----

José María Castroviejo, escritor, xornalista e naturalista, entra no Álbum de Galicia

José María Castroviejo (Santiago de Compostela, 1909 - Pontevedra, 1983) foi un escritor, poeta e xornalista, pioneiro da ecoloxía e da defensa da natureza. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e publicou varios traballos na revista Nós. A súa entrada, elaborada por María Castroviejo, vén de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega.

A entrada do Álbum de Galicia destaca a influencia que tivo a súa nenez no desenvolvemento do seu pensamento. “Creceu nun ambiente culto. Pasou longas estancias na casa dos avós, en Paizás, Vedra (A Coruña), onde coñeceu a vida rural e escoitou lendas e relatos tradicionais” que o converteron “nun afervoado defensor da terra, da flora e da fauna” apunta María Castroviejo. Graduouse nas carreiras de Filosofía e Letras e Dereito e nos anos de universidade entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, onde coñeceu a Lois Tobío e Francisco Fernández del Riego. Nesa etapa tamén publicou traballos na revista Nós e colaboraba coa prensa republicana. Pola mesma época comezou a preocuparse pola defensa da natureza e a ecoloxía. Nos anos 20 participou nas protestas contra Primo de Rivera en defensa do ideario carlista. Motivo polo que sería encarcerado xunto con Enrique Lister. Episodio que lembrou nun artigo en ABC anos despois.

Nos anos 30 comezou a publicar os seus primeiros poemas e viaxar polo mundo, estudando o seu doutoramento en Lyon e embarcándose nun barco pesqueiro a augas irlandesas. Unha experiencia que plasmou en varias das súas obras de poesía e prosa. En 1935 comezou a publicar traballos académicos e impartir clase na Universidade de Santiago de Compostela na materia de Economía Política e Facenda Pública, praza que antes ocupara seu pai e tamén Alfredo Brañas. Durante a Guerra Civil, loitou no bando nacional, foi ferido dúas veces e casou en 1938. Tras a guerra, afastouse da política e exerceu como Asesor Cultural en Madrid antes de asumir a dirección de El Pueblo Gallego en 1941. Asumiu a dirección de El Pueblo Gallego e, como apunta María Castroviejo na entrada “desde ese posto axudou a moitos intelectuais e galeguistas que pasaban apuros económicos a consecuencia das súas ideas e compromisos políticos”. A entrada tamén apunta que foi destituído dese posto “polo seu talante liberal e non dubidou á hora de enfrontarse cos poderes do Réxime cando se trataba de defender a liberdade de expresión, a protección da natureza, os dereitos de labregos, pescadores e a cultura galega”.

No texto biográfico destaca que foi un recoñecido columnista e colaborador asiduo na prensa escrita e na radio en medios como ABC, La Vanguardia, Destino, La Ilustración Gráfica, Triunfo, Caza y Pesca, entre outros. No ano 1956 fóronlle concedidos o Premio Nacional de Xornalismo e o Premio Nacional de Literatura. Obtivo outros recoñecemento polos seus escritos e estudos sobre turismo e natureza galegos como o Premio excelencia turística ou a Medalla de Turismo do Salnés. As súas obras foron traducidas ao francés, inglés, romanés, alemán e italiano.

Foi un viaxeiro incansable, impartiu cursos e conferencias en América e Europa e impulsou a creación da Casa de América de Galicia en Vigo no marco da cal promoveu iniciativas culturais, conferencias e aulas de formación para que os emigrantes coñecesen o lugar onde se ían instalar.

Ao longo na súa vida mantivo unha fonda amizade co tamén escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro, con quen publicou os libros Teatro venatorio y coquinario gallego e Viaje por los montes y chimeneas de Galicia e con Ramón Mª del Valle-Inclán, que chegaría a supervisar algúns dos seus primeiros traballos literarios e a quen adicaría varios textos e artigos xornalísticos. En 1931 ademais, coñecería a Federico García Lorca cando visitaba Santiago de Compostela.

A entrada do Álbum de Galicia recolle unha escolma dos títulos que publicou e dos premios que gañou ao longo da súa vida. Ademais, contén un arquivo gráfico con fotografías da vida. amizades e familia do autor, así como as portadas orixinais de algúns dos seus traballos máis salientables.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.