Novas da lingua

Rexistros631 a 660 de 5145
20/05/2024. INVESTIGACIóN

IV Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico

Os días 3 e 4 de outubro de 2024, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, vai ter lugar a cuarta edición do SIALNI, Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico.

As investigadoras e os investigadores interesados en presentar comunicacións deben entregalas para a súa valoración antes do 30 de xuño. Os temas propostos, sempre relacionados con algunha das variedades faladas no noroccidente da península ibérica (asturiano, castelán, galego, leonés, mirandés e portugués), son: análise sincrónica da estrutura lingüística; análise diacrónica; dialectoloxía; aspectos sociolingüísticos; estandarización e política lingüística; e historiografía lingüística.

Consulta toda a información aquí.
.
16/05/2024. DINAMIZACIóN

Celebracións do Día das Letras Galegas na Universidade da Coruña

A UDC comezou as actividades arredor do Día das Letras Galegas 2024 coa presentación onte de Por que os homes non nos len?, un texto case inédito da escritora homenaxeada, Luísa Villalta.

Pola tarde houbo un concerto da banda galega de indie rock Chicharrón, que repetirá na Sala Cubo de NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da UDC, o vindeiro xoves, día 23 de maio, ás 19:30 horas.

Por parte da Universidade Sénior, este mesmo local acollerá o 21 de maio, ás 10:30 h, a conferencia “Luísa Villalta, todas as artes son amigas”, a cargo de Pilar García Negro e Marica Campo. A continuación, ás 12:00 h, terá lugar o concerto “Villalta con Música”, a cargo da soprano Esperanza Mara.

A entrada é libre ata completar aforo.
16/05/2024. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador pon en valor a galeguización de Embutidos Lalinense

O Foro Enrique Peinador celebrará este ano o Día da Galeguidade Empresarial o vindeiro 25 de maio de 2024, ás 12:00 h, en Agruchave (Lalín), na sede de Embutidos Lalinense, co obxectivo de conmemorar o 75 aniversario da creación desta empresa e poñer en valor a súa aposta pola galeguización da actividade empresarial e da etiquetaxe dos seus produtos.

O Día da Galeguidade Empresarial é unha conmemoración anual instaurada polo Foro Enrique Peinador para recoñecer publicamente a empresas que apostaron polo uso da lingua galega nas súas actividades. Na páxina do colectivo Galeguizar Galicia podes obter máis información sobre esta conmemoración durante os últimos anos.

15/05/2024. OUTRAS

Ciencia en galego para os máis pequenos da man do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou hoxe, 15 de maio de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega a súa colección de divulgación científica “Mentes curiosas, curiosas mentes”, un proxecto editorial deseñado para ofrecerlle ao alumnado de educación primaria e ESO recursos científicos nas diferentes linguas oficiais do Estado.

Os dous primeiros títulos que xa están accesibles en galego son Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias, autoría de Berta Páramo, que contou co asesoramento científico de Laura López-Mascaraque (investigadora do Instituto Cajal – CSIC), e Bechos. A xungla na casa, tamén autoría de Berta Páramo, neste caso co asesoramento científico de Óscar Soriano Hernando (investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC).

Hoxe pola tarde, ás 16:30 h, terá lugar na librería Couceiro de Santiago de Compostela un obradoiro lúdico para dar a coñecer estes títulos á cidadanía. Poden participar todos/as os/as nenos (maiores de 10 de anos) e mais os adultos que o desexen.

Para ampliar información, preme aquí.

15/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolucións provisionais das axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica na súa páxina web as propostas provisionais de resolución das axudas para o fomento da lingua galega nos centros de ensino, tanto de titularidade pública como privada.

O prazo para presentar alegacións remata o día 27 de maio de 2024 (incluído).

Podes consultar a documentación nas seguintes ligazóns:
-Resolución provisional aos centros de titularidade pública.
-Resolución provisional aos centros de titularidade privada.
15/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza un curso de verán sobre os desafíos da lingua galega no século XXI

A Universidade de Verán da USC inclúe na súa oferta formativa deste ano 2024 o curso “A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras”, que vai desenvolverse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira entre os días 8 e 10 de xullo de 2024. O curso, dirixido por Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo, ten como obxectivo analizar algúns dos principais desafíos aos que se debe enfrontar a lingua galega: a transmisión interxeracional, o perigo da extinción dixital e a integración de poboacións migrantes con diferentes linguas e culturas. O prazo de matrícula estará aberto entre o 15 de maio e o 28 de xuño de 2024.

Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de matrícula, preme aquí.
15/05/2024. OUTRAS

O CCG publica unha obra colectiva en homenaxe a Luísa Villalta

No marco do seu programa de actividades de conmemoración das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a obra Luísa Villalta: entender para vivir, na que, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra, unha selección de quince persoas de referencia no ámbito cultural galego dialogan coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas e coa súa obra. A maiores, reprodúcese un caligrama que a propia Luísa Villalta lle dedicou a Francisco Pillado e, como material anexo, inclúese unha lámina ilustrada, realizada para a ocasión por Ana Pillado.

No especial web que o CCG elaborou con motivo do Día das Letras Galegas 2024 atoparás máis información e documentación de interese.
14/05/2024. DINAMIZACIóN

A USC aproba o seu Plan de Accións de Normalización Lingüística para o período 2024-2026

O Claustro da Universidade de Santiago de Compostela aprobou o seu novo Plan de Accións de Normalización Lingüística para o período 2024-2026. O documento, elaborado en estreita colaboración coas comisións de normalización lingüística dos centros, inclúe 31 accións normalizadoras que serán implementadas en catro eixos de intervención: xestión, docencia, investigación e proxección. No que respecta ao ámbito concreto da docencia, o compromiso da USC é acadar un terzo da docencia en galego no ano 2026.

No Xornal da USC podes ampliar información sobre esta iniciativa.
13/05/2024. DINAMIZACIóN

13 institutos da Costa da Morte celebran cunha gala o peche da campaña “Falemos + galego”

O 20 de xuño de 2024, a partir das 10:00 h, terá lugar en Cee a gala coa que 13 centros de educación secundaria da Costa da Morte porán o peche á campaña de dinamización lingüística “Falemos + galego”, que levan desenvolvendo conxuntamente desde o pasado mes de marzo. O obxectivo é incrementar o uso do noso idioma entre a mocidade amosando o orgullo de pertencer á Costa da Morte, unha comarca na que o uso do galego está asentado entre a poboación como lingua habitual.
Ao abeiro desta iniciativa, durante estes últimos meses organizouse un certame para seleccionar os mellores lemas, logotipos e vídeos promocionais da campaña. A proposta gañadora darase a coñecer na gala do vindeiro 20 de xuño, na que tamén participarán a actriz e poeta María Lado, e o músico, escritor e docente Xurxo Souto. Así mesmo, o alumnado asistente poderá gozar das actuacións musicais do grupo Malleira, da artista Antía Muíño e do dúo Caamaño&Ameixeiras. Colaborarán na animación do acto o alumnado do IES Fernando Blanco, que organizará unha batucada, e o grupo de gaiteiros e gaiteiras do IES Maximino Romero de Lema.

No xornal Que pasa na Costa tes toda a información sobre esta iniciativa.
13/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolto o III Premio Xurídico de Investigación en Lingua Galega Xosé Luís Franco Grande

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo deu a coñecer os nomes das persoas premiadas na terceira edición do Premio Xosé Luís Franco Grande.

Aínda que os galardóns serán entregados nos actos de graduación de Dereito da Universidade de Vigo, publicáronse como parte dos seus actos de celebración do Día das Letras Galegas. Consulta a información detallada aquí.
13/05/2024. DINAMIZACIóN

As asociacións veciñais de Bugallido, Ames, organizan A Carballeira das Letras

Agrupacións veciñais, culturais ou agrarias, cunha extensa tradición de iniciativas de dinamización do ámbito rural, convídannos a participar o 17 de maio na Carballeira das Letras. Unha acción colectiva na que coflúen música, lingua, arte, pobo e celebración.

A xornada terá lugar na carballeira de Bugallido e ofrecerá interpretacións musicais, obradoiros sobre Luísa Villalta, un xantar campestre con foliada e a gravación dunha flashmob baseada nunha canción de Guadi Galego como fin de festa.

Podes ampliar esta información nas súas redes sociais.
10/05/2024. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición na X Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a décima edición da Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2024 en Santiago de Compostela, co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas a través da práctica deportiva, sumando ao mesmo tempo o simbolismo do Camiño de Santiago.

A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías “escolares” (de sub6 a sub16) por un circuíto da Cidade da Cultura. Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras. Os/as gañadores/as tamén recibirán un lote de libros e mais o seu correspondente trofeo.

A inscrición estará aberta ata o martes 14 de maio. Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
08/05/2024. DINAMIZACIóN

A RAG celebrará o acto central das Letras Galegas na Coruña, cidade natal de Luísa Villalta

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:30 h, terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a sesión extraordinaria e pública que a Real Academia Galega celebra este ano en homenaxe a Luísa Villalta. No acto intervirán os/as académicos/as Ana Romaní, Margarita Ledo Andión e Euloxio R. Ruibal, ademais do presidente da institución, Víctor F. Freixanes.

