Un gran ciclo de oito sesións no que participarán figuras como Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus ou Josep Ramoneda; visibilización do fondo propio; apertura da institución á cidadanía e dous grandes actos conmemorativos son algunhas das actividades previstas para celebrar o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). “Queríamos que tivese un carácter festivo, pero tamén que convidase a unha reflexión sobre o papel da cultura e das institucións culturais”, explicou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da programación. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente e coordinador da comisión que deseñou a celebración da efeméride, insistiu no interese de “fomentar o debate”. As actividades foron ratificadas na sesión plenaria celebrada no serán deste xoves, que contou coa presenza do presidente de honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.
13/01/2023
05/01/2023
Entre o terceiro Reich e os aliados. Galicia e a Segunda Guerra Mundial é o último que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de sacar do prelo. Recolle os relatorios presentados e debatidos na xornada homónima que a institución acolleu nos días 13 e 14 de abril de 2021, no que un grupo de expertos e investigadores afondaron sobre o papel non neutral de Galicia no conflito bélico. A publicación, que conta con 500 exemplares impresos, xa pode descargarse desde o web do CCG.
22/12/2022
O 8 de novembro de 1908 fundouse en Lisboa a sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, unha iniciativa posta en marcha por 38 mozos emigrados que querían crear unha «casa galega» na capital portuguesa. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, afonda na historia deste movemento asociativo a través de vinte imaxes e documentos que amosan, por exemplo, os integrantes da súa primeira directiva ou os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade.
19/12/2022
Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) acaba de ser nomeada membro de honra da Real Academia Galega (RAG). É a coordinadora científica da Comisión técnica temporal para a elaboración do proxecto Seara, portal de tradución de poesía galega ao inglés do Consello da Cultura Galega (CCG), que en 2016 lle dedicou unha das xornadas do ciclo “De andainas e pioneiras”. Na súa traxectoria profesional foi unha figura moi destacada na contribución á proxección internacional das letras galegas tanto desde o seu posto como catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade desde onde desenvolveu investigacións sobre as letras galegas. Como polos seus traballos de tradución do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións. Foi tamén a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos).
15/12/2022
O Repertorio da prensa da emigración galega agrega 19 novos números editados por diversas sociedades microterritoriais de emigrantes galegos en Arxentina. O Centro del Partido de Carballino, a Unión Residentes de Santiago de Compostela ou o Centro Recreativo del Partido de Becerreá son algunhas das entidades editoras das publicacións que se incorporan neste mes de decembro, entre as que se poden atopar números datados da década de 1940 e tamén algúns dos anos 30 e 50.
07/12/2022
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, máis a presidenta da Asociación Cultural Rebulir, Sandra González Sousa, inauguran este venres (18:00 horas) en Ramirás a mostra Luces de alén mar, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver no centro de saúde ata o 31 de decembro.
02/12/2022
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodíguez Miranda revisaron as actuacións conxuntas para o coñecemento e divulgación da emigración galega no marco da xuntanza que mantiveron na sede do CCG. A dixitalización dos fondos de sociedades de emigrantes na Península Ibérica, así como os referentes aos procesos de emigración galega centrarán as liñas de acción para os vindeiros meses.
24/11/2022
Desde mediados do século XIX, pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentáronse en Cuba, onde traballaron na frota pesqueira, no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Neste tempo, conseguiron dominar o sector da pesca na badía da Habana e mesmo no golfo de México. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos os labores desempeñados por estes emigrantes galegos no sector pesqueiro, fundamentalmente, pero tamén noutras actividades relacionadas co comercio, a hostalaría ou a explotación do carbón.
17/11/2022
O Repertorio de prensa da emigración, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega, suma 24 novos números da revista Acción Española, órgano oficial do Centro Gallego de México. Foi unha publicación creada para informar a colonia española residente en México sobre as diversas entidades de emigrantes españois que traballan a prol dos seus intereses. Conta con moitas noticias sobre a política e os políticos españois do momento, así como dos mexicanos.
15/11/2022
Co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial o vindeiro 16 de novembro, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX): A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca. A actividade, que se desenvolverá o propio día 16, ás 09:30 horas, na sede da institución, ten como obxectivo analizar a traxectoria histórica da emigración galega a Portugal e poñer en valor os elementos do patrimonio material e inmaterial ligados a ese proceso migratorio. O encontro estará inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, mais pola coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e os da propia actividade, Nieves Amado e Hortensio Sobrado. Para a súa organización, contouse coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Malia ser presencial, a xornada tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais corporativas do CCG.
11/11/2022
O responsable do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, participa hoxe no Sexto Foro das Rexión minoritarias europeas que se desenvolve en Galway (Irlanda) ata mañá. Baixo o título Minorities mean business. How a different language and culture can attract investors and tourists especialistas de diferentes rexións abordarán o valor engadido das minorías á hora de conquistar novos mercados e vender produtos, con especial atención ao turismo.
