Novas da lingua

Rexistros1021 a 1050 de 5153
11/05/2023. DINAMIZACIóN

Lourenzá acolle unha exposición e mais o acto central das Letras Galegas 2023

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:30 h, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria e pública dedicada a Francisco Fernández del Riego. O acto terá lugar no centro de usos múltiples Ponte de Cuñas, en Lourenzá, a vila natal do autor homenaxeado, e nel intervirán Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, ademais do presidente da institución, Víctor F. Freixanes. A sesión poderá seguirse en directo desde a canle de Youtube da RAG.

Nesta mesma vila luguesa, neste caso no Museo de Arte Sacra, tamén acaba de inaugurarse a exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, impulsada pola Xunta de Galicia e producida pola editorial Galaxia coa colaboración da Real Academia Galega e da Fundación Penzol. A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de catorce paneis e mesas-vitrina con material gráfico e documental.
11/05/2023. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo acolle o IX Congreso Internacional de Fonética Experimental

Do 21 ao 23 de xuño de 2023, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo será a sede do IX Congreso Internacional de Fonética Experimental. Como obxectivo, esta edición pretende agrupar investigadores, teóricos e profesionais dunha gran variedade de disciplinas, que aborden temas relacionados coa sociofonética; psicolingüística e fonética acústica; adquisición de primeiras e segundas linguas; tecnoloxías da fala...

O prazo de inscrición remata o 15 de maio.

11/05/2023. EMPREGO

Convocatoria para a provisión en comisión de servizos do posto de xefe/a de normalización lingüística do Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica a convocatoria pública, aberta a outras administracións, para a provisión con carácter temporal e urxente, en comisión de servizos, do posto de xefe/a de normalización lingüística (funcionario/a A1). Os solicitantes deben posuír a condición de funcionario/a de carreira e estar en posesión do grao en Estudos de Galego e Español; en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués ou licenciaturas equivalentes, ou calquera outro grao ou licenciatura da área de coñecemento de humanidades ou ciencias sociais e xurídicas, sempre que se estea en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5). Así mesmo, deben contar cun informe favorable da Administración de orixe co compromiso de autorización da comisión de servizos do empregado/a público. O sistema de provisión será o concurso. O prazo para presentar as solicitudes é de 5 días hábiles contados dende o día seguinte ao de publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
10/05/2023. LEXISLACIóN

O Parlamento Europeo avala a reivindicación da dobraxe e o subtitulado nas linguas minorizadas

O Parlamento Europeo acaba de facer pública a súa resolución sobre a aplicación da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual, onde entre outras cousas, subliña “a importancia de facilitar a accesibilidade (dobraxe, subtítulos, audiodescrición e outros) en todas as linguas do territorio no que se presta o servizo de comunicación audiovisual”, ao tempo que “pide que se redobren os esforzos para difundir as obras europeas que representan toda a diversidade lingüística europea, tendo en conta tanto as linguas oficiais como as rexionais e minoritarias”.

Esta resolución apróbase días despois de que representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e mais do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC participasen no intergrupo de linguas do Parlamento Europeo para trasladar as demandas da Iniciativa polo audivisual en galego.
10/05/2023. OUTRAS

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Ánxel Fole

O Consello da Cultura Galega incorpora ao Álbum de Galicia a entrada de Ánxel Fole (Lugo, 1903 – Lugo, 1986), cun texto biográfico asinado por Armando Requeixo. “Mestre da literatura fantástica, o teatro humorístico e o articulismo literario”, a Real Academia Galega recoñeceu a súa entrega á lingua e á cultura galegas dedicándolle en 1997 o Día das Letras Galegas.

Acompañando ao texto biográfico presentamos tamén outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que axudan a debuxar a figura “deste mestre lucense do relato”.
09/05/2023. DINAMIZACIóN

Seis décadas de celebración das Letras Galegas en imaxes

O 20 de marzo de 1963 os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo presentan unha proposta ao plenario da Real Academia Galega para que se instaure unha “xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros”, que se celebraría o 17 de maio de cada ano, cadrando coa publicación de Cantares Gallegos.
Neste ano no que se cumpre o 60 aniversario da celebración do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega presenta na súa páxina web unha fotogalería que dá testemuño destas seis décadas dunha celebración que traspasou as fronteiras institucionais e académicas para converterse, co apoio da sociedade civil, nunha gran reivindicación colectiva da lingua e cultura galegas.
09/05/2023. INVESTIGACIóN

En liña o glosario de termos esenciais de dereito procesual

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito presentan o volume Termos esenciais de dereito procesual, autoría de Cristina Alonso Salgado, Ana Rodríguez Álvarez e Xusto Rodríguez Río. Trátase dun glosario bilingüe (galego-español) que recolle máis de 1000 conceptos do ámbito do dereito procesual, procedentes de catro grandes bloques temáticos: organización xudicial, proceso penal, proceso civil e métodos alternativos de resolución de conflitos.

