Unha xornada analiza o patrimonio de percusión

“Este pandeiro que toco. O patrimonio de percusión nas mans das mulleres galegas” é o título da xornada que a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade da Coruña organizan para pór en valor o canto acompañado con percusión de man. A través de materiais audiovisuais, charlas, obradoiros e un concerto didáctico, a xornada explorará aspectos históricos e actuais desta arte coa participación de Xulia Feixoo, Carolina Vázquez e a agrupación Caldo, entre outros. A xornada terá lugar na Sala Cubo de Normal - Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña o vindeiro 1 de xullo a partir das 10:15 horas.

Esta xornada pretende pór en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura/música de transmisión oral historicamente protagonizada por mulleres no territorio galego. Na xornada, Carme López situará o tema dentro do marco do patrimonio inmaterial galego e Rosalía Portos presentará o seu Cancioneiro ilustrado de Liñares. Contaremos tamén con dous obradoiros para mergullarnos nestas prácticas: un sobre o pandeiro cadrado, impartido por Xulia Feixoo, e outro enfocado na pandeira, con Carolina Vázquez. As directoras do documental Axudádeme a cantar. Seis historias arredor da música de tradición oral en Galicia (2022) presentarán o seu traballo, do que veremos tres capítulos, e a continuación abrirase un espazo para preguntas e debate.
O programa rematará cun concerto didáctico por parte da agrupación Caldo. María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra) forman este trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Presentan unha proposta en que integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. Na xornada presentarán temas do segundo álbum do trío, Lugar A Ponte, unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición como con elas mesmas. Foi producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), e con el Caldo abre paso e reivindica o seu espazo no panorama actual como unha agrupación que renova e pon en valor da música tradicional a través da experimentación sonora. Trátase dun disco profundo e persoal no que o trío comezou a traballar desde o confinamento para perfilar, durante tres anos, o traballo que leva como nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor.
Axudádeme a cantar
Esta serie documental conta en seis capítulos o pasado e presente deste tipo de literatura oral, no que atopamos tocadoras tradicionais que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón polo método tradicional, así como participantes en procesos de recollida e divulgación e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e que comparten a súa arte. Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López son as responsables do proxecto, cuxa produción correu a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.

O primeiro capítulo leva como título “O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional” e nel a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz, Pontevedra). O segundo dos capítulos, “A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento”, trasládase a Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e público xeral. Da man de dúas tocadoras tradicionais, Inés de Naipes e Amparo Voces, e dúas das impulsoras destes procesos de produción e reprodución artística, Isolina Rodríguez e Carolina Vázquez, cantan e comparten as súas experiencias.

Unha lata de pemento e unha pandeireta servíronlles a Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión, Ourense), para contribuír á rica tradición oral e musical da zona. Protagonizan o terceiro episodio, “Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración”, que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou, principalmente, a México. Outra tocadora, Rosalía Portos, nacida na diáspora, proporciona tamén a perspectiva do retorno.

“Historia da compilación musical nos grupos folclóricos” é o título do cuarto episodio, no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias nas décadas dos oitenta e dos noventa, cando houbo un momento de fervedoiro na recollida.

O quinto episodio, “As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional”, céntrase no traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.

Pecha a serie o capítulo “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía, que, con base nas súas propias recollidas, empezou unha longa traxectoria na que imbuíu estes materiais a través da súa interpretación. Canda elas, Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, e Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, amosan estilos e visións diferentes e a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
“Este pandeiro que toco é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, unha área coordinada por Carmen García Mateo e que ten entre os seus membros a Burghard Balstrusch, Renée DePalma, Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Pereiro, Mercedes Queixas, María Ángeles Rodríguez, Pablo Romero, Eva Sánchez e Nel Vidal.