10/11/2022
Os bicos feridos de Ana R Figueiredo é a novela que inaugurou unha xeración na literatura galega. “Son a xeración da nova diáspora que se caracteriza pola importancia das voces femininas, pola idea de fracaso fronte a idea de liberdade e emancipación e a cuestión transxeracional e que agora está nun período de emerxencia” explica María Alonso, coordinadora da xornada “Narrrativas da nova diáspora galega” organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante un día especialistas de diferentes universidades abordaron as características desta nova xeración e as súas manifestacións na literatura, no audiovisual e no transmedia que se afasta con forza do estereotipo antigo da emigración. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou a importancia deste encontro que forma parte das liñas de preocupación do CCG en atender ao que significa a emigración para a cultura galega.
09/11/2022
Narrativas da nova diáspora galega é o título da xornada que organiza o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que ten como obxectivo explorar as manifestacións artísticas (nomeadamente as literarias e audiovisuais) xurdidas arredor da vaga migratoria que se produciu a partir da crise económica de 2008. Os escritores Xesús Fraga e Anna R. Figueiredo participan neste encontro que contará coa presenza de destacados investigadores e investigadores de diferentes universidades europeas. A presidenta, Rosario Álvarez, inaugura mañá este encontro xunto coa súa coordinadora, María Alonso. A cita é presencial pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.
02/11/2022
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na mañá deste mércores na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3 075 773 euros, 233 373 euros máis que en 2022. É un incremento dun 8,21 % con respecto do último ano. Álvarez rendeu contas da actividade desenvolvida este ano e avanzou a programación para o 2023, que estará centrada, aínda que de xeito non exclusivo, na actividade de celebración do seu 40 aniversario. Alén da actividade habitual de investigación, documentación e arquivo, no vindeiro ano poñerase especial atención a promover a internacionalización da cultura galega, reforzar a acción exterior e promover debates que axuden a pensar o mundo desde Galicia. Os representantes dos distintos grupos parlamentarios expresaron na comparecencia o recoñecemento ao labor que desenvolve a institución.
27/10/2022
Entre 1904 e 1914, 45.107 homes foron importados polo goberno de Estados Unidos para participar na construción dunha das obras de enxeñaría civil máis coñecidas do mundo: a Canle de Panamá. A maior parte dos 8.798 españois que está documentado que participaron nese proceso eran galegos. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, documenta en vinte imaxes e documentos a historia da pegada galega na creación desta obra.
25/10/2022
Castelao, Luis Seoane, Arturo e Uxío Souto, Eugenio Granell... teñen en común ser creadores destacados do panorama artístico galego contemporáneo. Pero tamén que desenvolveron unha parte importante da produción cultural no exilio. Sobre o seu legado e a importancia de conservalo e contextualizalo falaron diferentes profesionais na xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), Musealizar a arte do exilio galego. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a preocupación da institución por estudar o exilio e pola situación dos centros de cultura que se encargan de preservar a memoria. A cita conta co apoio da Secretaria Xeral da Emigración cuxa subdirectora de Coordinación Administrativa, María Baleato, puxo de relevo que “non se esqueza a loita da cultura galega fóra das nosas fronteiras”.
24/10/2022
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá, 25 de outubro, a xornada Musealizar a arte do exilio galego. Nela, afondarase no papel que desempeñan os museos e as fundacións a prol da conservación, salvagarda e difusión do patrimonio cultural procedente do exilio galego. A iniciativa está coordinada por Inmaculada Real López e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración e da Universidad Complutense de Madrid. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a subdirectora de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato, inauguran esta sesión presencial que tamén se poderá seguiren directo a través das redes sociais da institución.
21/10/2022
A Casa da Cultura de Verín acolle entre os días 26 e 29 de outubro a cuarta edición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Concello de Verín, o Instituto Camões e o Museo do Pobo Galego que nesta ocasión se centra no papel das mulleres no mundo da morte e da dor que se ergue cunha forte carga patrimonial e social.
20/10/2022
Este mes de outubro o Repertorio de prensa da emigración suma novos números. Desta volta incorpora dez números editados polo Centro Betanzos de Bos Aires, dende 1935 ata a década dos 80. Foron doados polo señor Andrés Beade Dopico, unha figura senlleira da colectividade galega en Bos Aires na década dos 70 e 80 do pasado século. Ademais, súmase tamén un novo número (o 9) da revista Orzán, órgano oficial do Centro Provincial Coruñés.