Na Libraría Dixital da USC podes adquir a edición en papel deste volume, ou descargalo de balde en formato PDF.

05/05/2023. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia e Agapi promoven o uso didáctico do audiovisual en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) están a desenvolver o programa Educa Audiovisual, a través do que poñen ao dispor dos centros de educación secundaria un catálogo de 14 filmes e series para usar na aula como apoio didáctico aos contidos curriculares, así como unha serie de coloquios complementarios con profesionais do sector. O obxectivo do programa é proporcionarlle ao profesorado recursos audiovisuais de calidade e en galego, para que poidan traballar co seu alumnado contidos relacionados coa lingua, a memoria e o territorio. Ademais do uso libre do catálogo, os centros interesados en acoller un coloquio con profesionais do sector poden enviar a súa solicitude ao correo agapimpulsa@agapi.gal.

Se precisas máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
05/05/2023. DINAMIZACIóN

Subscríbete ao galego e gaña un dominio .gal e mais un aloxamento web

O vindeiro 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e mais o Día de Internet e con este dobre motivo, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal organizan conxuntamente a campaña “Subscríbete ao galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na rede e apoiar os medios de comunicación que usan o noso idioma. No marco desta iniciativa, todas as persoas que se fagan subscritoras entre o 17 e o 31 de maio dalgún dos medios en galego participantes na campaña obterán de balde un dominio .gal e mais o aloxamento para o seu sitio web durante un ano.

Podes ampliar información premendo aquí.
05/05/2023. OUTRAS

En liña o epistolario entre Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Piñeiro

No Día Mundial da Lingua Portuguesa, que se conmemora cada 5 de maio, o Consello da Cultura Galega difunde en liña a copia dixital de noventa e unha cartas enviadas polo filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa ao intelectual galego Ramón Piñeiro entre o 18 de maio de 1953 e o 22 de febreiro de 1978, cuxos orixinais están custodiados na Fundación Penzol en Vigo. Proximamente difundiranse tamén as cartas enviadas por Ramón Piñeiro ao seu interlocutor, custodiadas na mesma fundación. A colección epistolar preséntase acompañada por un texto de contextualización autoría de Henrique Monteagudo, que sinala a estreita relación entre o grupo galeguista organizado ao redor da Editorial Galaxia e o filólogo portugués, que actuou como “orientador sobre cuestións filolóxicas, especialmente as referidas á lírica trobadoresca e en xeral á literatura medieval”.
04/05/2023. DINAMIZACIóN

Xa podes retirar as entradas para asistir ao Concerto das Letras Galegas

Un ano máis o Consello da Cultura Galega organiza o seu xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que nesta décimo terceira edición terá lugar o 16 de maio de 2023, ás 20:30 h, no Teatro Afundación de Vigo. O programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, e será interpretado pola Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas. Como xa é habitual, estrearase unha peza, que neste caso será a Sinfonietta, composta por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de dous poemas de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego.

Para asistir presencialmente debes reservar a entrada, que é libre e gratuíta, en Ataquilla.com. O concerto tamén poderá seguirse en directo a través do web do Consello da Cultura Galega e ao día seguinte, 17 de maio, emitirase na segunda canle da TVG.
04/05/2023. DINAMIZACIóN

Feiraco convida ao alumnado a imaxinar a Galicia do futuro en galego

A cooperativa Feiraco, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza o "Certame de relatos breves Feiraco. Letras Galegas 2023”, co obxectivo de promover o coñecemento, o uso e a divulgación do idioma galego entre a comunicade educativa. Poderá participar no certame o alumnado de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO matriculados nos centros educativos de Galicia. Os participantes deben remitir un relato breve, dunha cara DIN A4 como máximo, orixinal do autor ou autora, escrito en galego. A temática é libre, co único condicionante de que a historia aconteza na Galicia do futuro. O/a autor/a do relato gañador en cada unha das categorías será obsequiado/a cunha mochila de vaca Feiraco e mais cunha excursión a unha granxa da empresa, que gozará con toda a súa clase. Tamén haberá premios para os finalistas de cada centro e para as mil primeiras persoas participantes.

