O Proxecto DJEHUTY cumprirá o vindeiro ano o seu 25º aniversario de traballos arqueolóxicos na necrópole da antiga Tebas, na beira occidental da actual cidade de Luxor. Parte do xacemento e as tumbas de Djehuty e de Hery, datadas arredor do ano 1500 a. C., abríronse oficialmente ao público en 2023. Decoradas en relevo, son as únicas tumbas en Exipto iluminadas con paneis solares. Doutra banda, terminouse de preparar a publicación científica do xardín funerario do 2000 a. C., que conservaba desecados restos botánicos e sementes das plantas que creceron hai 4000 anos. No xardín tamén se recolleu pole de plantas que medraron de forma espontánea ou que foron plantadas no val fértil xunto á necrópole. No marco da conversa tamén se explicará a análise e datación dun colar con oito doas de vidro, que poderían ser o testemuño de vidro máis antigo achado ata o momento en Exipto e que foi atopado dentro dun cadaleito sobre o corpo momificado dunha moza de quince anos, que debeu vivir e morrer arredor do 1700 a. C.
Nas dúas últimas campañas, a escavación centrouse no alto do outeiro, onde se ten indicios de que se levantaron dúas pirámides construídas en adobe por dous reis da dinastía XVII, ca. 1600 a. C. De confirmarse a súa localización, entenderíase mellor a orientación dos pozos funerarios e das capelas de ofrendas que se desenterraron ao pé do outeiro e que pertenceron á familia real e aos cortesáns desa época.
Coa colaboración de Leica Geosystems, Proskene e o CESGA, o Proxecto Djehuty escaneou todo o xacemento arqueolóxico e está a desenvolver un sistema de información xeográfica (SIX) para ofrecer en acceso libre, a través da súa web, os principais datos e recursos do traballo arqueolóxico. Desde 2019, o CESGA achega a súa experiencia en SIX aplicados ao patrimonio, encargándose do desenvolvemento e mantemento do sistema xeorreferenciado, do aloxamento e servizos tecnolóxicos, da colaboración técnica en campo e da integración dos datos co xeovisor e os recursos de divulgación do proxecto.



