade e non como un obstáculo”. O proceso continúa o martes 27 de maio coa mesa “Comunicación, cultura e acción exterior” moderada por Marta Veiga.

A terceira mesa do proceso atendeu a ámbitos tan diversos como a sanidade, a ciencia e os servizos sociais que, segundo apuntou Iolanda Casal, “teñen numerosas cousas en común, xa que nos afectan directamente”. No eido dos servizos sociais, Daniel Bóveda Castro, responsable territorial de Accem, organización sen ánimo de lucro especializada en proxectos de protección internacional, explicou que os novos retos pasan por “incluír os novos galegos e galegas cunha perspectiva transcultural incidindo na cuestión lingüística”. Enfocou a súa intervención na necesidade dunha atención específica a persoas inmigrantes ou emigrantes retornados, en situación de risco ou exclusión social no rural” facendo fincapé na importancia do idioma para a inmersión social e laboral no territorio. As aulas de galego, as actividades realizadas en función das efemérides, ou integrar a lingua a través dos fillos e fillas das persoas migrantes e mediante as redes sociais son algunhas das propostas que puxo sobre a mesa a partir da experiencia desenvolta nos centros de Accem de Vigo e da Coruña entre poboación venezolana e colombiana. Crear un repositorio de contidos dixitais específicos para a aprendizaxes do galego como lingua estranxeira, similar ao que existe co DELE, que teña en conta as distintas linguas dado que non é o mesmo aprender o galego desde o español de latinoamerica que desde un idioma con maior distancia lingüística; promover a oferta de clases de galego para persoas de fóra de Galicia, con horarios adaptados; poñer en marcha unha estratexia de acollida transcultural para inmigrantes nos colexios e institutos; un programa de benvida, adaptado aos distintos grupos de idade, con recursos fóra do ámbito escolar e doutras ofertas formativas son algunhas das ideas que se abordaron. Nesa mesma dirección apuntou a traballadora social Laura Zapata, quen propuxo a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural, nos que poder acoller a persoas nacionais e inmigrantes que de xeito voluntario e sen compromiso de asistencia, acudan cando podan a conversar e intercambiar dúbidas sobre o idioma de cara á facilitar a súa inmersión sociolingüística e laboral. “Nestes puntos de encontro e co apoio do perfil de dinamizadora lingüística, sería de interese a realización de encontros con persoas do lugar e mesmo a realización de actividades lúdico-lingüísticas” indicou Zapata.

María Otero Fernández, traumatóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago puxo sobre a mesa a escaseza de datos públicos sobre a situación da lingua galega na sanidade que non permite coñecer o impacto das medidas que se poidan adoptar. Propuxo medidas para o ámbito sanitario como a visibilización e priorización do galego no programa IANUS. Ademais, na súa intervención suxeriu a implantación de cursos de formación que “fagan a lingua galega atractiva tanto para o persoal sanitario nativo como a que chega doutros países comunitarios e extracomunitarios”. Asemade, destacou que as comisións de docencia “formadas por médicos que supervisan e avalíen as residencias, se desempeñen coas medidas de apoio oportunas para ter un papel facilitador no uso do galego”. así como campañas en redes sociais e visibilización de falantes. Entre outras das propostas que se abordaron no marco da sesión, destaca a creación dun servizo de normalización lingüística no SERGAS.

Con respecto ao ámbito académico, tanto o catedrático do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, Felipe Gil Castiñeira, coma a técnica de xestión da investigación na USC, Gemma Rojo, describiron o dominio absoluto do inglés como lingua internacional da ciencia. Gil propuxo incentivar que trámites coma a acreditacións ou as solicitudes de proxectos se fagan en galego ademais de “crear liñas docentes específicas na lingua propia, introducir traducións simultáneas nos eventos e esixir o coñecemento do galego nas licitacións públicas”.

O vídeo da xornada está dispoñible na canle de Youtube da institución e no sitio web desde onde se poden facer chegar propostas en calquera momento do proceso. A sesión deste mércores é a terceira parada do foro que arrancou en febreiro cunha mesa sobre a situación da lingua no ensino e na que se sinalaron medidas como unha iniciativa piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros). Na segunda mesa propúxose a creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego, é dicir, traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais. Por diante quedan as mesas “Comunicación, cultura e acción exterior” (27 de maio), “Economía, turismo e deporte”(25 de xuño) e “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” (8 de xullo).