----

A biografía de Darío Xohán Cabana entra no Álbum de Galicia

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, presentes en antoloxías e obras colectivas. A súa obra foi musicada por Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros. Darío Xohan Cabana (Cospeito, 1952-2021) entra hoxe no Álbum de Galicia cunha biografía asinada por Miro Villar.

Toda a súa obra está escrita, segundo explica Miro Villar na súa entrada do Álbum de Galicia “cunha lingua de ouro que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica”. Darío Xohan Cabana foi un poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega que Miro Villar repasa na súa biografía.

Na entrada destácase a súa inxente faceta creativa que arrinca en 1970 coa obra Verbas a un irmao, á que lle seguen numerosos títulos. A súa produción poética está case toda compilada en Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 (Xerais, 2003) con prólogo de Moncha Fuentes. Tratábase dunha poesía de corte comprometido que mesturou a partir dos noventa cun estilo formal de corte clasicista. Tamén cultivou narrativa “con textos que abeiran desde a novela histórica, como a longa e épica Morte de Rei (1996) baseada no malfado do noso rei García, os relatos breves a mesturaren realidade e fantasía no ronsel de Cunqueiro ou unha exitosa entrega de obras de literatura infantil e xuvenil” explica Villar. Se foi premiado polo seu traballo poético e narrativo, tamén o foi polo de tradutor. “Recibiu pola súa coidada versión do Cancioneiro e A Divina Comedia de Dante a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E en 1994 a súa Vida nova de Dante recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca o Premio AELG de Tradución en 2012, As floriñas de San Francisco o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido en 2014 e unha nova versión corrixida da obra A Divina Comedia de Dante o Premio AELG de Tradución en 2014.” Asegura Miro na entrada, que remarca que “en todas elas demostrou o seu oficio ao conservar a métrica e a rima orixinais” escribe Miro Villar.

Foi tamén Académico da Real Academia Galega. Ingresou o 22 de abril de 2006, a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, padriño de voda e literario. O xénero que menos cultivou foi o ensaio, e empregouno para glosar a biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008), do que aprendeu en Edicións do Castro.

A súa entrada incorpora abondosa documentación sobre a súa figura, así como vídeos e audios que dán conta do seu perfil e amosan a súa faceta creativa.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.