Novas da lingua

Rexistros1621 a 1650 de 5280
24/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL anuncia os gañadores dos II Premios Mil Primaveras

O xurado dos II Premios Mil Primaveras seleccionou os proxectos gañadores desta segunda edición do certame, escollidos entre as 37 candidaturas presentadas. Estes premios están promovidos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os proxectos galardoados nesta edición son: Enreguéifate e Regueifesta , na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; Galeguiza-T, na categoría de “mellor proxecto novo”; Dígocho eu, na categoría de “mellor comunicación e impacto”; Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega, na categoría de “proxecto máis innovador”; Projeto Educativo Semente, na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e Galegoempresas, na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. A maiores, o xurado decidiu outorgar unha mención ao proxecto O galego, a miña lingua propia, por consideralo un modelo de calidade extrapolable a outras entidades.
24/03/2021. DINAMIZACIóN

Programación institucional das Letras Galegas 2021

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con diferentes editoriais e empresas, presentan a programación institucional conxunta para homenaxear a Xela Arias, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021. O programa inclúe exposicións, iniciativas de participación social, edicións conmemorativas, propostas didácticas para o ensino, xornadas académicas, música, recursos audiovisuais e actividades nas bibliotecas. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, os actos de homenaxe comezaron o pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, co diálogo literario “O equilibrio dos extremos”, e continuarán nos vindeiros meses con diferentes actividades que podes consultar no espazo web “Xela Arias. Día das Letras Galegas 2021”.
24/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a creación audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2021 destinadas a fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego; as curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega; as curtametraxes en construción, gravadas en versión orixinal galega; as longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega; e os proxectos de webserie en versión orixinal galega. Enténdese por “versión orixinal galega” a rodaxe/gravación en lingua galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXVII Premios de Publicidade en Galego

O Parlamento de Galicia acolleu onte, 22 de marzo de 2021, o acto de entrega dos XXVII Premios de Publicidade en Galego, que outorga esta institución en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Foro Enrique Peinador. Nesta edición, na categoría de prensa escrita foi galardoado o anuncio Fillo do Atlántico, producido por &Rosás para as adegas Martín Códax. Na modalidade de radio, o traballo gañador foi H2ohhh!!!, da axencia Ecovigo Publicidad, para Aqualia. A peza Non é tabú, é a vida. Falamos?, creada por 100x100 Creatividade + Comunicación para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, recibiu o premio na categoría de televisión. Na modalidade de Internet foi galardoada a campaña dixital Gústame ir ao súper, da axencia NEOZINK para o Grupo Cuevas. Na categoría de centros de ensino resultou premiado o IES Leixa de Ferrol, polo traballo Somos 60% auga. Por último, o xurado acordou entregar tamén unha mención honorífica ao Almanaque Agrícola ZZ. Para ampliar información, preme aquí.
22/03/2021. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos coas actuacións do Festival do Apego 2020

O proxecto Apego pon ao dispor do público as pezas editadas coas cancións e contos do Festival do Apego 2020, que se celebrou o pasado 27 de decembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Na sección "Recursos" da páxina web do proxecto atoparás agora, ademais dos vídeos didácticos que xa contiña, as actuacións de Magín Blanco, Golfiños, Pablísimo, Xarope Tulú, Pablo Díaz, Aldaolado, Pakolas e Mamá Cabra.
22/03/2021. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación continua. O programa formativo inclúe os seguintes cursos de contidos lingüísticos: “Linguaxe administrativa galega. Nivel medio” e “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”. O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e rematará 20 días antes do comezo da acción formativa.
22/03/2021. DINAMIZACIóN

