Novas da lingua

Rexistros1051 a 1080 de 5280
10/02/2023. INVESTIGACIóN

O Concello de Allariz salvagarda a súa toponimia co proxecto "A Memoria das Aldeas"

12 asociacións veciñais son as protagonistas de "A memoria das aldeas", unha iniciativa organizada desde a Concellaría de Igualdade do Concello de Allariz, coa colaboración de Galicia Nomeada, que se levará adiante entre xaneiro e maio de 2023.

A finalidade que se persegue é asegurar a preservación dos nomes das terras, regatos, penedos ou fontes, grazas á memoria das persoas maiores e tamén á capacidade da xente nova para reapropiarse deles e difundilos. Tes máis información aquí.
10/02/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocada a segunda edición do Premio Xosé Luís Franco de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo anuncia a convocatoria do II Premio Xosé Luís Franco de Investigación Xurídica en Lingua Galega, continuando no seu propósito de fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica e de promover o proceso de dinamización lingüística.

O premio comprende dúas modalidades: unha para o estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado e outra para o estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO Ade-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito e Dirección e Xestión Laboral. Ademais, as persoas participantes deben acreditar a matrícula nos cursos 2020/2021, 2021/2022 ou 2022/2023.

Segundo as bases da convocatoria, poden presentarse traballos ata o 14 de abril de 2023.
10/02/2023. OUTRAS

A biografía de Antonio Noriega Varela incorpórase ao Álbum de Galicia

En palabras do redactor da entrada e grande especialista en Noriega Varela, Xosé Ramón Freixeiro Mato: este autor "ocupa un lugar sobranceiro na poesía galega, sen esquecermos a súa vea satírico-política, máis descoñecida, e a faceta de colector do saber popular".

Podes consultar todas as biografías relacionadas coa lingua galega aquí.
09/02/2023. DINAMIZACIóN

Festiletras e Festiciencia danse a man en "Lendo a ciencia"

A Fundación Eduardo Pondal achéganos de novo ao Festiciencia e o Festiletras, publicando 22 pílulas literarias e científicas, relacionadas con estes eventos, baixo o nome Lendo a ciencia

De forma amena, ofrécennos entrevistas a creadores e creadoras e explicacións de especialistas a preguntas que habitualmente nos facemos sobre ciencia.
09/02/2023. OUTRAS

Xa podes gozar de Toupiciencia como libro interactivo

A Xanela do Maxín edita, en formato dixital e interactivo, o libro Toupiciencia. Este recurso, pensado para de divulgación científica entre rapaces e rapazas de 7 a 11 anos, contén vídeos, audios e experimentos axustados á súa idade.

Se che interesa coñecer máis materiais asociados a Toupiciencia, contas tamén con oito vídeos divulgativos nos que colaboraron algúns dos científicos e científicas máis relevantes de Galicia.
07/02/2023. INVESTIGACIóN

Accesibles en liña tres novos estudos sobre onomástica galega

A Real Academia Galega difunde no seu web tres novas publicacións relacionadas coa onomástica galega. Trátase concretamente das obras Os camiños de Santiago de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio, que reúne reflexións de investigadores de diversas universidades europeas sobre a toponimia do Camiño de Santiago; Estudos de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria, que reune os traballos sobre onomástica literaria presentados na sétima edición da Xornada de Onomástica de Pontevedra; e Toponimia de Ribeira, que indaga na orixe e significados das 215 formas que designan as entidades de poboación de Ribeira.
06/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Oferta de formación lingüística do SNL da Mancomunidade de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes anuncia a oferta de dous cursos de galego, un deles deseñado para preparar as probas CELGA e outro para preparar as probas de competencia clave en lingua galega.
O curso de preparación Celga, de 40 horas de duración, impartirase os luns e mércores, de 10:00 a 12:30 h, desde o 20 de marzo ao 15 de maio. O curso de preparación de competencias clave, de 20 horas de duración, terá lugar os xoves, de 10:00 a 12:00 h, desde o 16 de marzo ao 1 de xuño (neste último caso, pode haber modificacións en función das datas das probas). As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 13 de marzo de 2023.

