“Pra'Habana me vou” é o novo itinerario do proxecto Roteiros que pretende ser unha homenaxe ao pobo galego na diáspora, a través de lugares e edificios que permiten recoñecer a memoria da pegada galega na capital cubana. O percorrido arrinca na Aduana do porto, lugar ao que chegaban diariamente barcos procedentes de Europa. O itinerario recolle a Triscornia, un campamento para emigrantes nos que pasaban a corentena os máis desfavorecidos e que permanece na memoria do lugar nas palabras curricán, achantado ou a rente.
A placa de homenaxe de Rosalía de castro, sita na fachada do restaurante Jardín de Oriente, conmemora o centenario do himno galego, interpretado no Gran Teatro da Habana o 27 de decembro de 1907. Desde aí, o roteiro fai parada no edficio Casteleiro e Vizoso que foi a sede da ferraxaría máis importante de Cuba, un exemplo de emigrantes que fixeron fortuna e que, ademais, promoveron escolas en chan galego deixando tras de si un fondo legado.
O Hotel Ambos Mundos, o Café Europa, a Rúa Compostela ou a Libraría a Moderna Poesía son outras das paradas deste roteiro pola memoria histórica de Galicia que permanece en Cuba. A proposta remata no Palacio do Gran Centro Galego da Habana, hoxe rebautizado como Gran Teatro “Alicia Alonso”, sede do Ballet Nacional e no que aínda seguen radicando a Sociedade de Beneficencia Naturais de Galicia.
O proxecto Roteiros
En xaneiro de 2009 comezou a andar o Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Trátase dunha iniciativa que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicado a tres figuras clave do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
Desde entón o proxecto foi medrando e conta cunha trintena de propostas de itinerarios que seguen a vida e obra de figuras importantes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro; ou fenómenos importantes como unha visita pola pegada da emigración en Ribadeo ou Ares; ou ao legado do reinado de Afonso X no noso país.


