----

As XVI Jornades d’Intercanvi Cultural fortalecen os lazos históricos e culturais entre Galicia e Cataluña

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle estes días As XVI Jornades d’Intercanvi Cultural, organizadas organizadas pola Societat Verdaguer, a Societat Catalana de Llengua i Literatura e a Càtedra Verdaguer d’Estudis Literaris da Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya. Conferencias, mesas de debate, encontros arredor da tradución literaria galego-catalá e catalán-galego xunto con visitas a espazos emblemáticos da cultura galega enmarcan un programa de catro días que conta coa colaboración de diferentes entidades galegas.

As xornadas comezaron o xoves 11 de setembro na Biblioteca da institución, cunha sesión presidida pola presidenta Rosario Álvarez máis a intervención virtual do vicepresidente, Xosé M. Núñez Seixas. Ramón Villares abriu os relatorio cunha conferencia sobre Manuel Murguía e a España Regional, seguida pola achega de Xosé Ramón Veiga, que abordou as relacións entre Rexurdimento, liberalismo e Realpolitik.

A actividade continuou o venres 12 tamén na sede do Consello da Cultura Galega. A primeira intervención correu a cargo de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona que afondou na dimensión máis combativa e universal de Rosalía de Castro. Na súa conferencia, titulada Xénero, clase e nación na obra de Rosalía de Castro, María Xesús Lama destacou como a autora do Rexurdimento converteu a poesía nun espazo de liberdade e denuncia, no que se entrelazan a defensa da identidade galega, a reivindicación da dignidade das mulleres e a denuncia das inxustizas sociais. A investigadora presentou a Rosalía como unha voz inconformista, capaz de dar protagonismo ás mulleres e ás clases populares, de cuestionar o malgoberno e de converter a lingua galega nunha ferramenta de cohesión e prestixio. A análise puxo tamén en diálogo a obra rosaliana coas teorías feministas contemporáneas, salientando a súa capacidade de anticipar reflexións arredor da igualdade e do empoderamento feminino. Deste xeito, Lama subliñou a vixencia dunha autora que segue a iluminar debates actuais sobre xénero, nación e clase social, e que continúa a inspirar novas xeracións.

De seguido, Ronald Puppo centrouse na poetización oitocentista do conflito entre as Españas centrípetas e periféricas, tomando como referencia a obra rosaliana. A mañá pechouse cunha mesa redonda, moderada por Dolores Vilavedra, arredor da tradución galego-catalá e catalán-galego, coa participación de Núria Camps e Pere Tobaruela.

As xornadas, que se extenden ata o domingo, contan coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, a Universidade de Santiago de Compostela e a Secció Històrico-Arqueològica (IEC).