A xornada pretende poñer sobre a mesa as carencias que presenta o tratamento actual do patrimonio cultural, centrado case exclusivamente na declaración de bens de interese cultural, ao tempo que reivindica o potencial dun traballo en rede no territorio, onde sexan as comunidades o eixo central da acción patrimonial. Comeza coa presentación dun informe elaborado pola sección sobre a situación e salvagarda do patrimonio inmaterial a cargo de Teresa Nieto e Rebeca Blanco-Rotea.
Despois seguirá a intervención titulada “Do Censo de patrimonio cultural á Lista de patrimonio cultural inmaterial da UNESCO”, a cargo de Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. Especializada en estudos sobre patrimonio, políticas culturais e procesos de patrimonialización, Jiménez-Esquinas abordará a evolución das ferramentas e criterios utilizados para identificar, documentar e protexer o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. A súa intervención afondará na importancia de comprender o patrimonio como un proceso vivo e dinámico, no que as comunidades teñen un papel fundamental, así como nas relacións entre os instrumentos locais de rexistro e os marcos internacionais como o da UNESCO.
Seguidamente, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada na Real Academia Galega, presentará “Galicia Nomeada: un modelo de plataforma colaborativa para a recolleita de patrimonio cultural inmaterial”. Feijoo, con ampla experiencia en proxectos de innovación cultural e participación social, explicará o funcionamento desta ferramenta dixital que busca implicar á cidadanía na identificación e documentación dos bens culturais inmateriales galegos. A súa intervención destacará o potencial das novas tecnoloxías e da colaboración comunitaria para preservar e transmitir saberes, tradicións, expresións orais e formas de vida que conforman a identidade cultural de Galicia.
A mesa redonda “Tecer redes arredor do PCI. As asociacións e as institucións da memoria no territorio”, moderada por Ana Estévez Lavandeira, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Estévez guiará un diálogo sobre como as entidades locais, museos e proxectos de base social contribúen á conservación e difusión do patrimonio inmaterial. Participarán Concha Losada Diéguez, representante de APOI–Museo do Pobo Galego, quen analizará o labor dos museos etnográficos como espazos de recoñecemento e transmisión da memoria colectiva; Carmen Suárez, impulsora do proxecto Fálame de San Sadurniño, que relatará a experiencia de recoller testemuñas orais e relatos de vida como parte esencial do patrimonio local; Íñigo Sánchez-Fuarros, membro do proxecto Palcos, quen reflexionará sobre a música popular e as prácticas culturais como vehículos de identidade e pertenza; e Larraitz Urruzola, integrante da asociación Morreu o Demo, afondará nos desafíos da recuperación do títere tradicional. A mesa pechará cun intercambio de ideas sobre a necesidade de fortalecer redes entre institucións e colectivos para garantir a sustentabilidade do patrimonio cultural inmaterial.
Xa pola tarde, desenvolverase a mesa redonda “A salvagarda dun PCI vivo. Comunidades e patrimonio cultural inmaterial: problemas comúns e retos compartidos”, moderada por Teresa Nieto. Neste espazo, analizaranse diferentes ámbitos do patrimonio inmaterial que xa foron abordados de maneira específica nas catro xornadas que o CCG desenvolveu entre marzo e outubro na Fonsagrada Ribeira, Santiago e Mondariz..Ana García Lenza, lingüista e investigadora, achegará unha reflexión sobre a música, o canto e o baile como expresións identitarias que evolucionan co tempo mais manteñen o seu valor simbólico e social. Manuel Chaín Pérez, arquitecto con experiencia en proxectos de recuperación costeira, tratará os oficios do mar, destacando a súa dimensión patrimonial e a necesidade de preservar os coñecementos tradicionais asociados á pesca e á construción naval. Ángeles Santos Vázquez, arquitecta e especialista en patrimonio agrario, centrará a súa intervención na rega tradicional, analizando a importancia destas prácticas para a xestión sustentable do territorio e a memoria das comunidades rurais. Finalmente, Clemente López, integrante dos Danzantes da Cervela, exporá o caso das danzas brancas, unha tradición viva que exemplifica a transmisión interxeracional do saber colectivo e o compromiso das comunidades coa súa continuidade.



