----

Un país coa súa lingua. Foro participativo propón reforzar as redes entre persoas e entidades para estender o uso da lingua

Desenvolver redes de galegofalantes, incrementar a participación e intensificar os contactos entre entidades foron algunhas das propostas dos participantes na sesión ‘Sociedade, crenzas e participación comunitaria’, a última de ‘Un país coa súa lingua. Foro participativo’. A mediados de outubro farase un encontro de presentación de resultados das seis sesións no que tamén se incorporarán as cincocentas propostas dixitais remitidas pola cidadanía a través do web do CCG.

Ramón Varela, presidente da Asociación Alingua, destacou o valor da participación e puxo como exemplo a súa propia entidade, como unha proposta de funcionamento participativo promovido desde as institucións. “O modelo de Alingua dálle estabilidade ás propostas, contando máis os criterios técnicos que o discurso político”. Para Varela, a clave é a participación dos usuarios. “Non abonda con que as institucións produzan contido en galego, deben facer que a cidadanía participe”, explica. “Hai que crear redes de galegofalantes, e facer na medida posible que os participantes sexan tamén axentes normalizadores da lingua galega”.
Varela explicou o modelo dos proxectos da entidade, coma o programa Apego, para familias con nenos de ata seis anos, Youtubeiras, para creadores de contido e orientados á mocidade, o Club de Debate para institutos e o Enregueifate, que tamén vai para público xeral pero tamén cunha gran participación da mocidade. “A xente que participa ten que falar e comunicar en galego, e créanse redes de falantes porque se esa xente segue en contacto vaino facer nesa lingua. E ademais ao crear contido en galego funcionas como axente normalizador e iso ten unha gran carga simbólica”.

Acollemento lingüístico para migrantes
Varela tamén explicou a necesidade de que haxa produtos en lingua galega. “Temos que buscar o xeito de conectar con esa demanda, e sabémolo porque nos insisten moito as familias que levan os seus nenos ao Apego”, explica Ramón Varela. Por último, o presidente de Alingua tamén destacou os “acollementos lingüísticos para migrantes”, que teñen grandes resultados, porque “o galego funciona como lingua de acollida e a xente que vén de fóra non ten interiorizados os prexuízos que existen dentro”, e estender tamén este modelo a galegos non galegofalantes.

Pasar do estigma á estima é a clave das políticas de difusión do galego nos colectivos LGBTIQ+, fomentando o asociacionismo no rural ao xeito de diferentes entidades que están a traballar en diferentes territorios, “para que as persoas galegofalantes nativas do colectivo LGBTIQ+ poidan desenvolverse con liberdade no territorio na súa lingua. Esta é unha das propostas exposta por Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Para Ojea, a “creación de comunidade” a través do fomento dos centros sociais ou fortalecer os lazos con outras entidades asociativas veciñais, deportivas ou culturais é un xeito de construír “alianzas rebeldes”. Outra medida exposta desde os colectivos LGBTIQ+ é a creación de “espazos de lecer nos que a mocidade poida “concienciarse e politizarse gozando”, favorecendo a contratación de artistas LGBTIQ+ galegofalantes. Para Ojea, outro aspecto destacado sería potenciar o uso da linguaxe non binaria galega.

Pola súa banda, Iria Liñares, vicepresidenta do Consello do estudantado da USC e estudante de Grao, centrouse en accións concretas para usar no ámbito do ensino universitario, como reactivar as Comisións de Normalización Lingüística e a súa capacidade de financiar medidas de difusión de actividades en lingua galega. Para a estudante, é importante tamén que o alumnado coñeza os seus dereitos lingüísticos, e precisamente as xornadas informativas de benvida á universidade xogarían un papel importante nesa estratexia: ”Queremos facer que sexan un espazo integramente en galego”. Para Liñares, prestar atención aos estudantes de intercambio e Erasmus a través da colaboración coas entidades asociativas propias do grupo pode ser importante para dar a coñecer a lingua entre os estranxeiros.

Máis de cincocentas achegas

Este é a última das seis sesións temáticas de ‘Un país coa súa lingua. Foro participativo’. Desde febreiro ata esta tarde, diferentes colectivos, expertos, axentes cívicos e cidadáns participaron destas sesións nas que se abordou o futuro do galego na educación (febreiro), na administración, xustiza e servizos públicos (marzo), na sanidade, a ciencia e os servizos sociais (abril), na comunicación, na cultura e na acción exterior (maio)e na economía, turismo e deporte (xuño).

Xunto coas sesións presenciais, os cidadáns puideron contribuír coas súas achegas a través do mecanismo de participación dixital do web corporativo do CCG. Recibíronse máis de cincocentas propostas. Ata o 31 de xullo os usuarios poden enviar aínda achegas.

A mediados de outubro ofrecerase un encontro para presentar os resultados e as contribucións da cidadanía en perspectiva.