O profesor Fermín Galindo, da Universidade de Santiago, destacou ante o cento de estudantes, investigadores e profesionais da comunicación que participan no evento, a necesidade de pór en marcha mecanismos internos e externos que avalíen e garantan a calidade da información. Na súa opinión, o factor tecnolóxico, a transmisión inmediata da información, non garante a calidade da información, xa que, sinala, "a comunicación é tan rápida que introduce ruído, datos contradictorios e sen contrastar que distorsionan os feitos". Para mellorar os productos comunicativos, Galindo propón un autocontrol da calidade, a auditoría da información, dos procesos que se levan a cabo na súa elaboración e da interacción co público que a consume. Así mesmo destaca a importancia dun marco legal que coide a calidade dos contidos.
Pola súa banda, o profesor da Universidade do País Vasco José Antonio Mingolarra abriu outra vía para abordar os retos de futuro da comunicación. Suxeriu que o sector está en crise debido á incapacidade dos medios de comunicación de explicar a realidade, a pesares dos grandes avances técnicos. Por elo, propuxo que "nos afastemos da comunicación como realidade e regresemos ás fontes das vellas ciencias para intentar aprehender a realidade". Na súa opinión, para bosquexar o futuro do sector hai que recorrer á tradición e tomar certa distancia do que estamos a analizar.
Na mesma liña, o reitor da Universidade Fernando Pessoa de Porto (Portugal), Salvato Trigo, advertía de que os profesionais da comunicación deben ser conscientes de que "o xornalismo, ademais da finalidade de informar ten outra función: a educativa, a de espertar a intelixencia, a de atraer os lectores cara a cultura, a de fomentar o sentido crítico".
Xornalistas galegofalantes e castelanfalantes
A relación entre literatura e xornalismo foi outro dos temas analizados nesta segunda sesión. O profesor da Universidade de Santiago Víctor Freixanes salientou a necesidade de diferenciar ben os dous ámbitos. "Literatura e xornalismo son irmáns que veñen dunha mesma orixe, a palabra, que viaxan xuntas no tempo pero que son cousas radicalmente diferentes, aínda que de vez en cando se contaminen". Unha opinión que comparte Salvato Trigo, quen considera que os xornais son continentes que no seu interior teñen diferentes contidos, unhas veces puramente xornalísticos, outras veces literarios.
O papel dos escritores nos diarios e os perfís dos profesionais da información e a súa relación coa lingua foron outras das cuestións debatidas no Congreso. O decano da Faculdade de Ciencias da Comunicación de Santiago, Miguel Túñez, expoñía por exemplo algúns dos resultados dunha investigación levada a cabo no seu centro na que se define o perfil do xornalista segundo o idioma que empregan no seu ámbito laboral. O perfil do xornalista galegofalante sería o dun home de 30 anos, que traballa na televisión pública, que elabora unha media de catro información ao día e que está satisfeito co seu traballo. O perfil do castelanfalante sería o dun home duns 38 anos, que traballa nun medio impreso, que elabora unhas cinco informacións ao día e que está algo máis satisfeito co anterior co seu traballo.
O obxectivo destes encontros, coordinados por Xosé López, responsábel da Sección de Comunicación, e por Jorge Pedro Sousa eManuel Pinto, é promover o debate e a reflexión sobre a evolución das relacións entre Galicia e Portugal e tender novas pontes que as melloren. Así, esta iniciativa terá continuidade na celebración o vindeiro ano do IV Congreso Luso- Galego de Estudos Xornalísticos o 17 e 18 de marzo na Universidade Fernando Pessoa de Porto e en cuxa organización colabora o Consello da Cultura Galega.