Para obter máis información debes poñerte en contacto co SNL da Mancomunidade de Ordes, a través do teléfono 981680002 (ext.120) ou do enderezo electrónico irene.bravo@mancomunidadeordes.gal.
03/02/2023. DINAMIZACIóN

PuntoGal e a RAG convocan o VI Certame de Microrrelatos

Co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital, a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega, coa colaboración da revista Luzes, organizan a sexta edición do seu Concurso de Microrrelatos. Poden participar todas as persoas que o desexen, e para facelo deben presentar un relato en lingua galega, orixinal, inédito, de temática libre e cunha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e outorgaranse tres premios por cada unha das categorías. O prazo de presentación dos textos remata o 28 de febreiro de 2023.
03/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Nova oferta de formación lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a nova convocatoria de cursos de formación en lingua galega, dirixidos á comunidade universitaria, para este segundo cuadrimestre do curso académico 2022/2023. Ademais dos cursos habituais en pasadas convocatorias (Iniciación á lingua galega; A calidade lingüística no teu TFG ou TFM; Linguaxe administrativa e xurídica; Os erros máis frecuentes na lingua galega; ou Redacción e estilo), como novidade nesta convocatoria inclúese o Ciclo de lingua e calidade, e mais o Curso de xestión do multilingüismo nas aulas. O prazo de inscrición será do 6 ao 17 de febreiro, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual bubela.uvigo.es.

Se precisas máis información, preme aquí.

03/02/2023. DINAMIZACIóN

X Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega

O Servizo de Educación do Concello da Coruña organiza a décima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, co obxectivo de fomentar o uso do galego e mellorar a competencia oral entre o alumnado de ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino do Concello da Coruña. Establécense tres categorías segundo o nivel educativo, e outorgaranse tres premios (de 50, 30 e 20 euros) en cada unha das tres categorías. O prazo de inscrición remata o 17 de febreiro de 2023.

Para ampliar información preme aquí.
02/02/2023. DINAMIZACIóN

Xornada lúdica e pedagóxica para a crianza en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas organizan a xornada Medrar en galego, que terá lugar en Allariz o 25 de febreiro de 2023. O programa, dirixido a familias que deciden conscientemente criar os seus fillos e fillas en galego, inclúe obradoiros pedagóxicos de crianza, actividades de carácter lúdico (xogos, contos, música) e unha feira na que as empresas exporán os seus produtos en galego. Todas as actividades son gratuítas e de libre acceso.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
02/02/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2023. Poden optar a estas axudas os concellos da provincia de Pontevedra de ata un máximo de 50.000 habitantes ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra.
02/02/2023. OUTRAS

O Boletín de Sumarios 2022 do CDSG accesible na web

O Boletín de Sumarios 2022 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental do centro, que recolle os sumarios das publicacións periódicas recibidas na súa hemeroteca ao longo de 2022. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos.

Coas novas incorporacións, poñemos ao dispor do público 527 títulos de publicacións sobre sociolingüística, revistas escolares e de mostra de espazos en que o galego vai abrindo portas. Podes consultar o Catálogo completo de seriadas premendo aquí.
01/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas que queiran achegarse ao galego. Os cursos teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. O prazo de inscrición remata o 23 de febreiro de 2023.
Podes obter máis información premendo aquí.
31/01/2023. DINAMIZACIóN

Homenaxe musical a Fernández del Riego no Concerto das Letras Galegas

O xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega, terá lugar nesta décimo terceira edición o 16 de maio de 2023, no Teatro Afundación de Vigo. O programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas, que este ano será Francisco Fernández del Riego, e será interpretado pola Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas. Como xa é habitual, estrearase unha peza, que neste caso será a Sinfonietta, composta por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego.
Para ampliar esta nova, preme aquí.


30/01/2023. DINAMIZACIóN

A RAG presenta o programa de actividades na honra de Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega fixo público o programa de actividades coas que vai homenaxear a Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica neste 2023 o Día das Letras Galegas. Entre as iniciativas programadas, que se realizarán co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, destacan a publicación do epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo (máis de 450 documentos conservados na Fundación Penzol e editados por Patricia Arias Chachero); a organización dun simposio sobre o autor homenaxeado, que terá lugar no outono; unha biografía teatralizada dirixida ao público infantil, que se presentará no marco do proxecto Primavera das Letras 2023; ou unha serie web de carácter documental sobre Fernández del Riego realizada pola produtora Miramemira.
No sitio web da RAG podes ampliar información sobre esta programación.
30/01/2023. AXUDAS E PREMIOS

Coñece as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2022

O xurado da sexta edición dos Premios Youtubeiras, un certame dirixido a potenciar a creación de vídeos en galego en Youtube, fixo públicas as canles gañadoras da edición de 2022. A gala de entrega dos premios tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo o pasado sábado, 28 de xaneiro de 2023, e nela foron galardoadas as seguintes canles: "Bembibre coas Tanxugueiras", de Xabi Gómez (Premio do Público); "Falemos do Reino de Galicia" (Premio Calidade Lingüística); "a Lobeira Today" (Premio Rede); "Pingando - Laura Veiga" (Premio Pioneiro); "Eduardita", de Piratas sen Parche (Premio Vídeo); "Histérikas Histórikas" (Premio Youtubeira/a Revelación); "Toxío" (Premio Canle); "Neeumatiko" (Premio Youtubeiro/a).
30/01/2023. DINAMIZACIóN

