Novas da lingua

Rexistros601 a 630 de 5280
29/04/2024. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 13 de marzo de 2024.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela: IES Antonio Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e Escola Galega de Administración Pública (Celga 1); e en Ponferrada: Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 1 de xuño de 2024
-Celga 2: 26 de maio de 2024
-Celga 3: 25 de maio de 2024
-Celga 4: 18 de maio de 2024 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U; e 19 de maio de 2024 se o primeiro apelido empeza por V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.
26/04/2024. INVESTIGACIóN

Accesible en liña un novo volume de estudos sobre a estandarización das linguas na Península Ibérica

O Consello da Cultura Galega acaba de poñer ao dispor de toda a cidadanía, a través da súa páxina web, a publicación A estandarización das linguas na Península Ibérica: procesos, problemas e novos horizontes, un volume editado polo profesor Henrique Monteagudo que recolle unha serie de traballos elaborados a partir dos relatorios presentados no Simposio «Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas», organizado polo Instituto da Lingua Galega en 2021. Neles ofrécese unha panorámica sobre os procesos de estandarización (problemas, perspectivas e novas vías de investigación) dos seguintes idiomas: o galego, o portugués europeo e brasileiro, o catalán, o éuscaro e, colateralmente, o castelán.
26/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver iniciativas que contribúan á promoción do uso da lingua galega, á mellora do seu prestixio e á súa dinamización social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
25/04/2024. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa do Concerto das Letras Galegas 2024

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello da Coruña, o Concerto das Letras Galegas 2024, que nesta edición terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Colón da Coruña, a cidade natal de Luísa Villalta.

Como é costume, o programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas (neste 2024, Luísa Villalta) e tamén inclúe obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja. Como primicia, o Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, e o baixo-barítono Daniel Mosquera farán a estrea absoluta de Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta.

A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
25/04/2024. DINAMIZACIóN

Andaina para coñecer a historia de Compostela e a súa relación coa lingua

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta a iniciativa Compostela e as orixes da lingua, un paseo lingüístico de dúas horas de duración que che permitirá descubrir as orixes do idioma galego ao tempo que coñeces a historia da cidade.

A primeira andaina está dirixida ao público xeral e terá lugar o sábado 4 de maio de 2024 a partir das 11:00 h (o punto de partida será a praza da Pescadería Vella). A comezos do vindeiro curso escolar, entre o 15 de setembro e o 31 de outubro de 2024, poderán inscribirse os centros de ensino que o desexen nos novos paseos que se organizarán para alumnado de 4º da ESO, e 1º e 2º de Bacharelato. Tamén poderá apuntarse público adulto organizado en grupos de entre 15 e 30 persoas.
25/04/2024. OUTRAS

Declaración institucional do Concello de Santiago a prol do galego

Coincidindo coa proximidade da conmemoración das Letras Galegas 2024, o Pleno do Concello de Santiago de Compostela acordou por unanimidade aprobar unha declaración institucional na que reafirma o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso da lingua galega. Corenta anos despois da declaración asinada en maio de 1984 por varios municipios galegos, o Concello de Santiago de Compostela, consciente de que como capital de Galicia ten unha “responsabilidade excepcional co galego”, volve comprometerse publicamente co proceso de normalización social do noso idioma propio, garantindo os dereitos lingüísticos de todas as persoas que se relacionen co concello e fomentando os espazos de uso para o galego tanto na actividade propia da Administración municipal como entre a cidadanía no seu conxunto.
25/04/2024. DINAMIZACIóN

En liña os materiais das mostras gañadoras do “Concurso-exposición Letras Galegas 2024”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon ao dispor de toda a cidadanía e, especialmente, das entidades que desenvolven labores relacionados co ensino e dinamización da lingua galega, os materias das exposicións gañadoras do “Concurso-exposición Letras Galegas 2024” (carteis, guías didácticas, marcapáxinas e regras).

Nesta edición, a mostra gañadora na categoría destinada aos centros de educación infantil e primaria foi Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar, elaborada polo CEIP Raquel Camacho da Coruña. Na categoría na que participaron o resto dos centros educativos do ensino non universitario, a exposición premiada foi Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense.

No Portal da Lingua Galega podes consultar e descargar todos os materiais.
25/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

X Xornada do Día das Letras Galegas sobre Luísa Villalta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) organizan a X Xornada do Día das Letras Galegas, dirixida a persoal docente, que nesta edición terá como fío temático a vida e a obra de Luísa Villalta. Ademais dos relatorios dos especialistas na obra desta autora, o programa inclúe tamén a participación dos centros gañadores do “Concurso-exposición das Letras Galegas”, que presentarán as exposicións e as guías didácticas premiadas.
As sesións terán lugar o 27 de abril de 2024 no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela). O prazo de inscrición remata o 25 de abril.

