NOTICIA

----

Medio milleiro de voces infantís cantou a Castelao na novena edición de No bico un cantar

A Rianxeira, Lela e outras cancións populares resoaron nas voces do medio milleiro de nenos e nenas que, por mor da chuvia, tiveron que desprazarse ao pavillón municipal Jose Abuín “Chema” de Rianxo na novena edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que o CCG organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia mais a colaboración do Concello de Rianxo. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que a iniciativa “leva tempo poñendo en valor aos persoeiros da nosa cultura entre a mocidade e que, como non podía ser doutro xeito, este ano é especial ao sumarse á celebración do Ano Castelao”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Vilalba cos poetas da Terra Chá como protagonistas.

A escasos metros da casa familiar onde Castelao naceu en 1886 e da casa que o converteu en veciño doutros autores ilustres como Manuel Antonio ou o propio Rafael Dieste, transcorreu a novena edición presencial do encontro musical No bico un cantar. O concerto, pensado para lembrar a vida e obra de Castelao contou cun programa moi popular. Trala fanfarria "Galliard Battaglia", peza barroca para instrumentos de vento, abriu o concerto “Bicos do mar”, con letra de Xesús Frieiro Dourado e música de Anxo Romero, que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América. Seguiulle “Lela”, o pranto pola fermosa Lela de Os vellos non deben de namorarse escrito por Castelao. A vida de Xesús Frieiro, alcumado Pinciñas, estivo marcada por idas e voltas á Arxentina. Foi alí onde coñeceu a Anxo Romero, que formaba parte do Coro Castelao, e entre os dous compuxeron a canción “Ondiñas da nosa ría. A rianxeira”, que tamén se interpretou no programa.

Un dos momentos destacados foi a estrea de “Daniel”, con música composta por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita —colaborador de Castelao— escrito desde a amizade e a emigración. Nado no Grove, Orjais é músico popular, mestre de música e director do CEP Xosé María Brea Segade en Taragoña. Coñecido polo seu labor de divulgación no ámbito literario e musical, Orjais é autor de numerosa bibliografía e discografía e creador de músicas para diferentes espectáculos teatrais e audiovisuais. O concerto rematou, como en todas as edicións, co “Maio longo” de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.

Un ano de traballo
A xornada deste venres pon o ramo a unha actividade que arrincou co inicio deste curso académico. O alumnado de canto e de linguaxe musical de dez conservatorios profesionais de música (CMUS) estiveron ensaiando o repertorio ao longo de todo ano ata o ensaio xeral que abriu a xornada. Os centros que participaron nesta edición dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participou tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires a través dunha gravación que trazou unha ponte entre a vila natal de Castelao coa cidade porteña na que o intelectual viviu os derradeiros anos e morreu exiliado en 1950. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exerceu de mantedora do acto.


A iniciativa
“Na frente unha estrela, no bico un cantar” é o célebre verso de Rosalía de Castro que dá título a este programa didáctico musical. É unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, xunto co concello que acolle cada edición. O pianista e director Maximino Zumalave foi un dos máximos impulsores do proxecto, que conta tamén con outros nomes destacados. Entre eles atópase o de Juan Durán, responsable de todos os arranxos desta edición e moi vencellado ao proxecto desde o seu nacemento.

Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018), a tradición musical da raia (Tui, 2019) e en 2024, tras a parada obrigada pola COVID, recuperouse esta actividade coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia.