Xornada - José Suárez. Fotografía, arquivos e legado. 29 de abril do 2026

José Suárez. Fotografía, arquivos e legado

Revisando a nosa arte Xornada

José Suárez. Fotografía, arquivos e legado

29 de abril do 2026
Santiago de Compostela
Xornada
Revisando a nosa arte

José Suárez. Fotografía, arquivos e legado

29 de abril do 2026 Santiago de Compostela
Nesta nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte, dende a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG achegarémonos á obra do fotógrafo e cineasta José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974), ao que se lle dedica neste 2026 o Día das Artes Galegas.

Suárez é unha figura central da fotografía documental en Galicia no s. XX, pero a súa obra ten tamén un contexto internacional ligado ao exilio, ao traballo editorial e ás súas viaxes e un acercamento á cultura xaponesa.

Iniciou a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda Dereito e que será determinante na súa formación intelectual. Alí coñeceu a Miguel de Unamuno (auténtico modelo ético para Suárez) e entrou en contacto con Ortega y Gasset e cos intelectuais da Revista de Occidente.

Suárez realizou nos anos trinta varias series fotográficas de temas galegos: oficios, traballos e festas, entre as que debemos destacar a da “Romaría de San Vitoiro” (ca. 1932) no seu concello natal de Allariz. En 1935-1936 elabora a serie Mariñeiros, que é, sen dúbida, o seu traballo máis recoñecido con estilemas ligados ás vangardas fotográficas. Esta serie de fotografías precede á rodaxe do filme Mariñeiros (1936), que non pode rematar en Galicia debido ao comezo da Guerra Civil, que o vai levar ao exilio por mor da súa posición ideolóxica, e será estreado en 1938 na Arxentina, pero non se conserva ningunha copia. Neste país, Suárez traballa no cinema comercial e no xornalismo e establece estreitos vínculos cos intelectuais do exilio: Núñez Búa, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Manuel Colmeiro, José Bergamín, Rafael Alberti, Pérez de Ayala... e abre a súa obra a novas temáticas, como nas series dedicadas á Pampa e á Patagonia. Da Arxentina viaxa, en 1950, a Punta del Este (O Uruguai), onde rexenta a librería El Yelmo de Mambrino (nunha homenaxe cervantina). En 1959 volve a Galicia, onde continúa o traballo fotográfico e retoma os temas do campo e os mariñeiros, e tamén fotografa a cidade de Santiago de Compostela.

Na xornada analizarase a amplitude da súa obra e o seu percorrido biográfico, mais tamén se falará do legado e as cuestións relativas á custodia dos arquivos fotográficos. Un debate necesario na actualidade e que atinxe á conservación do patrimonio e á divulgación da obra artística.
Ficha técnica 
Xornada
Revisando a nosa arte
José Suárez. Fotografía, arquivos e legado
Cando
29 de abril do 2026
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Coordinación
Silvia García González
Carlos López Bernárdez
Relator/a
Carlos L. Bernárdez
Silvia García González
Manuel Sendón Trillo
Xosé Luís Suárez Canal
Modera
Silvia García González
Presenta
Rosario Álvarez
Paula Cabaleiro Comesaña
Silvia García González
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: José Suárez, serie Mariñeiros, 1936