Novas da lingua

Rexistros1741 a 1770 de 5145
11/01/2021. DINAMIZACIóN

A ANL da UVigo dá voz aos galegofalantes no seu calendario

Como é habitual a comezos de ano, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo publica o seu calendario anual, que incorpora en cada edición unha temática diferente relacionada coa planificación e normalización lingüísticas. O calendario 2021 céntrase no alumnado galegofalante, recollendo as experiencias, consellos e opinións de 12 estudantes da UVigo que viven en galego a súa cotiandade universitaria, co ánimo de que sirvan de referente para outros/as compañeiros/as que aínda non deron o paso, e para a mocidade no seu conxunto. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
11/01/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resolución de dúas liñas de axudas para a promoción do galego na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 11 de xaneiro de 2021, as resolucións de dúas liñas de subvencións para a promoción do galego na provincia. Trátase en concreto das axudas a concellos e entidades culturais para a realización de actividades de dinamización da lingua galega (ver a resolución coas entidades beneficiarias), e as axudas aos concellos para a creación, mantemento e reforzo de servizos de normalización lingüística (ver a resolución).
04/01/2021. INVESTIGACIóN

Estudo histórico e lingüístico do Tombo das viñas de Ribadavia

O Consello da Cultura Galega presenta unha nova edición, a cargo de Luz Méndez, dos tres textos que contén o Tombo das viñas de Ribadavia, un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón e custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense. A maiores, a obra inclúe unha análise paleográfica, diplomática, lingüística e histórica destes textos; un estudo onomástico de nomes persoais e topónimos, un glosario léxico e os índices de persoas e lugares citados. No remate, os/as lectores/as tamén atoparán uns anexos documentais que conteñen textos medievais en latín e galego correspondentes a procesos inquisitivos, así coma unha transcrición do traslado do Tombo das viñas a outro tombo do mosteiro de Melón no ano 1800.
04/01/2021. OUTRAS

Novos recursos para a docencia en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentou dezanove novas guías que se suman á colección Esenciais USC. Xunto coas outras cinco editadas a comezos de 2020, neste momento a colección conta cun total de vinte e catro recursos para a docencia que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia, co obxectivo de que se convertan en material de referencia para o alumnado. Podes obter máis información sobre esta nova aquí.
04/01/2021. INVESTIGACIóN

Análise sobre a lingua galega no sector téxtil

A Mesa pola Normalización Lingüística, co apoio da Deputación de Pontevedra, publica o estudo A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millennial galega, elaborado por Anabel Antela. O traballo analiza a comunicación das grandes marcas do sector téxtil e sondea a opinión da mocidade sobre esa realidade. Das 16 marcas e grupos galegos analizados, todas empregan o castelán na comuniciación das súas páxinas web, pero só as de Indetex ofrecen a opción do galego. Con respecto á opinión da mocidade sobre esta situación, o 95% dos/as enquisados/as considera necesaria a normalización lingüística neste sector e un 60% afirma que o uso do galego na publicidade dun produto os induce á súa compra. Para ampliar a nova, preme aquí.
04/01/2021. OUTRAS

Nós, palabra do ano 2020

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, anuncia que o termo elixido como Palabra do Ano 2020 por votación popular foi nós. Sen dúbida, a escolla fai alusión á celebración do centenario da xeración Nós, mais tratándose do pronome persoal tónico da primeira persoa do plural, tamén reivindica o poder do colectivo (como pobo e como cultura) para afrontarmos os desafíos do futuro. Podes ampliar información premendo aquí.
04/01/2021. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións para o ano 2020 destinadas a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de empresas beneficiarias premendo aquí.
23/12/2020. OUTRAS

Xela Arias será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 22 de decembro de 2020, que o autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 será a poeta e tradutora Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003). Tal e como recolle a propia RAG no seu comunicado, Xela Arias foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, con obras como Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. Así mesmo, é igualmente salientable a súa faceta como editora e tradutora, xa que o seu traballo foi fundamental para que hoxe poidamos ler no noso idioma moitos dos clásicos da literatura universal. Nos últimos anos da súa vida tamén exerceu como docente de lingua e literatura galegas en diferentes centros de ensino medio do país.
23/12/2020. INVESTIGACIóN