O prazo de presentación dos traballos remata o 16 de maio de 2023.
04/05/2023. OUTRAS

Criando lingua: a experiencia de cinco familias que deciden criar en galego

Xa podes ver en liña as dez pezas audiovisuais que conforman o proxecto Criando lingua, elaborado por Xurdir Producións ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022 para o repositorio “TCRedes en galego”. O documental trata o tema da transmisión da lingua galega a través da experiencia concreta de cinco familias de diversa natureza que tomaron a decisión de criaren os seus fillos en galego.
03/05/2023. OUTRAS

O CCG presenta o facsímile de Na espera do amigo, de Fernández del Riego

No marco do seu programa de actividades de conmemoración das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a edición facsimilar do conto Na espera do amigo de Francisco Fernández del Riego, publicado orixinalmente por Aguatinta (1994). A obra preséntase acompañada de catro estudos complementarios (autoría de Román Pereiro, Xosé López, Carlos L. Bernárdez e Betriz Liz) e mais dunha introdución da presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Para obter máis información, preme aquí.
03/05/2023. DINAMIZACIóN

IX Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a IX Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2023 en Santiago de Compostela, co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas a través da práctica deportiva, sumando ao mesmo tempo o simbolismo do Camiño de Santiago.
A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías infantís e xuvenís (de sub6 a sub16). Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras.

Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
28/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

XII Premio de Tradución para o Galego da UDC

A Facultade de Filoloxía e o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o XI Premio de Tradución para o Galego, dirixido ao estudantado da Universidade da Coruña.

Os textos traducidos, a partir dun conxunto de obras orixinais indicadas nas bases, poderán remitirse a secretaria.decanato.filoloxia@udc.gal ata o 29 de setembro de 2023. Máis información na convocatoria do premio.
28/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame de Poesía e Microrrelato do Concello de Cabanas

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Cabanas vén de anunciar as bases do IV Certame de Poesía e Microrrelato, un concurso literario que se enmarca na programación do Día das Letras Galegas e busca fomentar o uso e o prestixio da lingua galega a través da expresión artística e a creatividade.

As obras, inéditas e en lingua galega, deben dirixirse a normalizacion@cabanas.gal ata o 14 de maio. Consulta a convocatoria completa e o formulario de inscrición.
28/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de recursos didácticos en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a convocatoria para o ano 2023 de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios para os niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

28/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

IV Festa do Apego en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a cuarta edición da súa Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe música, contos, mostras de recursos lúdico-educativos e xogos. O encontro terá lugar o 6 de maio de 2023 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). A entrada é libre e gratuíta en todas as actividades.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/04/2023. INVESTIGACIóN

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Informe Xabarín 2023

A Mesa pola Normalización Lingüística acaba de facer público o Informe Xabarín 2023, no que se analiza a presenza do galego nos contidos infantís e xuvenís dos principais servizos audiovisuais de televisión.
En termos xerais, desde a Mesa sinalan que “só a programación infantil e xuvenil da TVG garante unha mínima presenza do galego na grella das principais operadoras de servizos de televisión”. De feito, no conxunto das operadoras analizadas (Movistar, Vodafone, R e Orange), o galego só ten presenza 2 horas e 25 minutos ao día (sempre nas emisións da TVG2).
Con respecto ás plataformas estatais de comunicación audiovisual a petición, o informe constata o incumprimento da Lei do audiovisual (que lles esixe a este tipo de plataformas un mínimo do 1,55% do catálogo na lingua propia oficial das comunidades autónomas). En concreto, só inclúen contidos en galego RTVE Play (aínda que unicamente un 0,53% da súa oferta xeral) e Filmin (un 0,30% do seu catálogo xeral e un 0,74% do infantil).
No conxunto das plataformas internacionais analizadas (Netflix, Prime video e HBO), o noso idioma ten presenza nun 0,92% do seu catálogo xeral e nun 1,1% do infantil. Neste caso, a Mesa subliña como dato positivo o 1,89% de presenza de galego no catálogo de Netflix, que malia non estar afectada pola Lei do audiovisual, supera os mínimos establecidos nela.

Podes ler o informe completo premendo aquí.
27/04/2023. DINAMIZACIóN

O IES Leiras Pulpeiro elabora un glosario caló-galego

O Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Leiras Pulpeiro (Lugo) presenta o Glosario caló-galego, elaborado por alumnado do propio centro co obxectivo de difundir a cultura xitana entre a comunidade educativa. O glosario inclúe unha listaxe de palabras ou frases que o alumnado considerou relevantes na lingua caló (propia do pobo xitano), coas súas equivalencias en lingua galega.

