“Estamos nun momento no que cómpre abordar a transformación do modelo das institucións nestes últimos anos. A institución museística pasou de ser un almacén, un espazo de visibilización para ser moitas outras cousas” apuntou Santiago Olmo no marco da súa conversa con Manuel Borja-Villel. Nesa idea coincidiu o director do Reina Sofía que engadiu a necesidade de adaptar os museos aos tempos que corren. Unha remuda integral que el acaba de desenvolver no centro madrileño.
Os modelos de programación, os problemas de xestión de cartos públicos, os procedementos de licitación… son moitas a causas que limitan as posibilidades de cambio. “Moitas veces os cambios prodúcense no papel e a nivel teórico pero nos equipos non se poden resolver” apuntou Manuel Borja-Villel que tamén marcou un camiño “cómpre crear modelos de gobernanza na que participe a sociedade e onde os que dirixen teña autonomía”. Nese sentido o Reina Sofía é un exemplo xa que conta cunha lei propia que lle posibilita un modelo de xestión con certa autonomía.
Outra das ideas que se abordaron na xornada é o contexto social e político. “Houbo unha batalla contra o traballo público ao que se ten acusado de ser é ineficaz” explicou Borja-Villel e que, na súa opinión, permitiu externalizar e iniciar o camiño da privatización. “Iso ten nome propio, é o neoliberalismo, e está marcado pola competitividade, polo rendemento económico” apuntou. Ademais, engadiu que “cómpre reivindicar a función publica, o servizo público, a idea de que as persoas han de estar por diante dos números”.
Na conversa tamén se apuntou que nestas catro décadas os museos mudaron e medraron. “Alén das diferencias políticas, apuntou Borja Villel, os museos de hoxe non se parecen aos de antes”. E puxo o exemplo concreto do Reina Sofía que abriu as súas portas cunha sala permanente, outra temporal e un departamento didáctico. Hoxe ten unhas 20-25 exposicións, a colección vai cambiando, hai programas públicos, hai traballo en rede e colaboración con outros centros. “O Reina Sofía hoxe é outra cousa pero a súa estrutura administrativa, o seu músculo non mudou” explicou.
Outra das ideas, nas que incidiron foi na necesidade de que todos estes cambios sexan para construír un museo pensado na cidadanía, no público da súa contorna, que sexa participativo e aberto.
Sesión matutina
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, abriu a sesión de traballo pechada a profesionais. Nela incidiu nunha liña da institución de acoller as preocupacións e necesidades dos diferentes axentes do sector. Na cita participaron representantes das diferentes administracións, creadores, xestores, responsables de museos como o de Pontevedra, Fundación Luis Seoane, Museo Massó, Museo Etnolóxico Ribadavia, entre moitos outros. Estaban tamén representados creadores e galerías de arte xunto con figuras da mundo da crítica. Nela puxéronse sobre a mesa as problemáticas comúns como a falta de relación entre os centros e museos, a pouca presenza de artistas galegos nos museos nacionais; a multiplicación das carencias, as inxerencias políticas e a perda progresiva de autonomía polo sistema piramidal entre outras ideas. De todo o falado nesta sesión elaborarase un documento de conclusións que se fará público nas vindeiras semanas.
A primeira cita dun contexto máis amplo
Esta actividade á a primeira mostra pública dun convenio asinado recentemente entre o CCG e a Fundación María José Jove, que xa ten en marcha outros proxectos. Ademais, tal e como apuntou a secretaria da institución, Dolores Vilavedra, intégrase tamén nunha liña de traballo “que pretende pasar revista ás políticas culturais da transición e que pretende saír do esquema imposto polos 40 anos de autonomía e repensar a cronoloxía histórica e revisar con outros marcos e outros significados, poñendo agora o foco nos anos previos, na forxa da autonomía”.