Nova ferramenta para o estudo da lírica galego-portuguesa

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presenta a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, unha ferramenta accesible en Internet que ofrece a transcrición paleográfica de todos os testemuños manuscritos da tradición trobadoresca. A base permite contrastar en todo momento as transcricións coas imaxes dos manuscritos e está concibida para facilitar traballos de investigación de carácter paleográfico, grafemático, lingüístico e ecdótico sobre a lírica galego-portuguesa.
23/12/2020. DINAMIZACIóN

Resólvense os XXI Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela fixeron entrega, nun acto que tivo lugar o pasado 21 de decembro no Teatro Principal, dos galardóns da vixésimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a empresa Revista Pincha, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; Dinahosting, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; e a zapatería Moksin, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora. Podes ampliar esta información premendo aquí.
22/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2021. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de xaneiro de 2021, segundo consta no extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
22/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as bases do Musigal 2021

O programa Musigal 2021, promovido pola Deputación de Pontevedra, está deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Poden inscribirse no programa os grupos musicais profesionais que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O prazo de inscrición remata o 20 de xaneiro de 2021. Unha vez que se faga pública a relación de artistas e grupos inscritos, os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes terán de prazo ata o 15 de febreiro de 2021 para tramitar as súas solicitudes de actuacións. Para consultar as bases completas do programa, preme aquí.

21/12/2020. DINAMIZACIóN

Un Nadal diferente, mais cheo de música, cultura e lingua

As actuais circunstancias sanitarias están a provocar que teñamos que vivir este Nadal de xeito diferente, mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña quere que os máis pequenos/as poidan celebralo con moita música, cultura e lingua, polo que organizou un programa adaptado ao formato virtual que estará accesible en liña durante todas as festas do Nadal. Desde a páxina web do SNL poderás acceder ás actuacións gravadas de, entre outros, Xoán Curiel e a Banda do Verán, Mamá Cabra, Chuches Amil, Lydia Botana, Cris de Caldas, A Xanela do Maxín ou Pablo Díaz. Neste momento, está xa accesibles os vídeos das actividades "Contos pequeniños" e "Monstros con ou sen consentimento".

18/12/2020. DINAMIZACIóN

Dicionarios de ida e volta

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta unha colección de Dicionarios de ida e volta, onde seis persoas que chegaron a Galicia procedentes de diferentes países (Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal e Romanía) nos falan do proceso migratorio, do poder integrador da lingua galega nas súas vidas e da riqueza lingüística dos seus lugares de orixe. Trátase dunha serie de seis pílulas audiovisuais, de entre 3 e 4 minutos de duración, deseñadas para ser empregadas como recursos educativos nos centros de ensino. Para ampliar esta nova, preme aquí.
18/12/2020. DINAMIZACIóN

Goza en liña dun Nadal de conto

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, unha iniciativa que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil, e que este ano se desenvolverá en formato virtual debido ás actuais circunstancias de emerxencia sanitaria. A partir do vindeiro 22 de decembro os máis pequenos/as terán oportunidade de gozar desde a casa, a través da páxina web do SNL, dun programa completo de contos, concertos e cantigas en galego. Todas as gravacións quedarán accesibles en Internet, algunhas de xeito temporal e outras de forma permanente.

16/12/2020. DINAMIZACIóN

Novas voces para a lingua

A Real Academia Galega e a Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentaron o proxecto “Novas voces para a lingua”, que ambas as dúas entidades promoven co obxectivo de dinamizar a lingua galega no ámbito da mocidade. O proxecto bota a andar coa serie audiovisual “Conseguiremos”, un total de cinco pezas nas que diferentes mozos e mozas, que polo seu traballo son referentes para a xuventude, contan como se desenvolven con normalidade en galego nos seus respectivos ámbitos profesionais (artes escénicas, deporte, música, ciencia, cinema...). O primeiro capítulo da serie, protagonizado pola futbolista Vero Boquete, xa está accesible en liña. Para obter máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
16/12/2020. DINAMIZACIóN

