----

O CELTISMO E O "ANTICELTISMO" CENTRAN OS PRIMEIROS DEBATES DO CONGRESO GALICIA-IRLANDA

Tras a sesión inaugural de onte pola tarde, o "Congreso Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas" iniciou esta mañá a súa andadura no Consello da Cultura Galega (CCG) cunha análise das relacións históricas desde a antigüidade entre os dous territorios, que acabou cun animado debate sobre o celtismo e o "anticeltismo" actual. Deste xeito, abriuse un congreso internacional, organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda, que até o día 24 analizará desde as relacións históricas enraizadas na lenda até a economía e a emigración dos dous países.

A sesión de hoxe comezou coas intervencións do profesor da USC Fernando Acuña, que sinalou as contribucións dos investigadores irlandeses ao coñecemento da Galicia antiga, e da profesora de Arqueoloxía da Universidade de Cork Elisabeth Twohig. Experta na Prehistoria de Europa, Twohig fixo un repaso polos restos do megalítico e da Idade de Bronce dos dous países para respostar á pregunta ¿As similitudes que hai entre os restos atopados en Galicia e en Irlanda son meras coincidencias ou son froito de contactos entre os dous territorios?. No caso dos enterramentos megalíticos, como nos dolmens, recoñeceu que existen símbolos compartidos, pero sinala que non hai vínculos estreitos entre os casos galegos e irlandeses. É na época de Bronce, entre o 1.000 e o 800 a.c., onde atopa máis coincidencias, como en cascos de metal e pinturas. En todo caso, sinalou, "se vemos a prehistoria dunha maneira crítica, Galicia e Irlanda non son tan próximas como nos gusta crer".

Pola súa banda, o profesor da Universidade de Cork, Donnchadh O´Carrain, quixo demostrar a orixe británica de Paulo Orosio, referente das primeiras vinculacións literarias entre Galicia e Irlanda. Tamén destacou que si hai bases para sustentar o celtismo, concretamente cita dous substratos: un primitivo, coa entrada dos celtas polos Pirineos no s. VI e os restos que deixaron en inscricións e outras representacións, e outro substrato máis recente, relacionado cos topónimos célticos existentes en Galicia, na súa opinión traídos por refuxiados celtas que fuxían dos anglosaxóns.

Na mesma liña, o profesor Acuña subliñou que o celtismo "non é un invento do romanticismo do século XIX", aínda que haxa investigadores que na actualidade sexan "anticeltistas" e neguen calquera orixe celta común. Así indicou que existen elementos celtas na toponimia, nas fontes históricas... aínda que non na "cultura material". Xa o profesor Fernando López Alsina apuntou na súa intervención a pervivencia da Gallaecia romana por mor da fixación do Reino Suevo cunha organización territorial romano-xermánica, logo modificada e volta a recuperar no século XI.

O Congreso continuou esta mañá cun bloque de relatorios en torno ao asentamento, a sociedade e a economía entre os séculos XVI e XIX en Galicia e Irlanda, coa participación de Ofelia Rey, Pegerto Saavedra, que aludiu á consolidación das aldeas e da vida comunitaria na Idade Moderna no seu tamaño, X. M. Souto, L.M. Cullen, David Dickinson e Kenneth Nicholls. Do debate e a comparación entre a evolución do hábitat galaico-irlandés entre os séculos XVI e XIX concluiuse a necesidade de criterios racionais de interpretación histórica do territorio sen idealizar o pasado rural e asumindo a relación rural-urbana actual para adecuar a relación entre persoas e medio físico na lóxica da sustentabilidade necesaria á hora de planificar a ordenación territorial.

Nacionalismo
Xa pola tarde, a sesión continuará ás 16:00 cunha mesa, moderada por Xosé Luís Barreiro Rivas e titulada "Evolución e cambio do mundo rural (séculos XIX-XX)", na que se prantexará unha análise comparada entre as transformacións e reformas agrarias vividas en Galicia e Irlanda de man dos expertos Miguel Cabo, Edelmiro López, Carlos Ferrás, William J. Smyth e William Nolan. A xornada de hoxe rematará co bloque "Nacionalismo e construción nacional", moderado polo profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández. Nel, X. Beramendi fará unha análise comparada dos nacionalismos galego e irlandés e Ramón Villares exporá "Celtismo e cultura galega: mito e realidade". Pola parte irlandesa, Jim MacLaughlin, da Universidade de Cork, afondará sobre a política local nun país pequeno e Brian Graham, da Universidade do Ulster, falará sobre "Perspectiva de autoridade e modos de delegación: a pequena cidade e o cambio social na Irlanda moderna, 1750-1921". Un relatorios que sen dúbida darán lugar ó debate entre o expertos e o centenar de asistentes a este encontro.

Co debate e o achegamento crítico ás similitudes e contrastes entre os dous países, os organizadores deste evento buscan o triple obxectivo de alentar as relacións entre os investigadores de Galicia e Irlanda e as súas institucións, propiciar os estudos comparativos sobre bases sólidas e facilitar o coñecemento recíproco de dúas culturas e sociedades con moitos elementos comúns. No novo marco da Unión Europea empezan a recoñecerse elementos de identidade común entre territorios e espazos culturais aparentemente distantes e diversos, como son Galicia e Irlanda, que comparten un amplo abano de características históricas e xeográficas. Unhas relacións comparativas que con este congreso se pretende asentar en bases sólidas desde as diferentes disciplinas.