O presidente do CCG destacou que os obxectivos da institución en relación á diáspora pasan por “reivindicar o papel histórico da emigración internamente” a través de diferentes iniciativas divulgativas que faciliten a toma de conciencia da poboación ao redor da relevancia da emigración na modernización da nosa sociedade. Asemade, Villares sinalou que “é preciso repensar como relación estratéxica a posición de España con Portugal en relación a outras linguas coma o inglés”. Villares destacou a capacidade de Galicia de servir como ponte ou “vínculo” entre as dúas linguas para obter unha relación máis proveitosa.
Recuperar a memoria da emigración
O Presidente do CCG relatou aos senadores a estrutura, obxectivos e posición institucional do Consello da Cultura Galega e as iniciativas que leva a cabo a institución para a recuperación e visibilización do legado da emigración, nomeadamente desde a dixitalización de fondos, a análise de fontes documentais ata a edición de materiais (sonoros, audiovisuais, etc. ). Villares sinalou que o CCG está abrindo vías para investigar tamén as novas e actuais correntes de desprazamento de novos grupos e persoas de Galicia cara destinos migratorios tradicionais.