Festival do Apego en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza unha nova edición do Festival do Apego, un espectáculo escénico e musical deseñado para crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer infantil. O evento, dirixido a nenas e nenos, así coma ás súas familias, terá lugar o 27 de decembro de 2020, ás 18:00 h, no Auditorio de Galicia. As entradas para asistir de xeito presencial poderán reservarse a partir do 18 de decembro, mais o evento será tamén retransmitido en directo nas canles de Youtube do Concello de Santiago e mais do Departamento de Lingua Galega. Con posterioridade á súa retransmisión, as nove pezas audiovisuais serán editadas e quedarán accesibles en Internet de maneira permanente. Para coñecer o programa completo do festival, preme aquí.
15/12/2020. DINAMIZACIóN

A Mesa presenta o Catálogo de Nadal 2020

Como é costume por estas datas, A Mesa pola Normalización Lingüística convídate a consultar o seu Catálogo de Nadal 2020, que compila as diferentes propostas de agasallos en galego que ofrecen as empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma. Podes ampliar esta información premendo aquí.
11/12/2020. OUTRAS

Termos esenciais da Covid-19

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os 200 termos esenciais da Covid-19, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade lingüística da documentación técnica relacionada con esta pandemia. A listaxe permite acceder directamente ás fichas incluídas no bUSCatermos que describen estes 200 termos, onde ademais da propia definición do concepto, atoparás os nomes polos que é coñecido en galego, español e inglés, así como a área ou áreas temáticas en que se inscribe.
11/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

Código Cero e Ollar reciben o Premio Lingua e Empresa 2020

O xurado do III Premio Lingua e Empresa, promovido polo Concello de Ames, acordou que as empresas galardoadas nesta edición do 2020 son o diario tecnolóxico Código Cero, na categoría de "uso consolidado da lingua", e mais o centro óptico e auditivo Ollar, na categoría de "nova incorporación ou creación". O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, convoca anualmente este certame co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso das empresas municipais coa nosa lingua. Para obter máis información, preme aquí.
10/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

Coñece os/as gañadores/as da cuarta edición de Youtubeir@s

O xurado da cuarta edición dos premios Youtubeir@s, certame deseñado para fomentar a creación de contidos en galego en Youtube, fixo público os gañadores nas diferentes categorías. Os traballos e canles premiadas son: Pradorua (mellor canle), Olaxonmario (mellor youtubeir@), "O cabalo de Alberte Merlo" (mellor vídeo), "As patacas do paraíso" (premio á calidade lingüística), "Xogando con Ana Pontón aos Sims" (premio ao impacto), "Os 20 do XX. As Irmandades da Fala" (premio á calidade técnica), Un rapá transquilo (premio á comunicación), O Son das Ideas (premio á creatividade), "Lume" (mellor vídeo musical), Naturiza (premio didáctico), Cousas RarismASRM (premio pioneiro) e "Apps para docentes" (premio do público).

09/12/2020. DINAMIZACIóN

A debate a saúde do idioma galego no noso audiovisual

O Concello de Bueu presenta a iniciativa “A lingua no audiovisual galego”, organizada ao abeiro do programa “Bueu e a fala”, deseñado para analizar durante os vindeiros anos a situación do galego nos diferentes ámbitos sociais. No caso desta primeira iniciativa, trátase dunhas xornadas, que se desenvolverán entre os días 10 e 13 de decembro de 2020, nas que se debaterá sobre a situación da lingua no audiovisual galego, se presentará a iniciativa “Xabarín” (da Mesa pola Normalización Lingüística) e se falará dos usos lingüísticos no filme Ons. Todas estas sesións poderás seguilas en liña a través das canles de Youtube e Facebook do Concello de Bueu. A maiores, no Centro Social do Mar terá lugar a preestrea deste mesmo filme, Ons, de Alfonso Zarauza, e mais a proxección do documental Reboiras, acción e corazón, de Alberte Mera. Para ampliar información, preme aquí.
07/12/2020. CURSOS E CONGRESOS

