----

O Concerto das Letras Galegas amosou en Carballo a riqueza da poesía popular oral

O Pazo da Cultura de Carballo encheuse no serán deste venres na VX edición do Concerto das Letras Galegas, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre os actos de conmemoración do 17 de maio. “Celebrar a figura das cantareiras lémbranos a importancia de fortalecer os vencellos comunitarios, deixar a un lado o individual e procurar o que nos une”, indicou a vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra, na presentación deste concerto, que ofreceu unha viaxe sonora pola tradición popular oral do país cunha envoltura sonora de jazz. Once músicos, agrupados en Do Bertau, formación coordinada por Richi Casás e creada especificamente para a ocasión, ofreceron una mostra dos milleiros de textos e músicas creadas durante séculos e que perduraron na memoria do pobo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais unha ampla representación da cultura e da sociedade galegas asistiron a este encontro, que se poderá ver este sábado na segunda canle da TVG (23:00 horas).

A Costa da Morte tivo un protagonismo especial no programa do concerto, realizado en Carballo en recoñecemento á riqueza deste patrimonio inmaterial no municipio e comarca bergantiñáns. Comezou cunha escolma do repertorio das Pandereteiras de Mens, do concello de Malpica, nunha suite de ritmos típica desta área xeográfica en forma de comparsa, xota, muiñeira e pasodobre. Soaron nas voces de Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha, compoñentes do grupo Bouba Pandeireteiras, da Pontraga, na comarca de Ordes, que conservan intacto o “xeito” ancestral das transmisoras. Despois rendeuse homenaxe a Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro, cunha das súas xotas. O canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás na Vila da Igrexa, familiares de Richi Casás, coordinador desta edición do concerto, puxo en escena un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Nas notas ao programa, Richi Casás explicou que “foi a propia Dorothé Schubarth quen llelo gravou en 1980 e recoñeceu a antigüidade desta melodía, presente nun himno gregoriano, nunha das Cantigas de Santa María de Afonso X”.

O programa continuou coa homenaxe ás Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición. Do seu repertorio escoitamos unha suite composta de rebeirana, xota e tras-tras, todos ritmos de baile. Do sur da provincia de Pontevedra o concerto trasladouse musicalmente ao sur de Ourense para escoitar, a través da voz de Tanea, o canto dos canteiros de Faramontaos. Unha peza que traslada os cantares rítmicos cos que os canteiros acompañaban o seu traballo para acompasar o seu esforzo mentres movían grandes pedras.

A recta final do concerto levounos ás terras de Lugo, en Cervantes, cando as tres integrantes das Bouba Pandeireteiras cantaron a capela a “Xota e Moliñeira de Cervantes”. O programa pechou con dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira, que foron recollidas por Dorothé Schubarth, musicóloga suíza que percorreu Galicia enteira recollendo o noso patrimonio oral popular, ás mulleres de Camariñas. Como é habitual, o himno galego puxo o ramo ao concerto, nesta ocasión co auditorio en pé envolto en pandeiretas, pandeiros e ritmos de jazz.

Esta edición amosou un concerto único porque todos os arranxos das pezas foron elaborados ex profeso para este programa, coa excepción do “Canto de Nadal da Vila da Igrexa”, publicado por Richi Casás no libro-CD Fuliada na Vila. A formación tamén foi unha estrea, xa que se creou exclusivamente para este concerto, composta polas cantareiras e pandeireteiras que conforman o grupo Bouba (Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha), xunto con Tanea, a contrabaixista Yudit Almeida, o batería Álvaro Trillo, o pianista Fran Trashorras, o trompetista Javier Pereiro, o saxo tenor e soprano Marcos Cives, o trombón José Luis Miranda e o saxo alto Richi Casás, quen tamén é o coordinador desta iniciativa. O nome, Do Bertau, está inspirado na novela Os cantos do mar, escrita por Dorothé Schubarth e na que conta a vida dunha comunidade mariñeira que transcorre a través do canto e a poesía nunha vila chamada Bertau.

O Consello da Cultura Galega no Día das Letras
O Concerto das Letras Galegas é unha proposta deseñada polo CCG para abrir a festividade do día grande das letras. Leva xa quince edicións e é unha das actividades que a institución organiza ao fío do Día das Letras Galegas. Hai dúas semanas a institución presentou Agora vou cantar eu, publicación coordinada pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, coa que se homenaxea ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada. O volume conta con dúas partes: dunha banda, unha escolma de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que se mergulla no Cancioneiro popular galego, para seleccionar textos recollidos nos anos oitenta por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina; e da outra, unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) que contan con códigos QR desde os que se poden ver e escoitar as catorce cantareiras, así como seguir os textos a través das transcricións. Ademais, o CCG presentou cun especial web no que se incorporan recursos sonoros, reportaxes, biografías... e outros materiais cos que conta a institución e que permiten profundar e explorar o vizoso mundo das cantareiras e a tradición oral musical.