Ánxel Fole
Lugo, 11/ 8/1903 - Lugo, 9/5/1986Autoría: Armando Requeixo
Mestre da narrativa fantástica, o teatro humorístico e o articulismo literario
Ánxel Fole Sánchez naceu en Lugo o 11 de agosto de 1903. Por parte paterna procedía dunha familia ben acomodada, donos de numerosas propiedades en toda Galicia. O seu bisavó, Juan María Quiroga, señor de Orbán e Basille, posuíu unha grande fortuna e o pai de Fole, Reinaldo Fole Quiroga, foi un destacado avogado e político que mesmo chegou a ser alcalde de Lugo. Por parte materna pertencía a unha familia modesta de Friol, onde nacera súa nai Benita Sánchez Corredoira. Reinaldo Fole casou con ela en segundas nupcias, razón pola cal Fole tivo non só irmáns (Salvador, Desiderio e María), senón tamén medio irmáns (Reinaldo, Mercedes, Teresa e Rosina).
Con cinco anos Fole marchou da vivenda do Campo Castelo para ir vivir á Casa de Orbán, na parroquia lucense de Fingoi, casarío con ampla facenda que seu pai construíra aproveitando o solar dunha antiga torre preto do Miño. Aos oito anos volveu á cidade, onde se estableceu nunha casa da Rúa Aguirre e, xa con dezasete anos, el e a súa familia trasladáronse ao Carril dos Loureiros, a unha casa propiedade do pintor Corredoira.
As primeiras letras aprendeullas a Fole un tío seu na casa de Fingoi, pero a formación propiamente regrada adquiriuna na escola dos P. Maristas, no Seminario e no Instituto de Lugo, onde se fixo —con certo retraso e alternando a matrícula oficial coa libre— bacharel aos vinte e catro anos. Foi alí onde coñeceu a Álvaro Cunqueiro, co que pronto trabou unha amizade que habería de durarlle toda a vida. Segundo confesión do escritor mindoniense, entrambos idearon daquela unha revista escolar, hoxe perdida, na que deron a coñecer os seus primeiros escritos.
En 1924 Fole fixo o servizo militar en Lugo. Ao remate, marchou estudar primeiro á Universidade de Valladolid, logo á de Madrid e finalmente á de Santiago, onde se matriculou en Filosofía e Letras, estudos que nunca chegou a acabar, pois ben pronto pasou a dedicar todos os seus esforzos á escrita xornalística e literaria.
En 1928 publicou o primeiro artigo no xornal lugués La Provincia, que versou sobre o centenario de Góngora, escrito ao que pronto seguiu outro sobre Rafael Alberti. Estas colaboracións alternaron con outras que, por ese mesmo tempo, comezou a dar a coñecer en El Progreso.
En Compostela permaneceu Fole dende 1929 ata 1933 e foi alí onde se consolidou a súa andaina literaria. Nestes catro anos viviu a fondo o ambiente festivo e cultural santiagués, que compartiu co seu amigo dende os tempos do instituto e agora compañeiro de pensión Álvaro Cunqueiro. E foi alí tamén onde asistiu a faladoiros intelectuais como os do Café Suízo ou o Derby, onde compartiu horas e saberes con moitos outros grandes persoeiros da literatura e das artes do pasado século, como Rafael Dieste, Luís Seoane ou Francisco Fernández del Riego, entre outros.
Paralelamente aproveitou as súas estadías luguesas para asistir aos faladoiros que alí comezaron a agromar e asemade participou nos actos culturais que o movemento galeguista organizou naqueles primeiros anos da Segunda República. Así, logo de pasar por outras organizacións, afiliouse ao Partido Galeguista en 1935, comezando unha etapa de forte activismo político que se plasmou na súa participación en cabeceiras como os semanarios ¡Ahora! e Guión (1931) ou a revista Yunque (1932-1934). Outras colaboracións súas de interese nesta época foron as enviadas ao xornal vigués El Pueblo Gallego, a coordinación do décimo número da revista Resol e o que ía ser o primeiro libro do escritor, o volume de contos Auga lizgaira, do que se perderon as probas de imprenta no prelo da Editorial Nós coa chegada da Guerra Civil, polo que tan só ficaron del tres mostras, dúas publicadas na revista Nós («Eu i-o meu corazón. Elexía, ao xeito romántego» e «Idilio na Insua») e outra que avanzara no amentado El Pueblo Gallego («Trebonada na Penedía»).
O estourido da Guerra Civil acabou cos ingresos que percibía como colaborador dos medios e rematou tamén co seu desempeño como axudante bibliotecario, correspondente da Axencia Febus e docente na Academia Akademos. As estreiteces económicas fixeron que aceptase o emprego de preceptor dos fillos da familia Quiroga, o que o levou a marchar en 1941 ao concello homónimo, onde esta familia tiña propiedades na Veiguiña. Alí e no próximo concello do Incio, no que tamén pasou longas tempadas, entrou Fole en contacto co vizoso universo rural que informou decisivamente a súa narrativa posterior.
En 1953 regresou a Lugo e veu publicado o primeiro libro de relatos, que escribira en Quiroga. Trátase de Á lús do candil, ao que pronto seguiu un novo libro de contos nacido das súas andainas por terras do Incio: Terra brava (1955).
No Lugo dos cincuenta e sesenta Fole reencontrouse con vellos amigos de antes da guerra e con algún outro novo tamén, como Celestino Fernández de la Vega. Frecuentou os faladoiros da cafetería do Hotel Méndez Núñez, o Lugo Bar, o Café Madrid, o Cantón Bar e o Café Monterrey, e era habitual atopalo na xerencia do Cine España, onde traballaba seu irmán Salvador, amais de na redacción de El Progreso, auténtico segundo fogar para o escritor dende que principiou a traballar nel como redactor en 1957, labor que xa nunca abandonou.
