NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recibe o fondo completo do galeguista Lois Tobío

No día en que se fan vinte anos da desaparición de Lois Tobío, a súa filla Constanza asinou coa presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, un acordo polo que cede á institución o seu fondo particular. “Un fondo moi importante que ofrece unha ollada múltiple, meticulosa e completa sobre múltiples feitos e moitos lugares do mundo”, apuntou a presidenta. Son documentos persoais, cartas e materiais inéditos que contribúen a coñecer mellor a historia de Galicia e de España do século XX. “Un legado importante por si mesmo, porque Tobío é un dos grandes, pero tamén en relación co legado doutros compañeiros, como poden ser Filgueira Valverde, Paz Andrade e moitos outros”, subliñou o historiador Ramón Villares, quen iniciou a primeira dixitalización dese material na súa etapa como presidente do CCG. “Para min é un momento moi importante porque cumpro a vontade de meu pai, que me pediu que me encargase de que o seu arquivo fose doado a unha institución galega”, asegurou Constanza Tobío no acto de sinatura.

Galeguista militante, membro do Seminario de Estudos Galegos, diplomático comprometido coa Segunda República, exiliado e escritor, a biografía de Tobío permite seguir as grandes iniciativas de construción da identidade de Galicia, pero tamén da súa recuperación desde América tralo triunfo do golpe de Estado. Este acordo permite a custodia, dixitalización e difusión pública dun contido que, segundo explicou Ramón Villares, “nos permite a todos ser hoxe un pouco máis ricos, e que espera por unhas boas plumas e uns bos ollos”. Constanza explicou que “foi un proceso que tivo lugar de forma natural, que levou anos, que comezou coa dixitalización de boa parte dos fondos e que permite chegar ata onde realmente debería estar, porque a súa lexítima herdeira é toda Galicia”.

En virtude do acordo, o CCG custodiará, conservará e difundirá o material. No mesmo día en que se produce a sinatura, o CCG pon na rede un especial cunha breve escolma que nos permite albiscar a densidade e relevancia da documentación gardada. Entre os documentos, destaca o borrador dunha carta que Lois Tobío lle enviou a Isaac Díaz Pardo sobre a súa participación nos primeiros momentos do Estatuto de Galicia. Aínda que Tobío advirte a Díaz Pardo que non participou directamente na redacción do Estatuto, dá conta de como, desde o Seminario de Estudos Galegos, prepararon un anteproxecto do documento que "puidese ser logo utilizado como modelo".

Outro dos documentos que se pode consultar é unha proba para o deseño da Historia de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e da que Tobío era coordinador editorial.
Entre esas páxinas sobresae un texto redactado o 12 de febreiro de 1939 en Perpiñán por Antonio Fernández Serrano, funcionario consular, sobre o trato dado aos refuxiados españois en Francia. Baséase nas visitas aos campos de concentración de Le Boulou e Argelès-sur-Mer establecidos polo goberno francés para recluír os españois que fuxían do avance franquista. Ás duras condicións materiais descritas, engádense o trato cruel e inhumano das autoridades francesas e os obstáculos ás actuacións do goberno republicano, disposto a sufragar os gastos de estadía e a viaxe dos refuxiados. Tamén se visibiliza neste especial o carné militar da República a nome de Luis Tobío Fernández, no que consta como profesión 'secretario de embaixada', así como unha carta de Castelao a Tobío e outra misiva na que os representantes do Consello de Galiza lle explican as accións que están levando a cabo para contar cun representante galego nas xuntanzas do goberno republicano no exilio e as forzas de oposición a Franco en París.

Son só unha mostra da riqueza dun fondo que contribúe a coñecer a organización do exilio por parte do goberno, sobre o estatuto de Galicia ou a constitución do Consello de Galiza. Na sinatura do acordo amosouse tamén un documento moi destacado, no que se relata o dramatismo da evacuación de Barcelona do Goberno republicano nos últimos días de xaneiro de 1939. É un texto titulado “Sobre la pérdida de los archivos del Ministerio de Estado, entre ellos los de la Sección de Información Diplomática”. Nel narra as circunstancias polas que os arquivos non foron trasladados ao Castelo de Figueres, como estaba previsto, quedando baixo os ocupantes, que xa o eran de case todo o país. Pon de relevo como, aínda neses últimos momentos, o Estado republicano segue a funcionar ao detallar as medidas que o subsecretario, D. José Quero Morales; o secretario xeral, Sr. Tobío, e os xefes de sección, entre eles Anselmo Carretero, adoptaron para o traslado da documentación, toda ela sensible, como as fichas administrativas e políticas dos funcionarios, dos membros do gabinete político, así como a información dos axentes no estranxeiro (non os da rama alemá do servizo, que pola súa especial importancia e o perigo xa fora queimada). O que ocorreu, segundo se desprende do documento, foi que se retrasou a carga dos documentos para dar prioridade, nos escasos camións dispoñibles, ao desaloxo de persoas.

O CCG e Lois Tobío
A relación do CCG con Lois Tobío vén de antigo. Sendo presidente da institución Ramón Villares, iniciouse o proceso de dixitalización dunha primeira entrega de documentación que posibilitou poñer en rede a súa correspondencia. No marco do proxecto Epístola pódense consultar máis de 400 cartas escritas entre 1939 e 1999, que dan conta das intensas relacións que Tobío mantivo nos ámbitos privado e público. A través delas compartiu non só as súas vivencias, senón que serviu de espazo de reflexión e documentación de iniciativas que nos axudan a entender e repensar a historia recente.

En 2018 tivo lugar en Viveiro o congreso “Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista”, no que se recolleron diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Xulio Ríos coordinou esa cita, na que se analizaron a súa militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron. O congreso deu lugar a unha publicación (editada en 2020), na que participaron Montserrat Bascoy Lamelas, Xan Carballa, Emilio Xosé Insua López, Manuel Lombao, Carlos Méixome e Marga Romero. Ademais, ese mesmo ano incorporouse a súa biografía ao Álbum de Galicia.

Xornada de homenaxe
Na tarde deste luns, o CCG organiza unha sesión titulada “As décadas de Lois Tobío” para afondar na súa figura. A xornada comeza cunha intervención de Constanza Tobío, catedrática de Socioloxía da Universidad Carlos III de Madrid e filla de Lois Tobío, que ofrecerá un perfil persoal sobre o seu pai. De seguido, Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, modera unha mesa redonda na que se analizará o poliédrico legado de Lois Tobío. Participan Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da USC; Marga Romero, profesora e estudosa da obra de Lois Tobío, e Emilio Xosé Insua, profesor e ensaísta.