NOTICIA

----

Reflexión sobre a custodia dos arquivos fotográficos a partir da figura de José Suárez

José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974) é unha figura central da fotografía documental en Galicia no século XX, pero a súa obra ten tamén un contexto internacional ligado ao exilio, ao traballo editorial e ás súas viaxes e un acercamento á cultura xaponesa. O ciclo “Revisando a nosa arte”, promovido pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro, achégase á súa figura e legado, pero propón tamén unha reflexión sobre os arquivos fotográficos. Silvia García e Carlos L Bernárdez coordinan esta cita na que participan destacados estudosos da fotografía como Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.

A xornada encádrase no marco das celebracións do Día das Artes Galegas, dedicado á figura de José Supárez. Comeza coa intervención de Manuel Sendón, fotógrafo e comisario de exposicións cunha ampla traxectoria no ámbito da fotografía contemporánea galega, quen realizará unha contextualización da fotografía de José Suárez, achegando claves para comprender a relevancia do seu traballo no panorama fotográfico.
A actividade retomarase cunha conversa arredor das exposicións de José Suárez, na que participarán Xosé Luís Suárez Canal, profesor de Fotografía e profundo coñecedor da historia da imaxe en Galicia, e Carlos L. Bernárdez, historiador da arte e comisario de exposicións cunha destacada traxectoria na investigación e difusión da arte contemporánea. Este diálogo permitirá analizar a proxección pública da obra do autor e o seu tratamento expositivo ao longo do tempo.

A xornada concluirá coa intervención de Silvia García González, profesora na Facultade de Deseño e na de Belas Artes de Pontevedra, especialista en cultura visual e prácticas contemporáneas, quen abordará o tema “Arquivos, legados e centros de fotografía”, centrando a súa análise na conservación, estudo e difusión do patrimonio fotográfico.

Sobre José Suárez
Iniciou a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda Dereito e que será determinante na súa formación intelectual. Alí coñeceu a Miguel de Unamuno (auténtico modelo ético para Suárez) e entrou en contacto con Ortega y Gasset e cos intelectuais da Revista de Occidente.
Suárez realizou nos anos trinta varias series fotográficas de temas galegos: oficios, traballos e festas, entre as que debemos destacar a da “Romaría de San Vitoiro” (ca. 1932) no seu concello natal de Allariz. En 1935-1936 elabora a serie Mariñeiros, que é, sen dúbida, o seu traballo máis recoñecido con estilemas ligados ás vangardas fotográficas. Esta serie de fotografías precede á rodaxe do filme Mariñeiros (1936), que non pode rematar en Galicia debido ao comezo da Guerra Civil, que o vai levar ao exilio por mor da súa posición ideolóxica, e será estreado en 1938 na Arxentina, pero non se conserva ningunha copia. Neste país, Suárez traballa no cinema comercial e no xornalismo e establece estreitos vínculos cos intelectuais do exilio: Núñez Búa, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Manuel Colmeiro, José Bergamín, Rafael Alberti, Pérez de Ayala... e abre a súa obra a novas temáticas, como nas series dedicadas á Pampa e á Patagonia. Da Arxentina viaxa, en 1950, a Punta del Este (O Uruguai), onde rexenta a librería El Yelmo de Mambrino (nunha homenaxe cervantina). En 1959 volve a Galicia, onde continúa o traballo fotográfico e retoma os temas do campo e os mariñeiros, e tamén fotografa a cidade de Santiago de Compostela.

O ciclo "Revisando a nosa arte"
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Estas xornadas serven para poñer en valor ás súas obras, os seus procesos creativos e as súas traxectorias. Afondouse no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. No marco deste ciclo analizáronse as figuras de Carlos Maside, Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana, Alberto Datas, Tino Grandío, Manuel Torres, Francisco Miguel, Amparo Segarra e Alberto González- Alegre.