----

Convenio Consello da Cultura-Secretaría Xeral de Emigración para unha exposición sobre as escolas promovidas polas Sociedades de Emigrantes



O presidente do CCG, Ramón Villares, asina o convenio xunto a Santiago Camba, Secretario Xeral de Emigración da Xunta. Foto: CCG


Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, asinaron hoxe un convenio para elaboración dunha exposición sobre as construccións esscolares promovidas en Galicia polas Sociedades de Emigrantes, a edición facsimilar do “Almanaque Gallego”, a recuperación de documentación sobre a emigración galega no Brasil e un proxecto expositivo sobre a historia da emigración galega.. O importe do convenio é de oitenta mil euros e os traballos, que coordinará o Arquivo da Emigración Galega, deberán concluir a finais de 2010. Santiago Camba agradeceu a colaboración do CCG e apostou por manter unha liña de acción e cooperación que considerou prioritaria.




Un avance do contido da exposición monográfica e itinerante “Luces de alén mar” sobre as construcións escolares en Galicia financiadas desde as asociacións de emigrantes, pode verse xa en: http://mapas.consellodacultura.org/escolas/ e máis adiante tamén no web www.galiciaaberta.com da Secretaría Xeral de Emigración. A web “As Escolas da Emigración. Os americanos e o seu legado educativo”, presentada esta mañá por Teresa García, do Arquivo da Emigración Galega, agrupa toda a información documental e gráfica nun catálogo coas construccións e os programas docentes recollidos e inventariados nas provincias de Lugo e Ourense. Un proxecto levado a cabo grazas a un convenio asinado en 2008 polo CCG e a Secretaría Xeral de Emigración e dirixido polo profesor Vicente Peña Saavedra, para quen esa iniciativa dos nosos emigrantes “constitúe o proxecto de escolarización máis importante realizado en Galicia”. O catálogo completarase coa documentación correspondente ás construccións escolares nas provincias de Pontevedra e Coruña.



O convenio asinado hoxe permitirá tamén a continuación da edición facsimilar e a difusión en seis volumes do “Almanaque Gallego”, publicación anual composta (1898-1927) polo xornalista lugués Manuel Castro López, republicano e galeguista e emigrante en Bos Aires. Niste caso trátase de dous volumes que agrupan os anos 1918-1927.


A recuperación e dixitalización da documentación dos emigrantes galegos no Brasil, especialmente nas áreas de Sao Paulo e Rio de Janeiro é outra das propostas contempladas nas que ven traballando xa o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega en colaboración co “Memorial do Imigrante” en Sao Paulo.



O convenio contempla, por último, a elaboración dun proxecto de exposición “que amose de forma didáctica a historia da emigraciòn galega”•


O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, agradeceu a colaboraciòn ofrecida, antes e agora, pola Secretaría Xeral de Emgiración e subliñou a necesidade e a importancia da recuperación do legado documental e o patrimonio dos emigrantes galegos. O Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, pola súa parte, agradeceu o traballo do CCG e aposto0u por continuar unha liña de cooperación que cualificou como “fundamental e prioritaria”.