Na páxina web do centro podes obter máis información sobre esta iniciativa.
27/04/2023. DINAMIZACIóN

XIV Certame de Cine Ouff Escola 2023

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a décimo cuarta edición do Certame Ouff Escola, que ten como obxectivos impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 10 de xullo de 2023.

Para consultar as bases completas, preme aquí.
27/04/2023. DINAMIZACIóN

Últimos días para participar no Música nas Letras 2023

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o certame “Música nas Letras 2023”, co obxectivo de fomentar a creación musical en galego e homenaxear as grandes figuras das Letras Galegas. O certame está dirixido a bandas de calquera estilo musical de Pontevedra, ou que acrediten ter un compoñente de Pontevedra, que deben musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos dalgunha das figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Outorgaranse tres premios, de 1.000, 500 e 250 euros. O prazo de presentación de traballos remata o 2 de maio de 2023.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
26/04/2023. OUTRAS

O SNL da USC engade quince títulos á colección Esenciais

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela incorpora 15 novos títulos á súa colección de Esenciais, aos que podes acceder desde a Libraría Dixital da USC. Trátase de recursos de apoio didáctico en galego, dirixidos tanto ao profesorado como ao alumnado, que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia. Neste momento a colección conta con 55 recursos, 40 deles accesibles en liña de balde.

No Xornal da USC podes ampliar información sobre esta iniciativa.
26/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

Agadic convoca axudas para a creación audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para o ano 2023 destinadas a impulsar a creación de obras audiovisuais en galego a través do apoio á escrita de guións, á realización e posprodución de curtametraxes e á produción de longametraxes. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Para consultar o texto completo coas bases, preme aquí.

26/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña resolve as axudas para os SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva das subvencións dirixidas a concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2023. Podes consultar o texto completo da resolución, coa listaxe de entidades beneficiarias, premendo aquí.
24/04/2023. INVESTIGACIóN

Guía para docentes sobre a lingua na sociedade e estratexias de reflexión nas aulas

A Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística, e a Deputación de Pontevedra publican A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia.

O traballo céntrase dun dos catro bloques fundamentais do currículo educativo, definindo ferramentas e propostas que permiten mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de Secundaria e que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma.

Esta guía, que tamén terá distribuída en papel, pretende, por outra parte, explicitar as conclusións ás que chegou o grupo que traballo que comezou en 2022 o proxecto "Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato".
21/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

V Concurso de podcasts "Radio na Biblio", centrado en Francisco Fernández del Riego

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de convocar o V Concurso de podcasts Radio na biblio, que, como cada ano, céntrase en homenaxear o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e animar a creación de contidos radiofónicos arredor del.

Nesta edición promóvense os traballos enfocados a salientar a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución, e dar importancia do activismo cultural a partir dos anos 50 do que foi protagonista, entre outros, Francisco Fernández del Riego.

Para ampliar información, preme aquí.
20/04/2023. OUTRAS

A Fundación Penzol celebra o seu 60 aniversario expoñendo as xoias dos seus fondos

"60 pezas para 60 anos. Fundación Penzol, 1963-2023" é o nome da exposición na que pode verse, ata o 21 maio, unha mostra dos valiosos fondos desta fundación clave na recuperación cultural de Galicia desde os últimos anos da ditadura.

Entre outros, podes atopar documentos antigos de referencia pola presenza da lingua galega; obxectos, material arquivístico e cartográfico ou prensa relacionados coa memoria de Galicia. Tamén obxectos dos fondos de autores depositados na Penzol; persoeiros tan relevantes coma Otero Pedrayo, Castelao, Álvaro Cunqueiro ou Mª do Carmo Kruckenberg.

Tes máis información no folleto da mostra.

19/04/2023. DINAMIZACIóN

"É túa. Pásaa!", nova campaña da asociación Alingua

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, suma integrantes coa incorporación do Concello de Carballo e bota adiante novas iniciativas. Mediante grandes lonas en edificios públicos, está dando a coñecer o lema da campaña É túa. Pásaa!, que tamén aparecerá nos vinilos e bandeirolas distribuídos entre a poboación dos concellos adheridos á entidade.

O propósito é que persoas e colectivos expresen o seu apoio a esta campaña e ao uso do galego, así como animar e quen non fala en galego a dar o paso.

Nesta vontade de crear un ambiente positivo, Alingua agasállanos cunha canción de Fátima Pego e Grande Amore á que podes acceder no espazo web da campaña. Alí tamén atoparás información sobre os puntos de recollida do material.