----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Alexandre Raimúndez

Alejandro Manuel Raimúndez Fernández (Ourense, 1906 – Devon, Inglaterra, 1968) destacou, na súa traxectoria, por ser o impulsor e responsable das emisións en galego da BBC de Londres. El foi “o noso home na BBC”, como o define Afonso Vázquez-Monxardín na entrada que asina no Álbum de Galicia.

Fillo de Felisa Fernández Rodríguez e do xastre ourensán Benigno Raimúndez, de ideoloxía masónica e galeguista, Alexandre Raimúndez nace na cidade das Burgas no ano 1906. Con dezaseis anos marcha a Vigo para estudar na Escola Pericial de Comercio e, de alí, viaxa a Madrid, onde, tras rematar os estudos de Profesor Mercantil na Escola de Comercio, se incorpora como profesor auxiliar nese mesmo centro.
Durante o tránsito á II República, desenvolve unha grande actividade, pois, por exemplo, figura como integrante destacado da loxa masónica Mare Nostrum e participa nas actividades do Ateneo. Atraído pola actividade de Ramiro Ledesma Ramos, asina o manifesto La Conquista del Estado e, ata outubro de 1931, exerce como secretario e colaborador da publicación homónima. Nos catro artigos que asina, agás no primeiro, Alexandre Raimúndez amosa a súa visión de Galicia e do mundo, deixando constancia da súa paixón autonomista e defendendo o impulso das identidades, do federalismo e dun acordo non-imperialista con Portugal. De feito, esta actitude “que tanto sorprende aos estudosos da orixe do fascismo español” sería a que explicaría o seu rápido afastamento do proxecto de Ledesma, tal e como subliña Afonso Vázquez-Monxardín na entrada que escribe para o Álbum de Galicia. Alexandre Raimúndez foi tamén integrante do Secretariado Gallego en Madrid, unha asociación que buscaba contribuír ao proceso de reivindicación do Estatuto de Galicia, e asinante do manifesto El Secretariado Gallego en Madrid y el problema bilingüístico. En 1932, é elixido secretario segundo da Sección de Ciencias Económicas do Ateneo de Madrid.

A súa carreira profesional trasládase á Cidade Condal no ano 1935, onde é nomeado catedrático de Estudos Superiores de Xeografía na Escola de Altos Estudos Mercantís de Barcelona. Da súa actuación na Guerra Civil só se sabe que na súa fin foxe a Francia e que pasa polo campo de refuxiados da praia de Argelès-sur-Mer, de onde sairá grazas ás xestións dun pastor protestante ao que coñecera en Ourense e que por aquel entón vivía en Gran Bretaña. Xa coa súa residencia de acollida fixada en Suffolk, en maio de 1939 Alexandre Raimúndez comeza a facer as xestións necesarias para emigrar a México como profesor cando lle xorde a oportunidade de incorporarse ao servizo para España que a BBC ía inaugurar en xuño. Desde 1941, desenvolve as tarefas de redactor da Sección Española e radia o día a día da II Guerra Mundial co funcionario da Generalitat de Cataluña Josep Mayé. Ao remate da guerra, ambos impulsaron os programas en catalán, galego e vasco que se emitiron en antena entre os anos 1947 e 1956, dos cales Alexandre Raimúndez foi o redactor encargado. “Para recadar as colaboracións e proceder aos temas legais de sinatura de contratos e pagamentos, mantivo unha fluída correspondencia coa intelectualidade galega participante, tanto nas emisións galegas como nas españolas”, apunta Afonso Vázquez-Monxardín. De feito, as súas cartas aparecen nos epistolarios de Ramón Villar Ponte, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Filgueira Valverde ou García-Sabell, entre outros.

Da BBC xubílase con problemas de saúde en 1963 e, tras unha longa enfermidade, falece o 1 de outubro de 1968. Os seus restos repousan no cemiterio de Torquay baixo unha inscrición que di: “Alejandro Manuel Raimúndez. Born Orense, Spain, 9th March 1906/ died at Paignton, 2nd October 1968. Inda que lonxe da súa terra, o esprito está sempre nela, Sempre en Galicia”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Consuelo Doel Traseira, María Luisa Pérez-Soba, Cristina Reges ou María Luisa Viqueira.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.