As persoas que non poidan asistir presencialmente poderán ver a emisión en directo desde a páxina web academia.gal.
08/05/2024. DINAMIZACIóN

Maio volve ser o "mes da lingua" en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta, un ano máis, un amplo programa de actividades de dinamización lingüística que se desenvolverán ao longo de todo o mes de maio, coincidindo cos actos conmemorativos das Letras Galegas que se están a organizar por todo o país.

O programa “Maio, mes da lingua” comezou onte, martes 7 de maio, cunha mesa redonda na que se presentou publicamente Xeración Alfa, a primeira revista cultural impresa en galego dirixida á mocidade, xurdida da colaboración entre o Concello de Pontevedra e o xornal Nós Diario. A maiores, ao longo do mes haberá concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais, xogos populares... e o 8 de xuño porase o ramo coa entrega dos Premios Mil Primaveras, organizados pola CTNL.

Na páxina web do SNL do Concello de Pontevedra podes completar esta información.
08/05/2024. DINAMIZACIóN

Comeza a segunda edición do programa “Modo galego, actívao!”

En febreiro de 2023 botaba a andar Modo galego, actívao!, unha iniciativa desenvolvida de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames co obxectivo de incidir nos usos lingüísticos do alumnado do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizado neste concello. Trátase dun programa de inmersión lingüística estruturado nunha serie de accións destinadas a promover que os nenos e nenas empreguen o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida.

Constatado o éxito da primeira edición, ambas as entidades presentan agora unha segunda que comezará o vindeiro 13 de maio e se desenvolverá ata finais de mes, e na que, como novidade, se incorporan tamén as dúas escolas infantís municipais.

Podes manterte ao día de todas as actividades que se desenvolven nesta segunda edición do programa premendo aquí.
08/05/2024. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora as biografías dos trobadores da ría de Vigo

A partir de hoxe, Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax contan cun espazo propio no Álbum de Galicia, o proxecto do Consello da Cultura Galega que aglutina as biografías das personalidades que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia.

As entradas foron redactadas por Xosé Bieito Arias Freixedo, profesor da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e membro do grupo de investigación Universo Cantigas da Universidade da Coruña.
07/05/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Pontevedra convídate a botar un conto

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra convoca unha nova edición de Bótalle un conto, un certame de contos orais en galego deseñado para prestixiar a variedade e riqueza da lingua oral, así como para premiar a habilidade de comunicar e emocionar coa palabra. O concurso está aberto a toda a cidadanía mais nesta edición fomentarase especialmente a participación do alumnado de secundaria.

Os participantes terán oportunidade de gravar os seus contos, dunha duración de 4 minutos como máximo, en diferentes locais sociais da cidade e un xurado especialista seleccionará os finalistas, que participarán na final do domingo 26 de maio no Teatro Principal. Os catro contos máis votados serán premiados con cadansúa cea para dúas persoas.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os métodos de inscrición, premendo aquí.
07/05/2024. DINAMIZACIóN

A exposición “Orgullo da nosa lingua” chega a outros catro concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Onte, 6 de maio de 2024, presentouse en Boiro a mostra Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir, inaugurada en setembro de 2023 no marco do programa FalaRedes, que agora poderá visitarse noutros catro concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (Boiro, Cambados, Ribadeo e Betanzos) durante os meses de maio e xuño de 2024. A exposición consta de 9 paneis nos que se explican as particularidades lingüísticas do galego, se pon en valor a riqueza que supón termos un idioma propio e se ofrecen os múltiples motivos que existen para sentirnos orgullosos de falalo.

As visitas á mostra poden facerse por libre ou ben coa guía dunha persoa dinamizadora que atenderá os asistentes no horario establecido por cada concello. Para obter máis información sobre as datas concretas nas que estará en cada localidade, preme aquí.
07/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica para o persoal da Administración de Xustiza que traballa fóra de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, dous cursos de linguaxe xurídica galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) para o ano 2024, destinados ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza que preste servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación. O prazo para presentar solicitudes estará aberto entre o 8 e o 20 de maio de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
07/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución da convocatoria de subvencións para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica, no DOG do 6 de maio de 2024, a listaxe de editoriais ás que se lle conceden axudas destinadas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Xunto co nome das editoriais publícase tamén a listaxe de proxectos subvencionados.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
03/05/2024. DINAMIZACIóN

