10 iniciativas do rural galego
O informe estuda dez iniciativas empresariais, asociativas ou de creación e difusión de contidos "que procuran procesos de transformación social, que vertebran territorio e tecen comunidades", e que foron seleccionados como "unha excelente oportunidade de aprendizaxe social e institucional, un potencial espazo de transferencia e incidencia no deseño das políticas públicas". Deste xeito, foron seleccionados A Arca da Noe (Vilar de Santos, Ourense), as Brigadas deseucaliptizadoras, a Canle Ribeira Sacra, o Festival Agrocuir da Ulloa, o Festival de Cans (O Porriño, Pontevedra), o Festival de Pardiñas / Xermolos (Guitiriz, Lugo), a Rede Aldear (localizacións de Lugo e Ourense), a Rede Galega de Sementes, a Rede do Patrimonio Cultural e o Rural Mutante (A Veiga e Viana do Bolo, Ourense). A partir das entrevistas, dispoñibles do informe, o informe propón cinco principios que artellan dez recomendacións no deseño de políticas públicas que promovan unha cultura para a sustentabilidade.
Cara unha cultura máis distribuída polo territorio
O primeiro principio é que "a cultura contribúe á cohesión territorial e das comunidades locais", e proponse que "os esforzos orzamentarios ou de programación non fiquen só nas grandes cidades ou macroeventos e que haxa un maior reequilibrio nas áreas rurais, en especial nas provincias de Ourense e Lugo". Considérase que o acceso á cultura "é un mecanismo de reversión de inequidades e tamén de denuncia das inxustizas. Debe facerse un esforzo no fomento das culturas minorizadas, da promoción das linguas propias e da ecoloxía de saberes", así como "potenciar a cultura de base".
O informe tamén recomenda "reducir a pegada ecolóxica no ámbito cultural", incorporando ás programacións convocatorias e proxectos que "reconecten" a cultura coa natureza e aborden cuestións relacionadas cos desafíos globais climáticos e "minimizar a xeración de refugallos e a dependencia no uso de enerxías fósiles". O CCG tamén sinala a necesidade de "reducir a precarización do sector cultural" incrementando o orzamento do sector cultural e o apoio ás "fabricas de creación e produción independente", así como apostando por "estándares de sustentabilidade e dignidade laboral".
Os últimos dous principios inciden na necesidade de "entender a cultura como panca do cambio", avaliando o "impacto a longo prazo da contribución da cultura á sustentabilidade" e creando "narrativas claras" para narrar como a cultura é capaz de contribuír a melloras económicas e de impacto sociocomunitario ou ambiental. E parte desa transformación social pasa por un "pacto social que sitúe a cidadanía no centro da acción", desenvolvendo redes e mecanismos participativos na toma de decisións e na cooperación con outros axentes.
Mecanismo de autoavaliación para entidades
O informe presenta tamén un mecanismo de autoavaliación baseado na metodoloxía do semáforo, que permite ás entidades culturais coñecer o grao de sustentabilidade da súa acción ou proxecto, "tomando consciencia daqueles puntos fortes e febles da práctica en relación á sustentabilidade".
Unha presentación con diálogo
O informe foi presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que estivo acompañada por Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso. Foi o coordinador do informe, Fran Quiroga, quen debullou os contidos deste estudo. Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda sobre sustentabilidade na cultura na que participaron Begoña de Bernardo, da Rede Galega de Sementes, Adrián Gallego, do Festival Agrocuir e Alfonso Blanco, do Festival de Pardiñas.
Descarga do informe
O informe está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega.



