NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega olla cara á modernidade de Xela Arias na súa programación para o Día das Letras Galegas

Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2003) foi unha escritora extrema, de palabra tensa e contida que deixou tras de si un regueiro de poemas pero tamén de traducións ao galego. A pluralidade e a diversidade das que fixo gala na súa vida son as marcas de identidade que guían a programación do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa secretaria, Dolores Vilavedra, e o fillo de Xela Arias, Darío Gil, presentaron en rolda de prensa un programa de actividades que está na liña conceptual da homenaxeada. O CCG fixo publico o espazo web que dará acubillo ás diferentes iniciativas que arrincarán cun acto o Día da Poesía e que incluirán, entre outros contidos, o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o 16 de maio a cargo Laura LaMontagne e PicoAmperio.
O Consello da Cultura Galega olla cara á modernidade de Xela Arias na súa programación para o Día das Letras Galegas

Na véspera do 4 de marzo, día en que Xela Arias cumpriría 59 anos, o Consello da Cultura Galega presentou o seu programa de actividades, que se mantén fiel á liña de traballo habitual (un espazo web, unha publicación e un concerto), sempre acomodada ao perfil da figura homenaxeada. Nesta ocasión, o poema de Xela titulado “Ambiciono o equilibrio dos extremos” serve de guía da programación deseñada polo Consello da Cultura Galega. “Traballamos coa idea de pluralidade, de diversidade, de interxeracionalidade e de buscar un equilibrio coa Galicia actual” asegurou Rosario Álvarez. “Xela fixo sempre gala dunha grande independencia, dunha gran modernidade e moveuse con total normalidade nas marxes e son as nosas marcas de inspiración”, engadiu a presidenta.
“Queremos adiantar o inicio da celebración ao Día da Poesía, que estará vinculalo a Xela Arias e porá a súa obra poética en diálogo coas novas xeracións” aclarou Dolores Vilavedra. Este recital poético, que terá lugar o 21 de marzo, busca provocar un encontro coas novas xeracións e xirará arredor da poesía da homenaxeada. En palabras da secretaria do CCG, “será unha festividade que combinará un formato recoñecido como é o do recital con algunha outra experimentación en liña co legado da homenaxeada”.
Cada ano, o Consello da Cultura Galega recupera unha obra da figura elexida e prepara unha edición non venal. Nesta ocasión, e cumprindo cun desexo da súa familia, ofrecerase “¡Non te amola!”. Trátase dunha obra narrativa, que se afasta lixeiramente dos seus xéneros habituais e que a autora deixou perfectamente rematada. É un texto extenso, un xénero no que Xela non traballara moito, e no que ficcionou en boa medida a súa nenez. O libro estará ilustrado por Bea Gregores (Vigo, 1995), “nese aceno ao espírito de Xela de atender ás vangardas e darlle unha oportunidade á xente nova de atoparse coa súa obra” asegurou Vilavedra.
O Concerto das Letras Galegas poñerá o ramo ás actividades preparadas pola institución. Como é habitual, terá lugar o 16 de maio, como antesala dos actos de celebración convocados pola Real Academia Galega. “Será en Vigo, cidade moi próxima á biografía de Xela Arias, e ofrecerá unha proposta creativa visual que pensamos que lle gustaría á propia Xela” apuntou Dolores Vilavedra. A presenza escénica do scrartching nebuloso de PicoAmperio e o carisma magnético de Laura LaMontagne fundiranse coa poesía de Xela nunha proposta estética audiovisual moi anovadora.

Desde hoxe pódese consultar no sitio web do Consello da Cultura Galega un especial que concentrará a información da institución arredor desta celebración. Entre os materiais destaca o documental “Xela e a palabra”, encargado polo Consello da Cultura Galega en 2014 para prestar atención ao valor que a palabra tiña para autora e tamén ao traballo de tradución e edición que exerceu en Edicións Xerais de Galicia. Foi proxectado no marco da xornada “Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século”, organizada pola institución.

Sobre Xela Arias
Tiña 41 cando un infarto acabou coa súa vida e truncou unha carreira intensa, complexa, que gravitaba entre a poesía e a tradución. Dicía Ana Romaní na entrada biográfica que se pode consultar no Álbum de Galicia que “o seu nome se pronuncia sen xeración, sen grupo, desas voces singulares, inclasificables, que se constrúen nas marxes dos manuais”.

Da súa entrada biográfica no Álbum recollemos unha parte da súa biografía. Nada en Lugo no ano 1962, a súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, como tradutora, como activista, como profesional no ámbito da edición. É a maior de cinco irmáns, o seu pai, Valentín Arias, e a súa nai, Amparo Castaño, trasládanse cando Xela ten sete anos a Vigo, cidade na que transcorrerá o resto da súa vida. Realiza estudos de bacharelato, comeza a publicar en xornais e revistas (“Faro de Vigo”, “Jornal de Notícias” de Porto, “Dorna”, “Tintimán”, “Carel”...), participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, entre os anos 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Despois de once anos de traballo editorial, retoma os estudos e en 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.