En liña os relatorios dos webinarios sobre educación plurilingüe

Xa podes consultar en liña os relatorios das dúas xornadas sobre a educación plurilingüe que organiza o Consello da Cultura Galega (primeira xornada e
segunda xornada
). O debate en directo da primeira xornada, que estaba previsto para o pasado 3 de decembro, tivo que ser adiado ata novo aviso. O debate da segunda xornada poderás seguilo en directo o vindeiro 10 de decembro, ás 18:00 h, a través do sitio web do CCG ou da súa canle de Youtube. Se o desexas, tamén podes participar enviando as túas preguntas a participa@consellodacultura.gal.
07/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

Xosé González, Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2020 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio a Xosé González Martínez, dinamizador cultural e lingüístico e promotor do colectivo Galeguizar Galicia. Nas restantes categorías, os galardoados/as son Ledicia Costas (Letras), Xurxo Lobato (Artes Plásticas), FEGATEA (Artes Escénicas), aCentral Folque (Música), Chema Prado (Audiovisual), Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e Ildiko Szijj (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
07/12/2020. OUTRAS

A RAG celebra o pleno de homenaxe a Carvalho Calero

Despois de ter sido adiado o pasado mes de maio por mor da emerxencia sanitaria, finalmente a Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario das Letras Galegas, este ano en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, o vindeiro 12 de decembro de 2020. O acto terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que o homenaxeado impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, e nel participarán os/as académicos/as Margarita Ledo Andión, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión será retransmitida en directo e poderá seguirse a través da páxina web da RAG. Para ampliar esta información, preme aquí.
03/12/2020. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os XXVII Premios de Publicidade en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a vixésimo sétima edición dos Premios de Publicidade en Galego. Establécense cinco premios, un para cada unha das seguintes categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e un extraordinario para os proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición e de presentación dos traballos está aberto ata o 30 de decembro de 2020. Para consultar as bases completas preme aquí.


01/12/2020. DINAMIZACIóN

Elixe a palabra do ano 2020

O Portal das Palabras convídate a elixir un ano máis a Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente as nosas experiencias vitais. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 13 de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase un novo período de votación entre o 14 e o 25 de decembro para elixir definitivamente a palabra que mellor describe este ano que está a piques de rematar.


30/11/2020. DINAMIZACIóN

Freshysweet convídate a usar a lingua

A axencia de publicidade Freshysweet, formada por estudantado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, presentan unha nova edición da iniciativa Usa a lingua, que este ano se desenvolverá de xeito virtual a través de Instagram entre os días 30 de novembro e 4 de decembro de 2020. O programa de actividades inclúe unha serie de coloquios (David Amor, Aí Falaches, Patricia Hermida, Dani Irimia e Orgullo Galego) e concertos (The Rapants e Dakidarría), dirixidos a promover o uso do galego entre a mocidade. Para ampliar información preme aquí.
27/11/2020. INVESTIGACIóN

Análise sobre as variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica, editada por Francisco Dubert-García, Víctor Míguez e Xulio Sousa. A obra compila sete traballos nos que se analizan, desde múltiples perspectivas, diferentes situacións de contacto lingüístico entre comunidades da Península Ibérica, poñendo o foco nos fenómenos de préstamo, interfencia, transferencia e converxencia que son propios destas relacións entre idiomas e/ou variedades lingüísticas. A publicación está accesible (tanto para a súa cosulta en liña como para a descarga) no sitio web do CCG.
24/11/2020. CURSOS E CONGRESOS

Escolas Católicas presenta a XVI Xornada de Normalización Lingüística

Escolas Católicas Galicia presenta unha nova edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, organizada anualmente co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Nesta ocasión analizaranse as posibilidades didácticas que ofrecen museos coma o MUPEGA, daráselles visibilidade a recursos e ferramentas útiles para o labor pedagóxico en tempos de confinamento e entregaranse os Premios Irmáns Reboiras á mellor iniciativa (virtual) de fomento do galego. Por mor das actuais circunstancias sanitariais, este ano as sesións desenvolveranse en liña, o vindeiro 26 de novembro, en horario de 16:00 h a 18:00 h, e poderás seguilas en directo na canle de Youtube de Escolas Católicas.