----

O CONGRESO GALICIA-IRLANDA ANALIZA O "MILAGRE" ECONÓMICO IRLANDÉS E A DIÁSPORA DOS DOUS POBOS

Galicia e Irlanda como países de emigración e de industrialización tardía e as súas relacións culturais centraron a segunda xornada do Congreso internacional "Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas", que se celebra desde o mércores, día 21, no Consello da Cultura Galega (CCG). Entre a análise de similitudes e diverxencias, o profesor Fernando González Laxe foi o encargado de tocar un tema no que as relacións entre Irlanda e Galicia están na actualidade enfrontadas: a pesca. Laxe reclamou a igualdade de acceso aos caladoiros e control das cotas fronte aos irlandeses e a non imposicións de restriccións, sinalando que se a Unión Europea non resposta á necesidade de acordos, haberá que apostar por acordos privados ou das institucións galegas para conseguir que a flota desenvolva a súa capacidade. "Galicia non pode estar maniatada por postulados arcaicos", sinala, dada a importancia económica e social da pesca en Galicia.

Laxe foi un dos relatores participantes na mesa "Dous países de industrialización tardía", moderada por Xosé Manuel Beiras, quen destacou a condición periférica das economías galega e irlandesa e como o seu desenvolvemento industrial serodio condicionou a súa evolución posterior. O "milagre" económico irlandés das últimas décadas, baseado no desenvolvemento das novas tecnoloxías, foi un tema presente no debate e sobre o que amosaron a súa visión o xornalista Pablo González e o fotógrafo Xurxo Lobato, de La Voz de Galicia. Ante a comparación do modelo económico galego e irlandés, o profesor X. Carmona, da USC, indicou que se o que se quere é emular ao "tigre irlandés" haberá que traballar moito no futuro, "porque de momento aínda non pasamos de gatiño".

Na primeira mesa da mañá, moderada por Marcelino X. Fernández, do Arquivo da Emigración Galega, abordouse a condición de Galicia e Irlanda como países de forte emigración e exilio. A profesora M. C. Saavedra describiu un caso destacable nas relacións históricas entre Galicia e Irlanda, cando a Comunidade galega se converteu no século XVII en país de acollida para máis dun millar de exiliados irlandeses que fuxían da represión anglosaxona. Os profesores Patrick Fitzgerald e David Fitzpatrick describiron as características da diáspora irlandesa, mentres a Pilar Cagiao fixo o propio co caso galego, rematando X. M. Núñez cunha análise comparada dos dous movementos.

O encontro, organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda, continúa esta tarde, ás 18:00 horas, coa mesa "Lingua, literatura e relacións culturais", moderada polo profesor e secretario do CCG Henrique Monteagudo. Nela, D. Mackenzie, da Universidade de Cork, falará sobre o "Achegamento a dous poetas da terra asoballada: Avilés de Taramancos e Pierce Hutchinson" e Antonio Raúl de Toro exporá "Santiago-Dublín, Joyce e Otero Pedrayo: viaxando cara ao norte". Pola súa banda, Alan Titley, do Saint Patrick College, abordará a revolución cultural irlandesa e Juan Renales a fantasía gaélica como xénero literario e feito diferencial en Galicia. A música celta tamén estará presente neste congreso coa intervención de Luís Costa Vázquez. Ás 20:30 terá lugar a clausura oficial do evento.

Os obxectivos que se marcaron os organizadores con este encontro eran alentar as relacións entre os investigadores de Galicia e Irlanda e as súas institucións, propiciar os estudos comparativos sobre bases sólidas e facilitar o coñecemento recíproco de dúas culturas e sociedades con moitos elementos comúns. Uns obxectivos que consideran acadados despois de tres días de intercambio de información e opinión entre expertos irlandeses e galegos de múltiples ámbitos de traballo e un centenar de asistentes.