Para ampliar información, preme aquí.
25/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades culturais da provincia de Pontevedra para o fomento do galego

A Deputación de Pontevedra convoca axudas dirixidas a entidades culturais sen fin de lucro, destinadas a fomentar o emprego da lingua galega na sociedade durante o ano 2024. Os proxectos obxecto da subvención poderán consistir nunha actividade, un programa concreto, varias actividades dun programa concreto ou actividades cun mesmo fío condutor, que teñan como finalidade fomentar o uso e o prestixio do galego, ou estudar cuestións relacionadas coa sociolingüística e a toponimia galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
23/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as II Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 25 de abril de 2024, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 24 de abril.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
23/04/2024. DINAMIZACIóN

Ciclo de cine en galego no concello de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza un ciclo de cine co obxectivo de fomentar a creación de espazos de lecer en galego e, ao mesmo tempo, poñer de relevo a calidade do cinema rodado no noso idioma. As proxeccións terán lugar durante os meses de maio e xuño no Multiúsos da Xunqueira e o programa inclúe catro longametraxes galardoadas en certames nacionais e internacionais: “O Corno” (3 de maio), “Sica” (10 de maio), “As bestas” (15 de xuño) e “Os días afogados” (22 de xuño). As entradas poden adquirirse a un prezo de 2 euros para cada película, ou tamén pode mercarse un bono de 5 euros para asistir a todos os pases.

Se precisas máis información, preme aquí.
23/04/2024. DINAMIZACIóN

Acto conmemorativo do centenario da Escola de Ensino Galego das Irmandades

As Escolas de Ensino Galego Semente e o Concello da Coruña organizan hoxe, 23 de abril de 2024, un acto para conmemorar o centenario da Escola de Ensino Galego promovida polas Irmandades da Fala na Coruña en 1924. O acto, guiado por Xurxo Souto, terá lugar na praza de María de Pita a partir das 11 h e no seu transcurso inaugurarase unha placa conmemorativa na fachada do edificio no que estaba situada a escola irmandiña. Intervirán Inés Rey (alcaldesa da Coruña); Santiago Quiroga (coordinador das Escolas de Ensino Galego Semente) e Antón Costa (catedrático de Historia da Educación). A actuación musical correrá a cargo de Cantigas da Terra. Así mesmo, o alumnado das escolas Semente terán oportunidade de gozar de paseos didácticos amenizados polo grupo Os Quinquilláns.

Na páxina web conmemorativa do centenario atoparás recursos didácticos, divulgativos e científicos relacionados coas Escolas de Ensino Galego das Irmandades da Fala.
22/04/2024. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a cidadanía a manifestarse por un galego vivo

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a case 600 colectivos sociais e culturais, convoca un ano máis a toda a cidadanía galega á manifestación a prol do idioma galego que este ano se celebrará baixo o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva”. Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a manifestación terá lugar o vindeiro 17 de maio, a partir das 12 h, en Santiago de Compostela.

Na páxina web do colectivo Queremos Galego podes ampliar información.
19/04/2024. DINAMIZACIóN

O IES Rafael Dieste presenta o cartel do I Festival “Aquí tamén se fala”

O IES Rafael Dieste da Coruña fixo público o cartel do I Festival “Aquí tamén se fala”, unha iniciativa organizada co apoio da Xunta de Galicia, do Concello da Coruña e mais da Deputación da Coruña, coa que porá o ramo por todo o alto á campaña de dinamización lingüística homónima neste curso escolar 2023-2024.

O festival terá lugar o 7 de xuño de 2024, desde as 17:00 h, na Praza da Tolerancia (A Coruña) e os artistas convidados son Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira. A entrada é de balde.
19/04/2024. DINAMIZACIóN

Andainas guiadas pola Coruña para coñecer a súa relación coa lingua e a literatura

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición de A Coruña das Letras, un programa de andainas por diferentes barrios da cidade, guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto. A iniciativa está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos e nesta edición da primavera de 2024 os/as participantes terán ocasión de visitar as aldeas do Castro e Elviña (20 de abril) e mais o barrio de Monte Alto (27 de abril) para coñecer a súa relación coa lingua e a literatura galegas. Tamén se falará da obra da escritora coruñesa á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.

19/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, como membro desta, organizan o vindeiro 26 de abril de 2024 unha xornada sobre o impacto das tecnoloxías da linguaxe na economía e na sociedade.

