Novas da lingua

Rexistros1021 a 1050 de 5280
08/03/2023. DINAMIZACIóN

O Bierzo celebra o Día do Galego coas XV Xornadas Martín Sarmiento

Mañá, 9 de marzo de 2023, data na que se conmemora o Día do Galego no Bierzo, terán lugar as XV Xornadas Martín Sarmiento, organizadas pola Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo e diferentes concellos e entidades culturais da comarca. Ademais dos habituais intercambios didácticos e lúdicos entre os centros educativos bercianos que participan no programa de galego, no transcurso da xornada tamén terá lugar a entrega do III Premio Antonio Fernández Morales, a convocatoria da IV edición do galardón e a presentación do web ogalegonobierzo.org.
No blog O Mego da Escola podes ampliar información sobre esta iniciativa.
08/03/2023. DINAMIZACIóN

Francisco Fernández del Riego protagoniza a Primavera das Letras 2023

A Real Academia Galega presentou no CEIP Juan Rey de Vilanova de Lourenzá a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, centrado este ano no protagonista do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego. No web atoparás información biográfica e bibliográfica sobre o autor homenaxeado; materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria; e a obra teatral infantil As cousas de Don Paco. Máis adiante tamén se convocará o certame "Contádenos o voso Día das Letras”, deseñado para fornecer espazos de participación onde os centros escolares poidan contar como celebran as Letras Galegas.
Para ampliar información, preme aquí.
06/03/2023. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada en maio/xuño de 2023, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da presentación da convocatoria.

03/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio "Ponteareas, lingua e empresa"


O Concello de Ponteareas convoca a cuarta edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, dirixido a empresas, autónomos e profesionais que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas; así como a persoas que destaquen polo uso do galego na actividade económica. O premio ten carácter de distinción pública e materializarase nunha figura exclusiva realizada polo escultor Silverio Rivas. Entregarase un galardón en cada unha das seguintes categorías: “Traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”, “Uso continuado da lingua galega” e “Incorporación recente ao uso da lingua galega”. O prazo para presentar candidaturas remata o 20 de marzo de 2023. Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
02/03/2023. DINAMIZACIóN

30 anos recibindo o mes de maio en galego nos institutos de Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra presentan a trixésima edición do programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade. Ao abeiro deste programa organizaranse certames nas seguintes modalidades: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram; música; curtametraxes; fotografía; banda deseñada; narración curta; e poesía. O prazo de admisión de traballos remata o 14 de abril de 2023.
Para consultar as bases completas, preme aquí.
01/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición dos Obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, dirixidos preferentemente a persoas procedentes de fóra de Galicia e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galegas. As sesións desenvolveranse en Bertamiráns (entre o 8 de marzo e o 14 de abril) e no Milladoiro (entre o 17 de abril e o 26 de maio). O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de marzo de 2023. Podes ampliar información premendo aquí.
01/03/2023. EMPREGO

Bolsa de emprego para a provisión temporal do posto de técnico/a de normalización lingüística na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica a convocatoria e as bases específicas que rexerán o proceso selectivo para a elaboración dunha listaxe de emprego destinada á provisión temporal do posto de técnico/a de normalización lingüística (grupo A1). O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: licenciatura en Filoloxía galega, Filoloxía hispánica (con habilitación de galego) ou Filosofía e Letras (sección Filoloxía hispánica, subsección galego- portugués); grao universitario en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), Estudos de Galego e Español, Galego e Portugués: estudos Lingüísticos e Literarios; ou Lingua e Literatura Galegas. O nivel de competencia lingüística esixida será o Celga 5. Tal e como se indica nas bases xerais, o prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.
01/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XIV Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo cuarta edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas publicarase no anuncio de publicación da convocatoria elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e rematará ás 14:00 h do 28 de abril de 2023.
28/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo terceira edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que se desenvolverán entre o 3 e o 24 de xullo de 2023. Estes cursos estivais, dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura, organízanse en tres niveis diferentes: elemental, medio e superior. O prazo de inscrición remata o 3 de abril.
Para ampliar información sobre o programa dos cursos e os trámites de inscrición preme aquí.
27/02/2023. DINAMIZACIóN

