----

Xela Arias, Marica Campo, Ánxel Fole e unha escolma de cantigas incorpóranse ao proxecto “Seara”

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de Marica Campos, Xela Arias, Ánxel Fole e unha escolma de cantigas

Seara: novos textos

Web de Seara

Esta actualización do proxecto Seara inclúe relatos de Ánxel Fole, Marica Campo, Xela Arias e unha escolma de cantigas, traducidos ao inglés por Kathleen March, Jonathan Dunne e Harriet Cook. Voces masculinas e femininas, así como textos clásicos xunto con outros máis contemporáneos, para completar este repositorio que medra anualmente.
Abre esta edición unha escolma de cantigas en consonancia coa homenaxe que a Real Academia Galega rendeu ás cantareiras ao dedicarlle o Día das Letras Galegas este ano polo seu papel na preservación desta tradición. Cantigas que recollen emocións, traballos, amores e desventuras cunha voz poética e que soaron en fiadas, romarías ou labores. As cantigas da escolma que se sobe foron traducidas por Kathleen March e contan tamén con versión sonora, nunha interpretación feita por Alba María.
Séguenlle textos de Marica Campo (O Incio, 1948), escritora, mestra e creadora polifacética, con obra en poesía, narrativa e teatro. A súa poesía, en libros como Pedinche a luz prestada ou Tras as portas do rostro, destaca pola intensidade lírica e o compromiso coa memoria, a identidade e a muller. No relato e na novela aborda a realidade rural, a emigración e a loita pola dignidade. Traduce Kathleen N. March os fragmentos Da auga e outras miraxes, Outra illa, outro barqueiro, Da memoria da auga e Fútbol Galáctico. Inclúe un recitado a cargo de Luís Iglesia.

Neste día da tradución tampouco podía faltar Xela Arias (Lugo, 1962–Vigo, 2003) quen, ademais de ser poeta e editora, traduciu ao galego a Joyce ou a Heaney. Arias foi unha das voces máis renovadoras da literatura galega contemporánea e a súa obra, con títulos como Denuncia do equilibrio ou Tigres coma cabalos, explora a identidade, o corpo, a sexualidade e a rebeldía, cunha linguaxe radical e innovadora. Nesta entrega, Harriet Cook traduce fragmentos de Tigres coma cabalos e Darío a diario, publicados xunto cun audio a cargo de Nora Abad.

Completa esta entrega Ánxel Fole (Lugo, 1903-1986), narrador e xornalista, mestre do conto, renovador da narrativa e transmisor dunha Galicia enraizada na cultura popular. Aquí recóllense fragmentos de Á lus do candil, traducidos por Jonathan Dunne, que permiten ver unha mostra da tradición rural e as crenzas do mundo labrego que caracterizan a escrita de Fole. A locución dos contos corre a conta de Luís Iglesia.

Sobre o proxecto
No Día Internacional da Tradución de 2023, a presidenta, Rosario Álvarez, e a coordinadora deste proxecto, Kathleen March, presentaron publicamente este proxecto web que xunta textos literarios coas súas correspondentes traducións inglesas. Un proxecto colaborativo que tomaba o seu nome da paisaxe tradicional galega, xa que a seara, ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, eran traballadas comunitariamente por diferentes familias que participaban con cadansúa leira.

Kathleen Nora March e DoloresVilavedra son as coordinadoras deste proxecto para o que se constituíu en 2022 unha comisión técnica temporal, na actualidade formada por Neil Anderson, Óscar Cardoner Sebio, Jonathan Dunne, Ana Luna, Erin Moure, Keith Payne, Jacob Rogers e Rocío Viéitez Ferro, todos eles profesionais de recoñecido prestixio.

Daniel A. Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Eduardo Pondal, Claudio Rodríguez Fer, Emma Pedreira e Luísa Villalta son os autores cos que comezou este proxecto ao que en 2024 se sumaron tres novas figuras: Chus Pato, Otero Pedrayo e Rafael Dieste.