17/10/2022
Galicia, unha cultura por descubrir é o título da nova aposta do Consello da Cultura Galega (CCG) para promover a creación da cultura galega contemporánea a través de materiais bilingües. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, destacou que “non chega con que esteamos convencidos da creatividade desbordante da cultura galega, senón que hai que dala a coñecer”. O proxecto arrinca cunha primeira acción sobre a literatura galega, Galicia: unha literatura por descubrir, que coordinou Dolores Vilavedra e que consiste en materiais audiovisuais e escritos sobre os grandes temas de relevancia no panorama editorial contemporáneo. Manuel Rivas, Olga Novo, Fina Casalderry, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro protagonizan esta primeira entrega, aos que seguirán moitos outros creadores contemporáneos.
11/10/2022
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, recibiu esta mañá Bahne Bahnsen, vicepresidente da Federal Union of European Nationalities (FUEN). Esta xuntanza supón a primeira toma de contacto entre ambas institucións para definir unha liña de acción conxunta que se concretará nas vindeiras semanas.
05/10/2022
Comeza en Barcelona unha nova edición da Feira Internacional do Libro, Líber. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega (CCG) acode regularmente para mosar a súas últimas publicacións e as máis representativas. Como vén sendo habitual, acode a través de dous espazos: un deles co Institut d´Estudis Catalans; o outro é coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). Líber é un espazo de referencia fundamental ao que levar a produción científica recente da institución.
28/09/2022
Nalgures é un ciclo de cinema e conversas que se achega a momentos de conflito a partir de conceptos como territorio, memoria e identidade. A proposta xorde como actividade paralela á exposición homónima de Narelle Jubelin (Sidney, Australia, 1960). É froito dunha colaboración entre o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Consello da Cultura Galega (CCG), que implica a presenza da fotógrafa catalá Anna Turbau, que retratou a transición en Galicia e cuxo fondo está en depósito no CCG.
22/09/2022
Todas as voces a voz. Poesía en español, catalán, éuscaro, galego e alemán, é o título do acto que acollerá a sede do Instituto Cervantes de Frankfurt o vindeiro luns, 26 de setembro de 2022, para conmemorar o Día Europeo das Linguas. A xornada está organizada polo Consello de Cultura Galega (CCG), o Etxepare Euskal Institutua, o Institut Ramon Llull e o Instituto Cervantes. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asistirá ao acto no que a poesía galega estará representada por Yolanda Castaño. O acto poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais do Instituto Cervantes.
22/09/2022
O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Nacía así a Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, que continúa activa. A súa historia, os fitos máis destacados, así como a publicación que mantén, centra o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos permiten coñecer esta sociedade de emigrantes que cumpre cen anos.
21/09/2022
A vida de María Luisa Viqueira López-Cortón (Bergondo, 1888-Cidade de México, 1974) foi un constante ir e vir, sempre moi vencellada á educación no que o seu home, Rubén Landa, e o seu irmán, Xohán Vicente Viqueira, foron figuras destacadas. Patricia Arias Chachero é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.
20/09/2022
O alumnado de 5º ano do Colegio Argentino Gallego Santiago Apóstol de Buenos Aires visitou hoxe a sede do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, onde foron recibidos polo secretario, Silvestre Gómez Xurxo, e o técnico Manuel Gago. Os alumnos, en viaxe de estudos por Galicia, coñeceron distintos aspectos do traballo e as actividades da institución.
20/09/2022
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugura este mércores (21 de setembro, 18:30 horas) na sede do Instituto Cervantes de Polonia a exposición Galicia imaxinada, que retrata a Galicia dos emigrantes a través de vinte paneis que permiten visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe de Galicia en no século XIX. A exposición forma parte do programa do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se desenvolve na Universidade de Varsovia ata o 24 de setembro. No marco desta cita, que leva por título “Abrindo Rutas, Expandido Camiños. Novas perspectivas e interseccións nos Estudos Galegos”, o CCG promove un panel sobre a internacionalización da literatura galega e a proxección do filme de Eloy Enciso Longa noite.
16/09/2022
Florentino López Cuevillas, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Jesús Bal y Gay ou Vicente Risco son algúns nomes destacados da Xeración Nós. As súas viaxes, reais e literarias, serviron para situar a cultura galega en pé de igualdade con outras culturas. Sobre esas viaxes, a súa importancia e as consecuencias que tiveron, afonda a xornada Os camiños de Nós polo mundo que o Consello da Cultura Galega e a Fundación Vicente Risco organizan en Allariz este sábado 17 de setembro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa alcaldesa, Cristina Cid Fernández e a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, serán as encargadas de inaugurar esta cita que será gravada e se subirá á rede con posterioridade.
15/09/2022
O 26 de agosto cumpríronse cen anos da creación da Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión en Bos Aires. Unha sociedade que edita a publicación Alborada, da que incorporamos 25 números ao Repertorio de Prensa da Emigración. Nesta ocasión subimos números que van desde os anos 40 ata os 70, período no que mantivo unha periodicidade irregular. Estas publicacións foron depositadas no Arquivo da Emigración Galega por Xosé María Rei Lema e Marcelino Fernández Santiago.