Concurso de fotos en Twitter para divulgar a terminoloxía en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Xeografía e Historia convoca o "I Concurso de terminoloxía da xeografía, a historia e a arte a través de imaxes en Twitter, FOTO-termos", co obxectivo de divulgar a terminoloxía en galego das disciplinas que se imparten nesta facultade e, ao mesmo tempo, crear un banco de imaxes asociadas aos diferentes termos. O certame está dirixido ao alumnado matriculado na USC durante o curso 2020-2021. Para participar cómpre responder con fotografías a cada un dos termos que a Facultade de Xeografía e Historia emita a través da súa conta de Twitter, identificados co cancelo #TerminoloxíaEnImaxes. O xurado outorgará tres premios de 200, 150 e 100 euros, en cada unha das dúas categorías do concurso: "imaxes de autoría propia" e "imaxes con lincenza Creative Commons". Podes consultar as bases completas premendo aquí.
18/03/2021. CURSOS E CONGRESOS

Versión en aberto do curso Celga 1 en liña

A Secretaría Xera de Política Lingüística presenta a versión actualizada do curso Celga 1 en liña, que agora inclúe dúas modalidades: unha titorizada para os/as inscritos/as en convocatorias de formación, e outra de acceso libre destinada á autoaprendizaxe. Este curso, que se corresponde co nivel A2 do Marco europeo común de referencia para as linguas, inclúe 12 unidades divididas en catro bloques: comprender; explorar e reflectir; practicar e comunicar; e viaxar. A maiores, as unidades 1 e 2 están adaptadas á Lectura Fácil para facilitarlles a aprendizaxe a aquelas persoas con dificultades lectoras e/ou de comprensión. Para ampliar información, preme aquí.

17/03/2021. OUTRAS

Probas para a obtención dos certificados Celga

Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4). As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada nos meses de maio e/ou xuño de 2021, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permita. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/03/2021. DINAMIZACIóN

I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", dirixido a todos os membros da comunidade educativa da USC. O obxectivo principal da iniciativa é divulgar en galego as achegas da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria, polo que os/as participantes deben presentar un vídeo con esta temática, dun máximo de tres minutos de duración. O prazo de presentación dos traballos remata o 24 de abril de 2021. O xurado outorgará tres premios de carácter económico (de 400, 300 e 200 euros) e mais un diploma acreditativo.
12/03/2021. LEXISLACIóN

O Congreso dos Deputados aproba parcialmente a PNL a prol da igualdade lingüística

O Congreso dos Deputados aprobou parcialmente a Proposición non de lei (PNL) que recollía parte do manifesto "Igualdade lingüística: liberdade, pluralismo e democracia", promovido por diferentes entidades sociais de defensa das linguas do Estado, entre elas A Mesa pola Normalización Lingüística. No que respecta ao galego, a emenda aprobada recoñece a necesidade da oficialización do galego en territorios pertencentes a Asturias e Castela-León, acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués, así como a reciprocidade na recepción de radio e televisión entre Galicia e Portugal, e demanda un "respecto real" baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento. Podes ampliar información premendo aquí.
12/03/2021. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local galega. Entre a formación programada, ofértase un curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, na modalidade de teleformación, que se desenvolverá entre os días 6 e 24 de maio de 2021. O prazo de presentación das solicitudes é de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
11/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a elaboración de contidos creativos en lingua galega

No marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca a segunda convocatoria do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021. O obxectivo é seleccionar e contratar proxectos culturais e lingüísticos, que se incorporarán ao Fondo Xacobeo 2021, un repositorio no que participan profesionais autónomos, empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro do tecido económico e cultural de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril de 2021. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
11/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

A USC financia a incorporación de novos títulos á súa colección de Esenciais

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta unha nova convocatoria de axudas para financiar a elaboración de quince novos títulos para a colección Esenciais USC. O persoal docente e investigador da USC que desexe participar, ten de prazo para presentar as súa propostas ata o vindeiro 31 de marzo de 2021, ás 14:00 horas. Podes ampliar información premendo aquí.
09/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos de menos de 50.000 habitantes, para realizar actividades de dinamización da lingua galega durante o ano 2021. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos sobre sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego; actividades de promoción do idioma na sociedade, nomeadamente na infancia e a mocidade; iniciativas para a captación de neofalantes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de abril de 2021. Para consultar as bases preme aquí.
09/03/2021. DINAMIZACIóN