En 1958 publicou a peza de teatro Pauto do demo (1958). Concibida por Fole como un divertimento escénico, como un xoguete dramático sen máis pretensión que a de entreter coa parodia de tipos e o cómico de situacións e diálogos, nela dáse unha particular aliaxe entre, por unha banda, os elementos propiamente dramáticos, e, por outra, certas constantes narrativas e determinantes influencias fílmicas. Todo sempre baixo o criterio da funcionalidade, do didactismo, pois o propio autor desexaba que o seu texto se recibise como un teatro para representar, sen necesidade de profesionalismos, “pra facer teatro os rapaces e nenos”; é dicir, un teatro sobre o pobo, do pobo e para o pobo, un teatro popular.
O día de San Froilán de 1963 Fole ingresou na Real Academia Galega co discurso Castelao i-a tradición galeguista. Era xa entón unha voz imprescindible da literatura galega, como recoñeceron os amigos que organizaron para el unha gran homenaxe en Vigo en febreiro de 1964.
Esta consideración de clásico en vida aínda se afianzou máis na década dos setenta. Precisamente en maio de 1970 comezou a dirixir o histórico suplemento «Táboa Redonda» de El Progreso. Pouco despois, en 1972, publicou en opúsculo o conto ¿E decímolo ou non-o decimos? e, un ano máis tarde, o seu terceiro libro de relatos, Contos da néboa.
Coa proximidade e chegada da Democracia as distincións en recoñecemento da súa traxectoria literaria sucedéronse. En 1975 foi nomeado Membro de Honor da Asociación de Prensa de Lugo; un ano despois foi distinguido como Fillo Predilecto da Cidade de Lugo; en 1977 a Fundación Barrié de la Maza concedeulle unha pensión vitalicia; ao ano seguinte recibiu o Pedrón de Ouro; en 1979 foi designado Persoeiro Lucense do ano; o Concello de Lugo dedicoulle unha rúa en maio de 1981; a Asociación de Escritores en Lingua Galega fíxoo Presidente Honorífico e presentou a súa candidatura ao Nobel en 1983; e, en 1985, púxoselle o seu nome a un instituto lucense, dedicóuselle a V Semana Bibliográfica das Linguas Ibéricas en Lugo e recibiu a Medalla Castelao.
Por estes anos foron aparecendo tamén os seus últimos traballos. Amais de gran número de prólogos, textos para volumes colectivos e traducións, viu luz agora o seu derradeiro libro de relatos, Historias que ninguén cre, publicado en 1981, o mesmo ano en que saíu do prelo Cartafolio de Lugo, volume onde recompilou varias ducias de artigos en castelán que foran léndose na prensa lucense ao longo de máis de cincuenta anos.
Pouco máis tarde, en 1984, publicou algúns novos contos no libro colectivo Medusa e, ao ano seguinte, un novo opúsculo contendo o relato O conto de nunca acabar.
Non tivo tempo a máis, pois faleceu na madrugada do 9 de maio de 1986 en Lugo, a cidade na que viviu practicamente toda a vida e á que tanto amou e literaturizou.
Secasí, ficou para a eternidade a súa escrita e o seu exemplo na entrega á lingua e á cultura de noso, o que lle foi recoñecido en 1997 coa dedicatoria do Día das Letras Galegas.
Escritor nos xornais e poeta ocasional, tanto en galego coma en castelán, amais de dramaturgo, Ánxel Fole pasou á historia da literatura principalmente pola contística reunida na tetraloxía Á lús do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).
Se cadra o trazo caracterizador que mellor define os contos do autor é o da súa ambientación misteriosa, da inserción nas súas historias de sucesos paranormais ou parapsicolóxicos que, moitas veces, se erixen en verdadeiros leitmotivs dos relatos. Tendo isto presente, unha parte importante da súa narrativa pode definirse como fantástica (non marabillosa), pois integra elementos extra-ordinarios que non poden explicarse nunha lectura realista por canto tales elementos pertencen ao terreo do irreal, do non fáctico, do non experienciable, do non empírico (aparacións e premonicións, alucinacións e telepatías, meigallos e feiticerías de bruxas, meigas, sabias, menciñeiros e compostores, supersticións varias, arrepiantes maleficios e desconcertantes presencias demoníacas).
Mais a narrativa de Fole (que xoga coa estrutura enmarcada nos dous primeiros libros e ten ben presente decote os trazos do contar de tradición oral) non se esgota con esta vertente do fantástico, senón que tamén se enriquece coa presenza de relatos humorísticos, policial-detectivescos e de aventuras e aínda de suceso anecdótico. Doutra parte, temas como os da paisaxe (considerada como suprema categoría estética polo autor), a música (como signo identitario diferencial), o idioma (tanto nas vertentes da arqueoloxía lingüística coma da conciencia sociolingüística ou do pseudocientifismo etimolóxico), a metaliteratura (con abondosas citas e homenaxes ás literaturas galega, española, anglófona, francesa ou rusa), o humor (baixo a fórmula de comicidade burlesca ou sátira mordaz), a muller (como secundaria de luxo) ou o amor (na modulación dun romanticismo sublimado) son outros tantos asuntos ben presentes na obra deste mestre lucense do relato.
Obra en galego

Á lús do candil (1953)
Terra brava (1955)
Pauto do demo (1958)
¿E decímolo ou non o decimos? (1972)
Contos da néboa (1973)
Historias que ninguén cre (1981)
Cartafolio de Lugo (1981)
«Contos-lóstrego”. En AA.VV.: Medusa. Relatos (1984)
O conto de nunca acabar (1985)
Obra Galega Completa (3 vols., 1996)
Bibliografía