----

Preséntase en Santiago o documental Saberes e sabores. As mulleres que alimentana vida

Lucía Freitas, Ana Portals, Consuelo Rodríguez Ribadulla e María Xosé Sanmartín Rodríguez son catro mulleres cociñeiras e innovadoras. Elas protagonizan “Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida”, unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez; Encarna Otero mais o equipo técnico e as protagonistas asisten este martes, 29 de abril (18:30 horas) á presentación na sede da institución. O documental, que foi estreado en febreiro en Arzúa e está dispoñible na canle de YouTube da institución, pretende servir de mostra do traballo anónimo e invisible das mulleres no mundo da cociña.

“Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida” é unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do CCG. En trinta minutos achégase ao traballo das cociñeiras no sentido máis amplo, “desde o abastecemento, a planificación, a elaboración, a conciliación familiar... ata o resultado final, que é o prato”, apunta a directora, que incide en que este produto é unha síntese de nove horas de gravación que se arquivarán nun fondo documental que rexistra o traballo invisibilizado que desenvolveron as mulleres na economía galega. “Deixamos un material elaborado porque sabemos que é o que dá máis traballo, e o fondo completo fica no Arquivo Sonoro de Galicia para investigadores e investigadoras”, afirma Encarna Otero.

“En Galicia hai moitas cociñeiras, pero queriamos unha casa de xantares que tivese unha permanencia no tempo, por iso escollemos a Consuelo Rodríguez Ribadulla e María Xosé Sanmartín, de Casa Chelo en Arzúa, que leva catro xeracións, xunto con Lucía Freitas (chef da Tafona e recoñecida cunha Estrella Michelín) e Ana Portais (chef do restaurante Solleiros en Santiago de Compostela)”, comenta Encarna. As catro comparten, en opinión da directora, outras características “xa que son investigadoras e transformadoras da cociña”.

O audiovisual está producido en exclusiva por persoal do Consello da Cultura Galega no marco do proxecto “Memorias de vida en vivo”, que desenvolve unha comisión técnica integrada por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui.

A luz do negro, as mulleres e o volframio
O Consello da Cultura Galega comezou en 2014 unha liña de exploración das mulleres e o traballo. O grupo Imaxes e Voces, encabezado por Encarna Otero, trasladouse a Vila de Cruces para rastrexar a vida das mulleres que traballaran na mina ou en tarefas “paralelas” vinculadas á minaría fóra do complexo industrial. Atopáronse cun relato do mundo dos anos 40 nun espazo e nunhas condicións moi especiais. Un territorio que non pasaba a fame doutras áreas de Galicia, pero sobre o que existía un forte control e represión, con frecuentes incursións da guerrilla, que procuraba contactar cos presos republicanos destinados na mina. Aínda que o material non fora concibido orixinalmente como un documental, senón máis ben como material de arquivo, déronlle a volta e converteuse en “A luz do negro”, un relato audiovisual que trouxese a memoria destas mulleres afoutas.
En 2019 achegáronse ás mulleres que transportaban os produtos para as feiras coa peza audiovisual “As mulleres co mundo na cabeza”. Partía de dúas imaxes icónicas: a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo e na que se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos e unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo. A historia técese cos testemuños de Olimpia Oreiro, Marisa Vázquez e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a todas esas mulleres que durante anos levaban o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente. Con eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixos e outros alimentos para logo vendelos como sustento das súas familias. “As mulleres co mundo na cabeza” é o material editado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para rexistrar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e que son importantes para entender o relato da Galicia actual.