XVIII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a décimo oitava edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como principal obxectivo promover a creatividade en lingua galega. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 8 de abril de 2021. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
05/03/2021. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do programa "Ben veñas, maio"

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello. O obxectivo do programa é fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade. Nesta edición, o alumnado poderá participar en calquera destes seis certames: videoclips musicais, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía. O prazo de admisión de traballos remata o 23 de abril de 2021.
05/03/2021. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de apoderamento lingüístico na USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o "Obradoiro de apoderamento lingüístico. Ferramentas dende a Educación Social", dirixido preferentemente ao alumnado do grao de Educación Social. O obxectivo é reflexionar sobre a problemática lingüística galega e afondar nas potencialidades da educación social en materia de normalización lingüística. As sesións desenvolveranse, a través de videoconferencia, os días 13, 16, 20 e 23 de abril de 2021. O prazo de inscrición remata o 7 de abril. Para ampliar información, preme aquí.
05/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra convoca axudas ás entidades culturais para o fomento do galego

A Deputación de Pontevedra convoca axudas dirixidas a entidades culturais sen fin de lucro, destinadas a fomentar o emprego da lingua galega na sociedade durante o ano 2021. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos sobre sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en galego; iniciativas e publicacións de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego; obradoiros de fomento do galego entre a veciñanza; produción de materiais en galego dirixidos á difusión do idioma nalgún eido. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de abril de 2021. Para consultar as bases preme aquí.
04/03/2021. OUTRAS

A USC imparte en galego o 22% das horas de docencia

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica, no último número do seu boletín O Cartafol Dixital, os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2020-2021. En termos xerais, actualmente impártese en castelán o 73,63% das horas docentes, en galego o 22,10% e noutros idiomas estranxeiros o 4,27%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos na USC desde o curso 2003-2004.
04/03/2021. DINAMIZACIóN

Arrolos de salitre para os bebés de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a actividade "Arrolos de salitre", un obradoiro de cantos de berce no que, da man de Faia Díaz e Guillerme Fernández, poderás aprender melodías para arrolar as crianzas con lingua, música e moito apego. A iniciativa está dirixida a familias con nenos/as de 0 a 2 anos, ou que estean esperando un bebé. A actividade terá lugar o vindeiro 11 de marzo de 2021 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.

03/03/2021. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa para festexar as Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe a programación deseñada para conmemorar o Día das Letras Galegas 2021, dedicado a Xela Arias. Os actos de homenaxe arrincarán o vindeiro 21 de marzo cun recital poético e posteriormente, o CCG editará unha edición non venal da obra Non te amola, da autora homenaxeada. Xa no mes de maio, porá o ramo a este programa co seu tradicional Concerto das Letras Galegas, este ano a cargo de Laura LaMontagne e PicoAmperio. Podes manterte ao día destes actos no espazo web Xela Arias. Día das Letras Galegas 2021, onde tamén atoparás outros recursos relacionados coa autora, como unha biografía, unha galería fotográfica, unha compilación de intervencións sonoras ou o documental “Xela e a palabra”. Para ampliar información, preme aquí.
03/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

XII Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a duodécima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística, ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquela persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade). A dotación económica do premio é de 2.100 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de solicitudes publicarase nos vindeiros días no BOP da Coruña, no anuncio elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.
02/03/2021. DINAMIZACIóN

En liña a Primavera das Letras dedicada a Xela Arias

A Real Academia Galega presenta hoxe no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo), o colexio onde estudou Xela Arias, unha nova edición do proxecto Primavera das Letras, que este ano se centra na figura desta autora, á que se lle dedica o Dia das Letras Galegas 2021. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre a autora. Para ampliar a nova preme aquí.
01/03/2021. INVESTIGACIóN