Concerto de Familia Caamagno para promover o préstamo bibliotecario de material en galego

Coincidindo co comezo da celebración das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña promoven o programa AgoraSón Primavera 2024, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD etc.). A principal acción do programa será a celebración do concerto de Familia Caamagno, que terá lugar o 10 de maio de 2024, ás 21:00 h, no auditorio do Centro Ágora.
A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do vindeiro luns, 6 de maio, entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar en préstamo material en galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
03/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aulas de galego para a poboación inmigrante do concello de Silleda

O vindeiro luns, 6 de maio de 2024, comeza unha nova edición do Programa Anduriña, unha iniciativa do Concello de Silleda para a alfabetización e inserción sociocultural da poboación inmigrante empadroada no concello. O programa inclúe aulas de aprendizaxe de lingua castelá e mais de lingua galega, tanto para poboación adulta como infantil.

Se desexas máis información debes poñerte en contacto co Departamento de Benestar do Concello de Silleda (986 59 20 37).
03/05/2024. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa publica as bases que rexerán a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego destinada á provisión temporal da praza de técnico/a de normalización lingüística, como funcionario/a interino/a. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións (ou equivalente): licenciatura/grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou outras titulacións de grao/licenciatura pertencentes á área de humanidades ou de ciencias sociais e xurídicas, sempre que estean en posesión do Celga 5.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
30/04/2024. DINAMIZACIóN

Subscríbete ao galego e gaña un dominio .gal e mais un aloxamento web de balde

Co gallo da dobre conmemoración, o vindeiro 17 de maio, do Día das Letras Galegas e mais o Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal organizan un ano máis a campaña “Subscríbete ao galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na rede e apoiar os medios de comunicación que usan o noso idioma. No marco desta iniciativa, todas as persoas que se fagan subscritoras entre o 17 e o 31 de maio de 2024 dalgún dos medios en galego participantes na campaña obterán de balde un dominio .gal e mais o aloxamento para o seu sitio web durante un ano.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
29/04/2024. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 13 de marzo de 2024.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela: IES Antonio Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e Escola Galega de Administración Pública (Celga 1); e en Ponferrada: Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 1 de xuño de 2024
-Celga 2: 26 de maio de 2024
-Celga 3: 25 de maio de 2024
-Celga 4: 18 de maio de 2024 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U; e 19 de maio de 2024 se o primeiro apelido empeza por V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.
26/04/2024. INVESTIGACIóN

Accesible en liña un novo volume de estudos sobre a estandarización das linguas na Península Ibérica

O Consello da Cultura Galega acaba de poñer ao dispor de toda a cidadanía, a través da súa páxina web, a publicación A estandarización das linguas na Península Ibérica: procesos, problemas e novos horizontes, un volume editado polo profesor Henrique Monteagudo que recolle unha serie de traballos elaborados a partir dos relatorios presentados no Simposio «Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas», organizado polo Instituto da Lingua Galega en 2021. Neles ofrécese unha panorámica sobre os procesos de estandarización (problemas, perspectivas e novas vías de investigación) dos seguintes idiomas: o galego, o portugués europeo e brasileiro, o catalán, o éuscaro e, colateralmente, o castelán.
26/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver iniciativas que contribúan á promoción do uso da lingua galega, á mellora do seu prestixio e á súa dinamización social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
25/04/2024. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa do Concerto das Letras Galegas 2024

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello da Coruña, o Concerto das Letras Galegas 2024, que nesta edición terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Colón da Coruña, a cidade natal de Luísa Villalta.

Como é costume, o programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas (neste 2024, Luísa Villalta) e tamén inclúe obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja. Como primicia, o Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, e o baixo-barítono Daniel Mosquera farán a estrea absoluta de Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta.

A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
25/04/2024. DINAMIZACIóN

Andaina para coñecer a historia de Compostela e a súa relación coa lingua

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta a iniciativa Compostela e as orixes da lingua, un paseo lingüístico de dúas horas de duración que che permitirá descubrir as orixes do idioma galego ao tempo que coñeces a historia da cidade.

A primeira andaina está dirixida ao público xeral e terá lugar o sábado 4 de maio de 2024 a partir das 11:00 h (o punto de partida será a praza da Pescadería Vella). A comezos do vindeiro curso escolar, entre o 15 de setembro e o 31 de outubro de 2024, poderán inscribirse os centros de ensino que o desexen nos novos paseos que se organizarán para alumnado de 4º da ESO, e 1º e 2º de Bacharelato. Tamén poderá apuntarse público adulto organizado en grupos de entre 15 e 30 persoas.