Preséntase a programación institucional conxunta das Letras Galegas 2023

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, o Concello de Lourenzá e a Mesa Coordinadora D. Paco, en colaboración con diferentes editoriais e empresas, presentan o programa conxunto de actividades para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que se lle dedica neste ano 2023 o Día das Letras Galegas. O programa inclúe exposicións, iniciativas de participación social (certames, carreiras populares, campañas conmemorativas...), publicacións, actividades académicas e propostas didácticas para o ámbito educativo.
No que respecta ao Consello da Cultura Galega, o pasado mes de xaneiro puxo ao dispor da cidadanía unha selección documental sobre o autor homenaxeado e en maio organizará o seu tradicional Concerto das Letras, publicará unha edición facsimilar da obra Na espera do amigo (Edicións Aguatinta, 1994) e organizará unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego co mundo artístico e cultural de Vigo. Xa pasado o mes das Letras, organizará outra mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América, que terá lugar en Lourenzá no mes de novembro. Podes ampliar información sobre as actividades conmemorativas do CCG na páxina web institucional.
24/02/2023. DINAMIZACIóN

O Concello de Poio #Falabonito

Os centros de ensino do municipio de Poio son os protagonistas da campaña #Falabonito, unha idea do Concello para consolidar o uso do galego no día a día.

A iniciativa terá unha parte presencial, para intervir nos espazos e nas relacións da comunidade educativa, e tamén unha dimensión pública a traves de actividades nas redes sociais. Máis información aquí.

24/02/2023. DINAMIZACIóN

Sen pelos na lingua. Sete historias de neofalantes

Sete neofalantes de distintas nacionalidades, incluso galegos e galegas, fálannos de forma entretida da súa vida cotiá e da presenza nela do idioma. Os motivos que os levaron a atreverse co galego, os contextos de aprendizaxe, anécdotas vividas...

Sen pelos na lingua. Historias de neofalantes quere contribuír así, a traves das súas voces, ao fomento da autoestima e á posta en valor do uso xeneralizado do galego.
23/02/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego na provincia de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra convoca dúas liñas de subvencións para a realización de actividades de dinamización da lingua galega no ano 2023, unha dirixida aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, e outra ás entidades culturais sen fins de lucro. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
23/02/2023. DINAMIZACIóN

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

Hoxe, 23 de febreiro, diferentes institucións, entidades culturais e centros educativos do país conmemoran o "Día de Rosalía de Castro", unha homenaxe colectiva dedicada á escritora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas. Como en edicións anteriores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convida á cidadanía a agasallar ás súas persoas queridas cun libro en galego e unha flor. A maiores, o sábado 25 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración. No web da AELG podes ampliar información sobre o seu programa de actividades.
Pola súa parte, a Fundación Rosalía de Castro e a Xunta de Galicia tamén festexan o 186 aniversario da autora co xa popular Caldo de Gloria e mais con diferentes actos repartidos entre Santiago de Compostela e Padrón. Neste caso, o acto central celebrarase o propio 23 de febreiro, ás 12:00 h, no Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela), e consistirá nunha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, acompañados de Estela Pereira e Lía Ferrer, alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago. No web da Fundación Rosalía de Castro podes consultar toda a programación.
O Consello da Cultura Galega tamén participa nesta homenaxe colectiva poñendo ao dispor da cidadanía unha selección documental sobre Rosalía (biografía, escolma de publicacións, conferencias, epistolario, peza teatral e roteiro) extraída dos propios fondos da institución.
22/02/2023. INVESTIGACIóN