Léxico da hipoloxía no galego oral

Xa podes consultar en liña, no Repositorio Institucional da Universidade de Vigo, a tese "O léxico da hipoloxía no galego oral", autoría de Fernando Groba. Trátase dun traballo de compilación, clasificación e análise do léxico oral relacionado co sector equino, recollido en Galicia e nos concellos galegofalantes de Asturias, León e Zamora, así como no territorio luso estremeiro. En concreto, analízanse as formas que os falantes teñen para nomear e describir os équidos; os nomes e adxectivos relacionados co corpo destes animais; as denominacións vinculadas coa faneróptica; a terminoloxía que ten que ver coa súa cronometría; e o léxico relacionado coas súas funcións vitais básicas e os problemas de saúde que poden presentar os animais.
01/03/2021. DINAMIZACIóN

V Concurso “Quero Cantar” de música xuvenil

A Deputación da Coruña convoca a quinta edición do concurso musical “Quero Cantar”, que nesta edición especial de 2021 só inclúe a categoría xuvenil.
O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas con idades comprendidas entre 13 e 16 anos, que presenten a maqueta dunha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. O premio para os dous grupos ou solistas seleccionados polo xurado consiste na participación no "Programa formativo Quero Cantar" que se explica no anexo da convocatoria, así como a elaboración dun videoclip da canción realizada tras a participación neste programa formativo. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2021 ás 14:00 horas, tal e como se indica no anuncio elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.
01/03/2021. DINAMIZACIóN

Musicando a Rosalía

Coincidindo coa celebración do Día de Rosalía, que tivo lugar o pasado 24 de febreiro, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo elaborou e puxo ao dispor da cidadanía unha compilación de vídeos musicais nos que máis de 40 artistas interpretan poemas de Rosalía. A compilación está accesible na canle de vídeos Youtube, onde podes escoitar máis de tres horas de música en galego de diferentes estilos musicais: rock, rap, trap, jazz, heavy ou canción de autor, entre outros. Para ampliar información, preme aquí.

26/02/2021. DINAMIZACIóN

O ILG convoca o concurso de vídeo "Móvete"

Co gallo da conmemoración do seu 50 aniversario, o Instituto da Lingua Galega organiza o concurso de vídeo Móvete, dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato en calquera centro educativo de Galicia ou dos territorios de fala galega. O estudantado pode participar na modalidade individual ou en grupo. Para facelo debe elaborar un vídeo inédito e orixinal, que non supere os 2 minutos de duración nin os 300 MB de tamaño, sobre algún destes temas: "Móvete co galego", "Conmóvete co galego" ou "Promove o galego". O xurado outorgará diferentes premios tecnolóxicos e culturais para os autores/as dos mellores vídeos. O prazo para presentar os traballos remata o 31 de maio de 2021. Podes consultar as bases do certame premendo aquí.
23/02/2021. DINAMIZACIóN

Centros de ensino, institucións e entidades culturais homenaxean a Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 que cada 24 de febreiro se homenaxee a Rosalía de Castro, figura clave na reivindicación e prestixio do idioma galego no século XIX, convidando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. O vindeiro sábado, 27 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración do Día de Rosalía de Castro 2021. A maiores, institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén están a organizar estes días diferentes actividades e actos de homenaxe. No web do Consello da Cultura Galega podes consultar o especial “Sempre Rosalía”, con documentación variada sobre a autora.
23/02/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica as bases das subvencións dirixidas a concellos e outras entidades locais para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2021. Poden optar ás axudas para a creación de SNL os concellos de máis de 5.000 habitantes e de ata un máximo de 50.000 habitantes (así como as agrupacións de concellos, mancomunidades ou as entidades locais menores que cheguen a esa cifra mínima). No caso das axudas para mantemento e reforzo, poderán solicitalas os concellos da provincia de Pontevedra que no momento da publicación da convocatoria teñan creado e en funcionamento un SNL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2021. Para acceder ao texto da convocatoria, preme aquí.