----

O foro Un país coa súa lingua pecha o proceso participativo cunha sesión aberta

A iniciativa Un país coa súa lingua. Foro participativo que promove o Consello da Cultura Galega (CCG) e que pilota Dolores Vilavedra entra na súa recta final. Este xoves terá lugar na sede da institución (a partir das 16:30 horas) a última sesión participativa na que se debaterán tanto as medidas presentadas no marco deste proceso, como as recibidas por internet para conformar un documento con propostas concretas encamiñadas a recuperar o vigor do galego. O informe final será presentado publicamente nas vindeiras semanas.

Esta sesión final está pensada para consolidar unha visión compartida das conclusións do foro Un país coa súa lingua. Neste último encontro identificaranse e expresaranse as reflexións, suxestións e propostas fundamentais extraídas ao longo da celebración do foro para, a partir de aí, desenvolver principios e liñas de actuación que dean coherencia e continuidade ao conxunto do proceso.

A sesión, aberta a toda a cidadanía, contará coa asistencia dos coordinadores de cada unha das mesas que se desenvolveron entre febreiro e xullo (Nel Vidal da mesa “Educación e socialización”; Alba Nogueira da mesa “Administración, xustiza e servizos públicos”: Iolanda Casal de “Sanidade, ciencia e servizos sociais”; Marta Veiga de “Comunicación, cultura e acción exterior”; Jackson R. Soares e Montse Pena “Asociacións e redes comunitarias”). Ademais, tamén se poñerán sobre a mesa o medio millar de propostas remitidas pola cidadanía a través do espazo web habilitado para o proxecto.

A iniciativa
O pasado mes de xaneiro, a institución puxo en marcha Un país coa súa lingua. Foro participativo, como unha estratexia complementaria a outras iniciativas, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións desenvolvidas desde outras entidades. Na primeira xornada, que abordou a situación da lingua no ensino, púxose enriba da mesa unha medida piloto para posibilitar unha liña educativa voluntaria na que o galego teña maior presenza, desenvolta con carácter experimental, de maneira voluntaria e consensuada entre todos os axentes implicados (familias e centros), co obxectivo de compensar a menor presenza social do galego. Na segunda sesión, propúxose a creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego; traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais foron algunhas das medidas abordadas. Na terceira sesión, abordáronse estratexias de benvida con programas de acollida transcultural, a promoción de contidos específicos desde a CRTVG que faciliten a inmersión lingüística dun xeito ameno e lúdico, a realización de estudos sociolingüísticos desde a perspectiva da emigración e a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural. Na cuarta mesa propúxose empregar o galego e a identidade galega como piares estratéxicos nas empresas, crear unha plataforma transmedia para a difusión e posta en valor da identidade galega e replicar experiencias de pequeno formato como o festival Presumo de Galego. Na quinta mesa abordouse o galego como unha oportunidade comercial, avanzar na regulamentación do etiquetado do produto na nosa lingua e promover programas de xestión empresarial en galego. Na sexta e última mesa propuxéronse medidas como desenvolver redes de galegofalantes, incrementar a participación e intensificar os contactos entre entidades.