Segundo a presentación da web da NPLD, "é unha oportunidade única para que expertos e expertas, responsables do ámbito político e da investigación de toda Europa profunden no papel das tecnoloxías lingüísticas á hora de protexer, preservar e igualar linguas rexionais ou minoritarias".

Tes máis información no programa da xornada.
18/04/2024. DINAMIZACIóN

Feiraco convídate a practicar a Leiteratura participando no seu certame de microrrelatos

A cooperativa agrogandeira Feiraco Lácteos SL súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas (este ano dedicado á escritora Luísa Villalta) e convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o XII Certame de Microrrelatos Feiraco, co obxectivo de fomentar a dinamización do idioma e a creatividade literaria en lingua galega. Nesta edición establécense dúas categorías, unha para alumnado de secundaria e bacharelato (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante). Os participantes deberán entregar un relato breve, de 500 palabras como máximo, orixinal e escrito en lingua galega. A temática é libre, mais as historias deben comezar coa frase “Púxenme a escoitar”. Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías e os galardoados/as recibiran produtos Feiraco e mais libros en galego. A maiores, o gañador/a do primeiro premio en cada categoría recibirá como agasallo especial a vaca suxeitalibros de Feiraco.

O prazo para a presentación dos traballos estará aberto ata o 18 de maio de 2024.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
18/04/2024. DINAMIZACIóN

XV Certame de Cinema Internacional Escolar Ouff Escola 2024

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a décimo quinta edición do Certame Ouff Escola, que ten como obxectivos impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. Outorgaranse diferentes premios en metálico en cada unha das dúas categorías: infantil e primaria; e secundaria (agás escolas de Imaxe e Son).

Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega, de temática libre, de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 8 de xullo de 2024.

Para consultar as bases completas, preme aquí.
16/04/2024. DINAMIZACIóN

Falando a Boca Chea no Forum Metropolitano da Coruña

O Forum Metropolitano da Coruña acolle, desde o pasado 13 de abril ata o vindeiro día 20, unha nova edición do festival de narración oral en lingua galega “Falando a Boca Chea”. O programa inclúe sesións para todos os públicos e outras específicas para nenas e nenos de 2 a 4 anos.

Podes obter información sobre as canles para conseguir as entradas e convites premendo aquí.
16/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Comezan os monográficos arredor da oralidade do Servizo de Normalización Lingüística de Vigo

O CIOV, Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo creado polo Servizo de Normalización Lingüística para traballar na recuperación e posta en valor da nosa tradición oral, e das novas formas de improvisación oral, comeza o 19 de abril de 2024 a súa serie de monográficos. O título do primeiro é Oratoria e filosofía de taberna, por Manoel da Costa.

Seguirano novas sesións os días 23, 25 e 30 de abril. Todas elas no Verbum, de 17:00 a 20:00 h.
12/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de debate no CCG sobre a divulgación da ciencia en galego

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega organiza unha xornada de debate sobre a divulgación da ciencia en galego nos novos espazos, onde se tratarán cuestións como a relación entre a divulgación científica tradicional e a divulgación nos novos espazos, a existencia de comunidades virtuais de divulgación en galego ou os factores que inflúen nos creadores/as de contido á hora de escoller a lingua.

As sesións terán lugar o vindeiro 7 de maio de 2024 na sede do CCG (Pazo de Raxoi). A matrícula é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para consultar o programa completo preme aquí.
12/04/2024. OUTRAS

Homenaxe a Alonso Montero en Vilagarcía

A Asociación Cultural Mesa das Verbas organiza, coa colaboración do Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra, unha homenaxe ao académico Alonso Montero, que terá lugar hoxe, 12 de abril de 2024, ás 19:30 h, no Auditorio Municipal de Vilagarcía.

No transcurso do acto Alonso Montero será nomeado socio de honra da asociación. Así mesmo, o homenaxeado impartirá a conferencia “Situacións e perspectivas do idioma galego onte (1973) e hoxe (2024)”. O público asistente tamén poderá gozar da actuación musical de Xosé Duarte.
12/04/2024. OUTRAS

A Sementeira, o novo repositorio audiovisual da comunicación en galego

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, promoven a iniciativa A Sementeira, un espazo web deseñado “para a innovación do xornalismo e da comunicación en galego”. O proxecto nace co dobre obxectivo de conectar as xeracións de novas e novos xornalistas e comunicadores coa cidadanía e, ao mesmo tempo, axudar a que o sector profesional descubra novos talentos na creación de contidos informativos e comunicativos.

