A presidenta, Rosario Álvarez, avanzou a programación da institución para este ano. Unha das actividades máis destacadas terá lugar en febreiro, cando se entregue a máxima distinción que concede a institución, as Medallas do Consello da Cultura Galega, a Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros. Foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar tanto a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como a relevancia do fortalecemento da rede cultural dentro do país.
En 2026 celebrarase o 150 aniversario da aparición do xornal O Tío Marcos d´a Portela que abrirá unha liña de traballo que prestará atención aos medios de comunicación en galego, entre eles, a homenaxe a Valentín Lamas Carvajal ou a celebración do 40 aniversario da televisión pública galega, entre outros. Destaca unha liña de acción estratéxica sobre a paisaxe, que está vencellada coa figura e co legado de Ramón Otero Pedrayo, en pleno Ano Pedrayo que conmemora o seu 50 cabodano. Na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas (que terá lugar en Vigo), e do programa didáctico musical No bico un cantar (que este ano se realizará en Vilalba). Outra das liñas prioritarias do ano será a atención as transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior, así como os modelos de transmisión memorial. Hai tamén, outras figuras ás que o CCG prestará atención, como son Ramón Cabanillas (polo 150 aniversario do seu nacemento), Aída Fernández Ríos (bióloga homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia), e José Surárez (fotógrafo elixido para o Día das Artes Galegas). Ademais, neste 2026 terá lugar o proceso de renovación parcial do plenario da institución, en cumprimento da lexislación que rexe a institución.
Balance de 2025
En 2025 desenvolvéronse 106 actividades, un 9% máis que en 2024 e o 36% tiveron lugar fóra da sede institucional. Neste ano prestouse atención ao patrimonio inmaterial (danzas brancas, a rega tradicional, os oficios do mar, o baile tradicional...). Púxose en marcha o proxecto “Lugares de memoria”, un catálogo virtual de 75 entradas que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea. A actividade caracterizouse pola variedade nos formatos (xornadas, propostas escénicas, concertos e mesas de debate, audiovisuais entre outras tipoloxías). A programación tamén deixou iniciativas pioneiras como “Diplomacia e cultura”, que xuntou por primeira vez na institución o corpo consultar acreditado en Galicia.
No apartado expositivo desenvolvéronse 13 exposicións, tres delas de nova creación (Sob o signo de Camões, Pegadas para un tempo novo e A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral), que contaron con 27 itinerancias. En materia de asesoría, realizáronse 13 informes de impacto ambiental, 8 informes para a tramitación de bens de interese cultural (BIC) e outros 8 máis de diversas temáticas, entre os que destaca o informe propositivo “Un país coa súa lingua. Foro Participativo”, que contén 96 propostas para recuperar o vigor do galego. O Observatorio da Cultura Galega realizou oito informes, nos que destacan o Barómero da cultura, a Conxuntura estatística de 2025, a primeira análise da situación do gasto en cultura na Administración Local e un estudo sobre a situación dos museos e outros centros museísticos do país.
En acción exterior desenvolvéronse actividades de diferente formato en Brasil (Belo Horizonte), Portugal (Lisboa, Braga, Porto, Guimarães e Ponte de Lima), Irlanda (Dublín), Estados Unidos (Iowa), Alemaña (Flensburg e Essen), Cuba (A Habana) e en diversos lugares de España. Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos dixitais, como a presentación da plataforma “Ágora” que adapta para podcast conferencias destacadas da institución ou “A carón de nós” serie documental para coñecer a vida e a obra de Castelao; ou tamén a presentación dunha nova ferramenta para achegarse aos documentos e publicacións dixitais da institución que se puxo en marcha con “Papés d’emprenta condenada” .