A intelixencia artificial aprende galego na UVigo

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación AtlanTTic da UVigo e a empresa Balidea presentaron publicamente o proxecto FalAI, deseñado co obxectivo de desenvolver tecnoloxías que permitan ás persoas usar o galego no ámbito dixital. Para acadar os seus obxectivos, os promotores da iniciativa buscan agora o maior número posible de colaboradores/as para que, de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases en galego. Todas estas gravacións conformarán un corpus lingüístico que se empregará para adestrar un asistente de conversa por voz. A maiores, este corpus quedará tamén dispoñible para outras investigacións no ámbito das tecnoloxías da fala.
No Diario da Universidade de Vigo podes obter máis información sobre o proxecto.
22/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Habilidades Comunicativas na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 2ª convocatoria do Curso de Habilidades Comunicativas 2022-2023, dirixido ao alumnado dos seus dous campus universitarios. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams, componse de tres módulos de 25 horas cada un: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes. O alumnado poderá matricularse no curso completo ou elixir só aqueles módulos que lle interesen.
Para ampliar información sobre o contido dos diferentes módulos e mais os respectivos prazos de matrícula, preme aquí.
22/02/2023. OUTRAS

Manuel Rodríguez Alonso, un novo homenaxeado no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia incorpora a Manuel Rodríguez Alonso (A Groba, Ribadavia, 1952 - Pozuelo de Alarcón, Madrid, 2015) á súa nómina de persoeiros relacionados co estudo da lingua e a literatura galegas.

Manuel desenvolveu unha importante tarefa como lexicógrafo e crítico literario. Foi tamén autor de obras tan recoñecidas como O españolismo lingüístico e promotor da Revista de Lengua y Literatura Catalana, Gallega y Vasca. Como profesor asociado da UNED, dirixiu a primeira tese de doutoramento en galego desta universidade.
22/02/2023. OUTRAS

A biografía de Juan Antonio Saco Arce entra no Álbum de Galicia

Xa está accesible no Álbum de Galicia a biografía de Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881): presbítero, catedrático de instituto de Latín e Grego, filólogo, poeta e folclorista. Como autor debémoslle a Gramática gallega (1868), o libro Poesías (1878) e a colectánea e estudo Literatura popular de Galicia (1881).
O texto biográfico, autoría de Xosé A. Fernández Salgado, presentámolo acompañado doutros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas ao traballo deste gramático que, en palabras do propio Xosé A. Fernández Salgado, concibiu "a lingua como alma da nación".
21/02/2023. DINAMIZACIóN

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2023 as actividades programadas xirarán arredor do eixo temático "Educación multilingüe: unha necesidade para transformar a educación".
No ámbito galego, a Xunta de Galicia organizará, como é costume, un acto institucional conmemorativo, que nesta edición terá lugar na Escola Infantil de Vite, en Santiago de Compostela. No marco deste acto celebrarase tamén o concerto de música infantil "Gatuxo", dirixido aos bebés e ás súas familias, e interpretado polos músicos Magín Blanco e María Faltri.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

As familias de Pontevedra coñecen un país de festas e ritos

No marco das actividades do Apego 2023, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra está a desenvolver o programa Un país de festas e ritos, deseñado para que as familias con nenos e nenas de 3 a 6 anos poidan achegarse ao patrimonio das parroquias e aos ritos e crenzas relacionados coas súas festas. O programa inclúe 16 sesións de diferentes temáticas, de 90 minutos de duración, nas que o público terá oportunidade de participar nunha charla didáctica a cargo do antropólogo Rafael Quintía, nun conto relacionado coa festa ou co rito presentado, e mais nun obradoiro de debuxo guiado. Todas as actividades son de balde, mais é precisa a inscrición previa.

Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

O Festival Rosalía quere demostrar que o galego é o noso superpoder

Os vindeiros 24 e 25 de febreiro a cidade de Santiago de Compostela acollerá a quinta edición do Festival Rosalía, unha iniciativa organizada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago, para demostrar que “o galego é o noso superpoder!”. O programa inclúe actividades para todos os públicos, como concertos, paseos literarios, un faladoiro, propostas escénicas e unha feira de produtos rosalianos.