No repositorio atoparás os traballos prácticos, tanto escritos como audiovisuais (noticias, reportaxes, podcast, curtametraxes, videoclips, ficcións sonoras...), elaborados polo alumnado da facultade no marco das distintas materias das titulacións.
12/04/2024. DINAMIZACIóN

I Concurso de edición da Galipedia

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría convocan o I Concurso de edición da Galipedia (Wipedia en galego), co fin de promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en galego na Galipedia.

A iniciativa está dirixida a toda a comunidade universitaria da USC. Os participantes deben editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes relacionados coas seguintes tres áreas temáticas: psicoloxía; matemáticas; enxeñarías química, ambiental e informática. Outorgaranse dous premios (un primeiro premio de 350 euros e un segundo premio de 150 euros) en cada unha das categorías.

O prazo de inscrición remata o 31 de maio de 2024. A data límite para a presentación dos traballos é o 5 de setembro de 2024.

Podes ampliar información premendo aquí.
11/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade do Miño acolle o XIV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Universidade do Minho acollerá entre os días 17 a 20 de abril de 2024 o XIV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá académicos/as do campo das Ciencias Sociais e as Humanidades para reflexionar sobre “os horizontes dos Estudos Galegos e/na Lusofonía”.

O Consello da Cultura Galega colabora neste congreso organizando a exposición “Afonso X e Galicia” e mais a sesión de relatorios “A interpretación do repertorio lírico medieval hoxe: enxeñería e investigación”, que coordina Rebeca Blanco-Rotea.

Para ampliar información preme aquí.
11/04/2024. OUTRAS

A Real Academia Galega estrea a serie documental Luísa Villalta: a rebelión da palabra

Dentro do programa elaborado pola Real Academia Galega para homenaxear a Luísa Villalta no Día das Letras galegas, acaba de estrearse a serie web Luísa Villalta: a rebelión da palabra.

Consta de 6 capítulos, case dúas horas de documental, ao longo dos cales 20 persoeiros e familiares achegan testemuños e contribucións artísticas que permiten unha aproximación coral ao universo da creadora e á súa forma de ver a vida.
11/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Exército Mekemeke convértese no primeiro podcast en galego en chegar aos Premios Ondas

Exército Mekemeke quedou entre os cinco finalistas dos "Premios Ondas Globales del Podcast", na categoría de mellor podcast en lingua cooficial do Estado, xunto a producións de Catalunya Radio, Eitb e IB3. Esta é a primeira ocasión en que un programa en galego resulta nominado.

Trátase dun videopodcast en ton humorístico dirixido á "xabaxeración", producido e presentado por Carlos Vieito, que se grava en Ames Radio e se publica semanalmente a través das principais plataformas de podcast e vídeo, así como na grella da emisora. O programa conta coa colaboración do músico Xabier Dios, a actriz Lidia Veiga e o cineasta Miguel Gómez Abad. Ademais de ter como voz en off a unha das figuras máis recoñecidas da dobraxe galega, Antón Rubal.

10/04/2024. INVESTIGACIóN

Conferencia de Gonzalo Navaza sobre a toponimia de Vigo

O vindeiro mércores, 17 de abril de 2024, o profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza impartirá a conferencia “Toponimia de Vigo. Orixe e significado dos nomes dos nosos lugares”. O relatorio, organizado pola Asociación Faladoiros Vigo, terá lugar ás 19:00 h no Café de Catro a Catro (Vigo).
10/04/2024. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia e Agapi promoven a segunda edición do programa Educa Audiovisual

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) están a desenvolver a segunda edición do programa Educa Audiovisual, a través do que poñen ao dispor dos centros de educación secundaria un catálogo de 14 obras (filmes, series, curtas e videogramas) de calidade e en galego. O obxectivo do programa é proporcionarlle ao profesorado recursos audiovisuais relacionados cos contidos transversais tratados en diferentes materiais curriculares (empoderamento feminino, identidade, patrimonio, lingua...). Ademais do uso libre do catálogo, os centros terán a posibilidade de acceder a unha serie de coloquios complementarios con profesionais do sector.

Se precisas máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
10/04/2024. INVESTIGACIóN

Preséntase a base de datos FONTEGAM, Fontes Textuais da Galicia Medieval

O Instituto da Lingua Galega e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades únense no desenvolvemento de FONTEGAM, Fontes Textuais da Galicia Medieval, unha ferramenta que unifica nun mesmo espazo as linguas usadas na escrita dunha etapa fundamental na historia de Galicia.

Este innovador recurso, de consulta libre, reúne textos latinos procedentes do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae e textos romances compilados no Corpus Galego-Portugués Antigo.