A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de depositar na Caixa das Letras un legado na memoria da poeta galega máis universal: Rosalía de Castro. A Caixa das Letras é unha cápsula do tempo mantida polo Instituto Cervantes que garda obxectos relacionados coa ciencia, as artes e as letras da cultura hispana. O acto terá lugar na sede do instituto Cervantes en Madrid e poderá seguirse en directo a través do web e das redes sociais do Cervantes.
“Grito hacia Roma”, tamén en galego
Un dos actos centrais da celebración conxunto do Día Europeo das Linguas, que este ano terá lugar na sede do Instituto Cervantes en Madrid, é presentación da edición especial multilingüe do poema "Grito hacia Roma", obra de Federico García Lorca. O poema, incluído na obra Poeta en Nueva York, recolle as impresións que o poeta acumulou durante a súa viaxe aos Estados Unidos en 1929. Lorca amosa a cidade en toda a súa dureza, cos seus contrastes sociais e económicos, cos seus contrastes raciais e os problemas de clase que golpearon o lugar dun xeito poderoso despois da crise de Wall Street así como a súas consecuencias ,que iniciou o período da Gran Depresión. Este volume reúne todas as linguas da Unión Europea nun exemplo de interculturalidade, pluralidade e respecto polas diferenzas. O poema foi traducido galego xunto cunha morea de idiomas: alemán, búlgaro, catalán, checo, croata, danés, eslovaco, esloveno, estonio, éuscaro, finés, francés, grego, húngaro, inglés, irlandés, italiano, letón, lituano, maltés, holandés, polaco, portugués, romanés e sueco.
No acto, que rematará coa intervención de Pedro Sánchez, presidente do goberno en funcións, realizarase unha lectura de poemas nas linguas cooficiais de España e nos dos países do trío da Presidencia de o Consello da Unión Europea (España - Bélxica - Hungría), a cargo dos escritores Bernardo Atxaga, Estel Solé e Manuel Rivas, máis o actor e director Juan Diego Botto.
Concerto “A palabra na música”
No marco desta celebración, o martes día 26 (propio Día Europeo das Linguas) tamén se organiza unha actividade titulada “A palabra na música”, unha velada de música e poesía. Nesta ocasión, os autores que recitarán os poemas son Eduard Escoffet, Pilar Adón, Leire Bilbao e Manuel Rivas. Mentres que a parte musical estará a cargo dos artistas Sheila Blanco, Renaldo & Clara, Izaro e Xoel López.
Día europeo das linguas
O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa que naceu no ano 2001 para homenaxear, difundir e concienciar da diversidade lingüística de Europa, un continente que ten 24 linguas oficiais e onde hai arredor de 60 linguas rexionais ou minoritarias, ademais dos idiomas procedentes doutras partes do mundo. Esta iniciativa busca visibilizar a diversidade lingüística como unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave do rico patrimonio cultural do noso continente.
Este día conmemorativo, instaurado pola Comisión Europea e o Consello de Europa, celébrase todos os anos o 26 de setembro e representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países. Na iniciativa participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, universidades e centros escolares.
Un camiño compartido
Este xeito de celebrar o Día Europeo das Linguas (en Berlín en 2020, en Nápoles en 2021 e en Fránkfort en 2022) é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron o 26 de maio de 2020 os responsables do Consello da Cultura Galega, Instituto Cervantes, Institut Ramón Llull, Etxepare Euskal Institutua. Era o primeiro acordo de colaboración conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. Aquel documento establecía un marco de cooperación de catro anos prorrogables para participar en accións comúns “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”.
Pretendíase sistematizar a promoción conxunta da diversidade lingüística e a pluralidade cultural, ademais de darlle continuidade e unha nova orientación común a colaboracións puntuais que xa se viñan desenvolvendo entre algunhas delas. No marco dese acordo, en maio deste ano, os actuais responsables destas entidades tiveron unha xuntanza de traballo na que decidiron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española.