Podes ampliar información premendo aquí.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

O Correlingua volve ás rúas o vindeiro mes de maio

A Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e a AS-PG presentan a nova edición do Correlingua, que o vindeiro mes de maio percorrerá as rúas das principais cidades e vilas galegas baixo o lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra!”. Ademais da coñecida carreira, que se recupera nesta edición despois de varios anos de restricións pola pandemia, o programa de 2023 inclúe tamén unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).

No sitio web da iniciativa podes ampliar información.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

Outes continúa as campañas para reforzar o uso do galego no comercio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes pon en marcha a segunda edición de "en Outes, en galego!", co fin de promover a lingua galega como marca de calidade, proximidade e autenticidade, e incentivar o consumo no tecido económico do municipio.

No marco desta iniciativa, distribuiranse entre os comerciantes e a súa clientela diferentes materiais, como folletos explicativos, bolsas de tea e adhesivos co lema da campaña. Para ampliar a información, contacta co Servizo.
16/02/2023. DINAMIZACIóN

Unha cápsula do tempo gardará as vivencias co idioma galego dos/as nenos/as de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta “A cápsula do tempo”, unha iniciativa para fomentar o uso e a reflexión sobre o galego entre o alumnado de educación infantil e primaria. No marco deste proxecto, deseñado en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros escolares públicos de Redondela, os nenos e nenas recibirán unha caixa de agasallo na que atoparán libros que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha friameira. Entre todos eles, o agasallo principal será un libro que actuará como “cápsula do tempo”, pois nel o alumnado irá realizando en cada curso escolar diferentes exercicios e cando remate o ciclo de primaria o centro entregaralle a súa “cápsula”, onde quedaron gardadas as súas vivencias e experiencias co idioma galego durante esta etapa educativa.

Podes obter máis información sobre a iniciativa premendo aquí.

16/02/2023. DINAMIZACIóN

#Lingua de Namorar 2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de #Lingua de namorar. Trátase dun concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram), con cadanseus tres premios.

O prazo para enviar as mensaxes remata o 17 de marzo de 2023. Para ampliar información, preme aquí.
15/02/2023. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense publica, no BOP do 13 de febreiro de 2023, as bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de tradutor/a de lingua galega (funcionario, A1). O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), estudos de galego e español, de galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, lingua e literatura galegas, tradución e interpretación ou equivalentes ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O prazo de inscrición é de 20 días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no BOE.
15/02/2023. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega e o Concello de Ames activan o modo galego

Onte, 14 de febreiro de 2023, tivo lugar a presentación pública da iniciativa Modo galego, actívao!, promovida de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, co obxectivo de incidir nos usos lingüísticos de 3000 nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados neste concello. Despois de ter analizado a situación sociolingüística de partida en estudos desenvolvidos en 2018 e 2021, ambas as entidades pasan agora ao plano da intervención cunha serie de accións de fomento do galego que non se cinguirán exclusivamente ao ámbito educativo, senón que actuarán tamén noutros espazos de socialización de vital importancia para a normalización lingüística, como son os servizos de conciliación e as actividades extraescolares (comedores, lúdicos, Escola de Verán, “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”).

Podes ampliar información no web da RAG ou no do Concello de Ames
15/02/2023. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grao en Lingua e Literatura Galegas; o grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.
13/02/2023. DINAMIZACIóN

15 horas de directo, desde Galicia e Portugal, hoxe no Día Mundial da Radio

Este 13 de febreiro, para celebrar o Día Mundial da Radio 2023, Ponte nas Ondas artella a emisión en directo de 15 horas de programación, conducida por 40 centros de ensino e máis de 2000 estudantes.

A iniciativa, conta coa colaboración das universidades de Santiago e Vigo, así como de varias emisoras locais e radios escolares que contan con medios propios, de ambas as beiras do Miño. Conéctate a través de escolasnasondas.com
10/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2023. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.