Na sesión plenaria realizada no serán deste xoves deixaron no seu posto os representantes que esgotaron o tempo máximo permitido na institución segundo o seu regulamento. Tomaron posesión do seu posto e recibiron a insignia do CCG Marilar Aleixandre (Madrid, 1951), en representación da Real Academia Galega; Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956), pola Real Academia Galega de Ciencias; Miguel Fernández Cid (Pontevedra, 1956), pola Real Academia Galega de Belas Artes; César Llana (Pravia, 1958), en representación do Consello Galego de Museos; e Paula Pita Galán (A Coruña, 1981), por parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Todos eles foron designados polas respectivas entidades que compoñen a institución, segundo o establecido pola súa Lei de creación. Abriuse tamén o prazo de presentación de candidaturas na quenda de personalidades destacadas da cultura galega, que tomarán posesión no vindeiro pleno. Aprobouse ademais a incorporación de Paula Cabaleiro á comisión executiva.
O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios na súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece a renovación, por metades, dos representantes das entidades. Compételles a elas a elección da persoa que as representará no Plenario do Consello da Cultura Galega.
Avance do segundo trimestre
Na orde do día figuraba un avance da actividade da institución para o segundo trimestre. En atención ás liñas de traballo prioritarias para este 2026, realizarase unha xornada que analizará a traxectoria dos 40 anos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), entre outras actividades. Con respecto á liña de acción “Migracións e transferencias culturais”, púxose como exemplo a posta en marcha do programa “Escoitadoiros: migracións e dereitos culturais. Comunicación e cultura de paz”, como acción estratéxica para desenvolver desde unha perspectiva de interculturalidade crítica. Atenderase tamén aos modelos de transmisión memorial, liña en que se destacou unha xornada que afondará na importancia da recollida no ámbito escolar e nas fontes de transmisión oral. Na liña de traballo sobre patrimonio natural e paisaxe, a revisión da situación do territorio contará con numerosas actividades transdisciplinarias que comezarán cos Encontros Temáticos Transversais, nos que se reflexionará, os vindeiros 17 e 18 de marzo, sobre o espazo litoral.
A situación das mulleres terá unha ampla presenza ao longo deste mes de marzo, no ronsel do 8M, a través de proxeccións, fondos documentais e a mostra Emigrantas: emerxer do silencio (ata o 3 de maio no Kiosco Alfonso da Coruña). Como liña de acción central da institución terá continuidade ao longo de todo o ano e, nomeadamente, nos vindeiros meses cun congreso e cunha exposición titulada Eu tamén navegar, que conmemorará os 50 anos do feminismo galego. Ademais, no mes de abril haberá unha xornada sobre o liderado feminino na Idade Media.
A figura de Begoña Caamaño protagonizará a habitual programación da institución para o Día das Letras Galegas: unha publicación de homenaxe e un concerto que terá lugar o día 16 de maio no auditorio Mar de Vigo. Reforzarase a publicación de documentos web e recursos arredor da súa figura e están previstas actividades que se estenderán no calendario máis alá do 17 de maio. Ademais, no segundo trimestre terá lugar o concerto didáctico musical “No bico un cantar”, que homenaxeará as e os poetas da Terra Chá desde Vilalba.
Na área de asesoría elaboraranse novos documentos e informes, entre os que destaca unha nova edición do Barómetro da cultura galega, así como as recomendacións tituladas “Esperando a eclipse total de sol”, que un grupo de persoas expertas convocadas pola Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade está ultimando sobre a eclipse que terá lugar o vindeiro 12 de agosto.
En acción exterior haberá diferentes actividades, entre as que figuran o Plan de extensión cultural dos centros de estudos galegos e o Plan de acción cultural específico de Galicia para os países de lingua portuguesa.




