----

Incorpóranse aos fondos dixitais as traducións de Henrique Harguindey

O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de incorporar aos seus fondos dixitais as traducións ao galego de obras clásicas da cultura francesa e textos medievais vencellados a Galicia feitas polo profesor e tradutor Henrique Harguindey Banet (Lugo, 1946- Cangas, 2024). Deste xeito garántase a custodia e difusión do esforzo filantrópico de tradución que xa foi difundido en vida polo propio autor no espazo web palabrasdesconseladas.gal.

palabrasdesconseladas.gal

Henrique Hanguindey foi un pioneiro en Galicia no uso das licencias Creative Commons (CC) para difundir o seu traballo. A través do seu espazo web palabrasdesconxeladas.gal foi publicando máis dunha vintena de obras clásicas francesas traducidas ao galego dipoñibles na súa maioría en pdf e tamén en ePub. Na escolma hai autores recoñecidos como Víctor Hugo (O reiciño de Galicia; O derradeiro día dun condenado ou Os Miserables), de Molière, Francçois Rabelas ou Cyrano de Bergerac. Ao tempo, Harguindey incorporou tamén outros traballos descargables, como ensaios e artigos ao redor da lingua, a cultura popular oral, a tradución ou a presenza de Galicia na literatura francesa.

O espazo que dispoñibiliza a institución dentro do seu sitio web mantén o formato do espazo web no que estivo aloxado ese material. A historia desta cesión, solicitada polo autor e que contou coa mediación do seu fillo Breixo Harguindey, pódese ler completa na reportaxe que hoxe publica Culturagalega.gal, o portal de difusión cultural que mantén o CCG.

Henrique Harguindey Banet foi un escritor, profesor, tradutor e activista galego dedicado a promover a lingua, cultura e identidade de Galicia. Licenciado en Filoloxía Francesa, exerceu como catedrático de francés e traduciu máis de corenta obras desde o francés cara o galego, abarcando teatro, poesía, narrativa e ensaio. Naceu nunha familia de tradición nacionalista, dado que o seu avó Manuel Banet foi figura destacada nas Irmandades da Fala e colaborador na creación da Real Academia Galega. Desde os anos sesenta participou en colectivos culturais como O Facho, en labores formativos e de ensinanza, e dende 1987 ata 1995 foi concelleiro en Cangas polo PSG-EG. O seu labor tivo carácter ético, profundamente comprometido coa recuperación lingüística —non só traducindo senón tamén fomentando literatura, lingua popular e facéndoa máis accesible—, deixando un legado literario, político e cultural moi recoñecido en Galicia