Na súa intervención parlamentaria, Rosario Álvarez perfilou as liñas de programación de actividades que a institución aprobou en sesión plenaria o pasado 23 de outubro. O CCG prestará especial atención en 2026 aos medios de comunicación en galego, en conmemoración do 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais, en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas e do programa didáctico-musical No bico un cantar, que en 2026 se celebrará en Vilalba. Unha das liñas de acción afondará no patrimonio natural e na paisaxe, ámbitos intimamente ligados á visión e ao legado de Ramón Otero Pedrayo, coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento. Outra das liñas prioritarias do vindeiro ano atenderá ás transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios, ao reforzo da acción exterior, así como aos modelos de transmisión memorial.
No primeiro trimestre de 2026 terá lugar o acto de entrega das Medallas do Consello da Cultura Galega, que na súa terceira edición recaen no científico Francisco Díaz-Fierros e na filóloga Kathleen March. As Medallas do Consello da Cultura Galega foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e a significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende poñer en valor a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o relevante papel da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.
Ademais, seguindo fiel á liña de traballo habitual da institución, para 2026 está programada unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural (Barómetro da Cultura Galega e Conxunturas), así como actividades destinadas a fomentar a cultura científica, tecnolóxica e ambiental.
A actividade de 2025
Para o conxunto do ano 2025, entre as actividades realizadas a día de hoxe e as previstas ata final de ano, realizaranse 105 actividades, un 9% máis que en 2024 e o 36% tiveron lugar fóra da sede institucional. Neste ano prestouse atención ao patrimonio inmaterial (danzas brancas, a rega tradicional, os oficios do mar, o baile tradicional...). Púxose en marcha o proxecto “Lugares de memoria”, un catálogo virtual de 75 entradas que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea. A actividade caracterizouse pola variedade nos formatos (xornadas, propostas escénicas, concertos e mesas de debate, audiovisuais entre outras tipoloxías). A programación tamén deixou iniciativas pioneiras como “Diplomacia e cultura”, que xuntou por primeira vez na institución ao corpo consultar acreditado en Galicia co que se destacou a importancia da diplomacia cultural.
Neste ano desenvolvéronse 12 exposicións, tres delas de nova creación, que contaron con 26 itinerancias. En materia de asesoría, realizáronse 13 informes de impacto ambiental, 9 informes para a tramitación de ben de interese cultural (BIC) e 5 máis entre os que destaca o informe de carácter propositivo “Un país coa súa lingua. Foro Participativo” que contén 96 propostas para recuperar o vigor do galego. O Observatorio da Cultura Galega realizou oito informes nos que destaca o Barómero da cultura, a primeira análise da situación do gasto en cultura na Administración Local e outra sobre a situación dos museos e outros centros museísticos do país. De aquí a final de ano publicarase unha conxuntura sobre a situación actual da cultura.
En acción exterior desenvolvéronse actividades de diferente formato en Brasil (Belo Horizonte), Portugal (Lisboa, Braga, Porto, Guimaraes e Ponte de Lima), Irlanda (Dublín), Estados Unidos (Iowa), Alemaña (Flensburg e Essen), Cuba (A Habana) e no resto de España (Barcelona e Madrid). Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos, como a presentación da plataforma Ágora que adapta para podcast conferencias destacadas da institución ou “A carón de nós” serie documental para coñecer a vida e a obra de Castelao.
A acollida dos grupos parlamentarios
Os grupos parlamentarios destacaron, nas súas respectivas quendas de intervención, o traballo en materia de asesoramento aos poderes públicos, así como as contribucións e os proxectos da institución desenvolvidos neste ano. O deputado Amando Ojea, do Grupo Mixto, salientou “a distribución territorializada das actividades da institución”. A deputada Silvia Longueira, do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, puxo en valor o traballo de arquivo, “que é o que defende a nosa memoria e nos fai grandes a tempo futuro”.
Unha visión na que coincidiu a deputada Mercedes Queixas, do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, quen subliñou a necesidade dun incremento orzamentario. Por último, o deputado José Luis Ferro, do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, destacou o ton construtivo co que o CCG “desenvolve a súa actividade desde a lealdade e independencia institucional”.