En liña todos os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 27 de outubro de 2022 tivo lugar en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta edición os/as participantes foron Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Pedro González Boquete, Fátima Barros, Beatriz Busto Miramontes, Padrorua e Fabiana Ambroa Ibarruri, Isaac González, Elsa Quintas Alborés e Guido Álvarez Parga. Podes ver todas as intervencións na canle de Youtube da CTNL.
30/01/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de febreiro de 2023.
Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
24/01/2023. DINAMIZACIóN

Bota a andar unha nova edición do programa "21 días co galego e +"

Onte, 23 de febreiro de 2023, botou a andar unha nova edición do programa “21 días co galego e +” baixo o lema Falando por un mundo mellor. Nesta iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, participan doce centros de ensino galegos con alumnado de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos, que durante 21 días se comprometen a falar exclusivamente en galego, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os seus usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día do desenvolvemento do programa a través do seu blog.
23/01/2023. DINAMIZACIóN

Programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada unha deles unha dotación económica de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de marzo de 2023.
19/01/2023. DINAMIZACIóN

Volve o Club de Debate con máis gana de leria

Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo, promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscripción remata o 31 de xaneiro de 2023.
19/01/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o segundo semestre do curso 2022/2023, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes (niveis básicos A1 e A2) que se poderán realizar tanto no campus de Santiago, na modalidade presencial; coma no de Lugo, na modalidade en liña. Para realizar estes cursos non é necesario ser alumno/a da USC. O único requisito é ser maior de 16 anos. A matrícula estará aberta ata o vindeiro 6 de febreiro de 2023.

Para ampliar información, preme aquí.
18/01/2023. OUTRAS

Incorporamos ao Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz (Gondomar, 1956 - Oroso, 2011), asinada polo tamén lingüista e compañeiro seu de traballo na TVG, Antón Dobao. Salvador Pérez Froiz foi un “filólogo do inmediato” cuxo labor foi fundamental na corrección dos usos lingüísticos na televisión pública galega e, sobre todo, na estandarización e difusión do léxico especializado vinculado cos deportes. Tamén foi o primeiro e único xefe do Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG, un proxecto que nace e 2007 e finalmente, como ben nos relata Dobao, queda a medias.
O texto biográfico presentámolo acompañado doutros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas ao traballo e á vida de Salvador.
18/01/2023. DINAMIZACIóN

Ofrenda floral Galeusca das linguas a Rosalía e Castelao

A Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren Kontseilua e A Plataforma per la Llengua, entidades asociativas de defensa e promoción das linguas galega, vasca e catalá, organizan a “Ofrenda floral Galeusca das linguas a Rosalía e Castelao”, un acto de homenaxe a estes dous insignes escritores polo “valor referencial que teñen Rosalía e Castelao, cada un no seu tempo, na reivindicación da normalización da lingua galega e, por extensión, de todas as linguas propias dos seus países”. O acto terá lugar o vindeiro domingo 22 de xaneiro ás 12 h no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela), e contará coas intervencións dos representantes das tres entidades organizadoras e coas actuacións musicais de Uxía e Os Trinquetes.

Para ampliar información, preme aquí.
16/01/2023. OUTRAS

Convócanse as probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, que dan acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
13/01/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases do programa de subvencións dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2023.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Corunña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado.

As solicitudes presentaranse de forma telemática na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da súa plataforma de tramitación electrónica (SUBTeL), no prazo de trinta días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP da Coruña a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
13/01/2023. INVESTIGACIóN

O Dicionario da Real Academia Galega medra e actualiza a súa tecnoloxía

Preto de 400 cambios ofrece neste 2023 o Dicionario da Real Academia Galega, entre novas entradas, novas acepcións e modificacións de redacción das definicións.

Ademais, as persoas usuarias, que fixeron en 2022 case 35 millóns de consultas, contan tamén cunha nova aplicación para dispositivos móbiles, tanto para Android coma para iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.
11/01/2023. DINAMIZACIóN

En liña o Calendario científico escolar 2023

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña volven colaborar co CSIC para publicar en galego o Calendario Científico Escolar.

Ademais das efemérides dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía que se vinculan a cada día do ano, o calendario conta cunha guía didáctica orientada ao ensino primario e o secundario obrigatorio. Ambos os recursos ofrécense en edición dixital descargable.
11/01/2023. DINAMIZACIóN

O galego e o deporte únense na serie de vídeos Adestra a túa lingua

Co propósito de proporcionarlles aos adolescentes respostas ás súas dúbidas á hora de practicar deportes, Suseia SCG produce sete vídeos breves que se agrupan na iniciativa Adestra a túa lingua.

Ademais de información deportiva, abordan mitos sexistas e tratan de normalizar o emprego de termos técnicos en galego que son pouco populares e coñecidos.