NOTICIA

----

Traducida ao galego Xogando co infinito, clásico que conta as matemáticas para público en xeral

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de dar ao prelo a primeira tradución ao galego de Xogando co infinito. Trátase dunha obra divulgativa que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito. “Escribín este libro para persoas con inquedanzas intelectuais que non son matemáticas […] para facerlles ver que as matemáticas e as artes non son tan diferentes entre si”, confesou esta pioneira da divulgación científica no prefacio da primeira edición. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e o autor da tradución ao galego, Felipe Gago, presentaron na Aula Magna da Facultade de Matemáticas esta obra, que xa está dispoñible para descarga.

O profesor de Matemáticas Felipe Gago foi o autor da tradución desta obra que presenta en termos accesibles para o público profano desde os conceptos matemáticos máis elementais, como os que se imparten en primaria, ata nocións sutís ás que nos achegamos cara ao final do bacharelato e mesmo máis aló, como os paradoxos que fixeron tremer as matemáticas de principios do século XX. Explica que o libro está escrito “nun estilo literario, nunha forma case continua, sen apenas fórmulas. A autora, sen resultar técnica nin superficial, consegue falar con total claridade e moita orixinalidade sobre todo un abano de temas, desde o proceso de contar ata os teoremas de Gödel e Church, sendo unha das primeiras —e, para moita xente, aínda unha das mellores— presentacións dos resultados de incompletitude de Gödel para o público xeral”.

É un relato popular dos moitos conceptos matemáticos relacionados co infinito e unha introdución a todo o campo das matemáticas. O libro está dividido en tres partes: “A aprendiz de meiga”, “A forma creadora” e “A autocrítica da razón pura”, e nelas, a autora desenvolve o seu material en vinte e dous capítulos titulados de maneira suxestiva: “Xogar cos dedos”, “Colorear a sucesión gris dos números”, “Outra vez o infinito”, “A liña está repleta”, “Algúns segredos de obradoiro”, “As pedras de construción” etc. Debúllanse moitos conceptos matemáticos importantes con total precisión: sistemas numéricos, progresións aritméticas, diagonais de polígonos convexos, combinatoria, a lei dos números primos, ecuacións, números negativos, vectores, operacións con fraccións, series infinitas, números irracionais, teorema de Pitágoras, táboas de logaritmos, xeometrías non euclidianas, a recta no infinito, integrais indefinidas e definidas, a cuadratura do círculo, números transcendentes, a teoría de grupos, a teoría de conxuntos, metamatemáticas e moito máis. O resultado é, en palabras do tradutor, “un libro orixinal de interese tamén para profesionais e profesorado de Matemáticas”.

A edición conta, ademais, con dous textos introdutorios. Un deles é de Peter Lax, gañador do Premio Abel, discípulo de Einstein e un dos alumnos das clases particulares coas que Rózsa Péter gañou a vida cando foi vetada pola súa condición de xudía no Budapest antisemita de entreguerras. O outro é de Elena Vázquez Cendón, no que destaca as salientables achegas da autora a disiciplinas como a matemática ou a informática e o seu compromiso por “iniciar camiños na investigación e rozalos para as mulleres”, xa que foi “das que sementaron vocacións en mozas e mozos en idades temperás e tenderon pontes con colegas doutras disciplinas”. Na contribución de Elena Vázquez Cendón tamén se inclúe unha presentación de Susana Mataix, autora de Matemática es nombre de mujer.

A autora, Rózsa Péter
Rózsa Péter naceu en Budapest o 17 de febreiro de 1905, no seo dunha familia xudía. Fascinada pola ciencia desde a escola, comezou a estudar Química na Universidade Eötvös Loránd, pero axiña descubriu que a súa vocación eran as matemáticas, disciplina da que se graduou en 1927. Afectada pola depresión de 1929, sobreviviu dando clases particulares a estudantes ao tempo que cursaba os seus estudos de posgrao, primeiro sobre a teoría de números e máis tarde, por influencia do seu amigo e colaborador Janos Kalmár, centrada no traballo de Kurt Gödel arredor da incompletitude, en particular sobre as funcións recursivas. Presentou esta investigación no International Congress of Mathematicians (ICM) de 1932, en Zürich, e doutorouse en 1935. Sufriu os avatares da guerra, xa que, cando a súa carreira comezaba a despegar, en 1939 o Goberno pronazi de Hungría aprobou leis antixudías que lle prohibiron ensinar e que mesmo a levaron a ser confinada brevemente no gueto de Budapest. Rózsa continuou o seu traballo de investigación durante toda a Segunda Guerra Mundial e ao seu remate conseguiu o seu primeiro posto de profesora a tempo completo na Facultade de Formación do Profesorado de Budapest. En 1952, foi a primeira muller húngara en ser nomeada doutora académica en Matemáticas. Ensinou nesa facultade durante unha década ata que pechou en 1955, momento en que foi nomeada profesora titular da Universidade Eötvös Loránd.

Foi activa na promoción do ensino das matemáticas nas escolas, especialmente para nenas e mulleres novas, e deu conferencias sobre como "as matemáticas son fermosas".

Recibiu o Premio Kossuth e o Premio Manó Beke en 1953, así como o Premio Estatal, Grao de Prata (1970) e Grao de Ouro (1973). En 1973 tamén foi a primeira muller matemática en converterse en membro da Academia de Ciencias de Hungría.

Traducións de obras clásicas
Esta obra inclúese nunha liña de traballo do CCG que posibilita a tradución de obras clásicas e emblemáticas da ciencia á nosa lingua, como Ciencia e humanidades: dúas culturas en colisión? 50 anos de As dúas culturas de C. P. Snow (2011) ou Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral de Albert Einstein (2017). Ademais, a tradución da obra hoxe presentada forma parte do convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade
A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade está coordinada por Elena Vázquez Cendón e entre as actividades máis recentes figura unha xornada, que se desenvolveu en Lugo, sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable. No marco desta sección elaboráronse materiais e recursos didácticos; publicáronse documentos como o Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia, que compila a variedade e calidade das iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico; e leváronse a cabo xornadas sobre a factura do cambio climático, a economía circular ou as vocacións científicas. María Teresa Barral, Ánxela Bugallo, Ángel Carracedo, Eduardo Corbelle, Alicia Estévez, Iolanda Fernández, María Luiz Loureiro, Javier Méndez Zunzunegui, Jorge Mira, Xacobo de Toro, Manuel Vicente e Xosé María Varela son os membros desta sección.