O Arquivo Sonoro de Galicia desenvólvese como un programa dentro do Consello da Cultura Galega, dun xeito continuado dende 1995 aínda que os seus primeiros traballos comezan en 1992.
Os obxectivos fundamentais, baseados nas tres tarefas artelladoras de toda actividade arquivística, son tres:
RECOMPILACIÓN
O Arquivo Sonoro de Galicia está a facer unha constante busca de gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradiconal, pop, rock,..-). Neste traballo conta coa imprescindible xenerosidade de particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas que ceden o seu material desinteresadamente para que o arquivo complete de xeito continuado os seus fondos.
PRESERVACIÓN E CATALOGACIÓN
A segunda tarefa inmediata que acomete o Arquivo Sonoro de Galicia é a conservación dos seus fondos. Para isto, procédese á súa dixitalización mentres que se conservan tamén os soportes orixinais en condicións óptimas de humidade e temperatura.
Nun proceso paralelo, catalóganse os fondos. Inicialmente, son os documentos discográficos de música galega os que se están a rexistrar en formato marc no sistema sistema de xestión bibliográfica KOHA da Rede de Bibliotecas de Galicia.
DIFUSIÓN
Os fondos documentais sonoros do arquivo están a disposición de estudosos para as investigacións pertinentes e tamén para outros empregos que non teñan carácter comercial.
Por outra parte, cunha periodicidade regular celébrase o Encontro O Son da Memoria. Ata agora houbo cinco edicións na que cada unha delas estivo dedicada a un tema relacionado co patrimonio sonoro (música popular, música na emigración, arquivos sonoros e propiedade intelectual e metodoloxías de arquivo). Ademais, organízanse conferencias e cursos puntualmente que apoian o estudo do patrimonio oral galego. Este labor de difusión complétase coa edición de documentos pertencentes aos fondos do arquivo que son considerados de alto interese patrimonial.


