A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
07/02/2020. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número do seu boletín O Cartafol Dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2019-2020. En termos xerais, impártese en castelán o 74,78% das horas docentes, en galego o 21,04% e noutros idiomas estranxeiros o 4,18%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
07/02/2020. DINAMIZACIóN
Hoxe, 7 de febreiro, celébrase en Galicia o Día dos Medios en Galego, co ánimo de conmemorar a publicación do xornal O Tío Marcos d´A Portela, promovido por Valentín Lamas Carvajal, que saíu por primeira vez á rúa o 7 de febreiro de 1876, converténdose na primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) festexará esta data en Carballo cun acto de carácter lúdico e reivindicativo, no que se quere dar visibilidade aos máis de 100 medios que hai en activo actualmente (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) que empregan o galego como lingua vehicular. O acto, que terá lugar hoxe, 7 de febreiro, ás 20:30 h no Casino1889, será presentado por Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González e contará coa actuación musical da banda Terbutalina. Para obter máis información preme aquí.
07/02/2020. OUTRAS
A Universidade de Vigo presenta o seu novo asistente virtual en lingua galega, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial, comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego que permite obter información dos sitios web da Universidade de Vigo de xeito doado. A aplicación está pensada principalmente para o alumnado, aínda que tamén pode resultar de utilidade para o persoal docente e investigador (PDI) e para o persoal de administración e servizos (PAS). Podes ampliar esta nova premendo aquí.
06/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Universidade de Santiago de Compostela convoca o III Premio Luís Porteiro Garea, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade, e ao mesmo tempo, homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego no ámbito universitario. O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico. O prazo para presentar as candidaturas remata o 30 de abril de 2020.
05/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2020. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. O prazo de presentación de solicitudes publicarase proximamente no BOP da Coruña, dentro do extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
05/02/2020. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza anualmente o LGx15, unha iniciativa deseñada para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir á quinta edición deste evento, que tivo lugar o pasado 9 de novembro en Teo, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes: Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Dhaunae de Vir e Roberto Rivas. Tamén podes ver os vídeos das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
05/02/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza o “Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I”, pensado para ofrecer formación específica aos estudades de Dereito sobre o seu tecnolecto en galego. As sesións desenvolveranse na Facultade de Dereito os días 19, 20, 26 e 27 de febreiro; e 4, 5 e 11 de marzo de 2020. O prazo de matrícula estará aberto ata o 14 de febreiro de 2020. Podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de matrícula premendo aquí.
03/02/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2019/2020; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias. [convocatorias anuladas]
03/02/2020. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galga e a Asociación Puntogal presentan a terceira edición do Certame de Microrrelatos, que organizan conxuntamente desde 2018 para fomentar o presenza do idioma galego no eido dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 29 de febreiro de 2020. A organización deste certame coincide coa nova campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
31/01/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas de acreditación do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto na modalidade presencial como de teleformación. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2020. O prazo para a presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Consulta o DOG coa convocatoria oficial premendo aquí. [corrección de erros]
24/01/2020. DINAMIZACIóN
O alumnado do IES de Melide celebra a VI edición do seu concerto Presume de Galego, que se celebrará o venres 31 de xaneiro de 2020, ás 18:00 h, no Pub Gatos de Melide. A iniciativa, promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, insírese nun proxecto educativo transversal que ten como obxectivo principal promover a socialización en galego da mocidade a través da música. O proxecto Eu presumo do galego foi merecedor en 2019 do Premio Mil Primaveras “por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes”. Podes manterte ao día das últimas novidades sobre esta iniciativa a través da súa páxina de Facebook.
23/01/2020. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha nova campaña que ten como acción principal difundir entre os establecementos comerciais e entre a cidadanía no seu conxunto o proxecto Abertos ao galego, que botou a andar en 2008 e desde finais de 2018 conta tamén cunha aplicación para dispositivos Android e Apple. A Mesa repartirá entre os máis de 600 comercios adheridos xa ao proxecto un sinal identificativo co texto “Aquí usamos o galego”, co obxectivo de que a cidadanía apoie estes establecementos que apostan decididamente polo noso idioma. A maiores, tamén distribuirá entre os comercios de cidades e vilas galegas material informativo con 5 motivos para usar o galego e 18 pautas para facelo con éxito. Para ampliar información, preme aquí.
22/01/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública, para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2019-2020. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de febreiro de 2020. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
22/01/2020. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizan un acto público de debate sobre o presente e futuro da lingua galega, que terá lugar hoxe, 22 de xaneiro, ás 20:00 h, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña. Na mesa de debate, que leva por título “Liberdade para o galego? Presente e futuro da lingua”, participan María Xosé Bravo, presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, Xela Armas, directora do proxecto Abertos ao Galego e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
20/01/2020. OUTRAS
O Boletín de Sumarios 2019 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os 34 números de publicacións periódicas, correspondentes a 18 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2019. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
16/01/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza un Curso de habilidades comunicativas dirixido ao alumnado desta universidade, co obxectivo de ofrecerlle recursos e ferramentas que lle axuden a redactar e defender oralmente os seus traballos académicos. O curso consta de tres módulos diferentes de 25 horas cada un (a redacción científica; falar en público; presentacións dixitais eficientes), e o alumnado pode optar por realizalo completo ou elixir aqueles módulos que lle interesen. Para obter máis información sobre os contidos ou os trámites de matrícula, preme aquí.
15/01/2020. DINAMIZACIóN
A Universidade de Vigo (Uvigo) dedícalle o ano 2020 á investigación científica en lingua galega, motivo polo cal a súa Área de Normalización Lingüística tamén empregou este mesmo fío temático na elaboración do seu almanaque anual. Baixo o lema “A investigación dá froitos”, o calendario 2020 da ANL, elaborado en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación, ilustra cada mes do ano coa imaxe dun froito exótico e dálle visibilidade ao traballo de diferentes grupos de I+D da UVigo comprometidos coa defensa do noso idioma.
15/01/2020. OUTRAS
En novembro de 1989 estreáronse de xeito simultáneo en Vigo as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega: Continental, Urxa e Sempre Xonxa. Trinta anos despois, o Consello da Cultura Galega e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran este importante fito cultural poñendo ao dispor da cidadanía estes tres filmes, que se poderán visionar a través do web “30 anos de audiovisual galego” ao longo do ano 2020. Neste mesmo web atoparás unha unidade didáctica, dirixida á comunidade educativa, con información e propostas de actividades sobre estas tres películas, así como sobre a linguaxe audiovisual como ferramenta comunicativa.
15/01/2020. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a segunda edición do programa “21 días co galego e +”, que desde o pasado luns, 13 de xaneiro, se está a desenvolver en dez centros de ensino medio galegos. O obxectivo é que os adolescentes adquiran o hábito de falar galego en diferentes contextos, reflexionen sobre a situación actual do noso idioma e se comprometan co seu uso. Esta iniciativa está inspirada na experiencia didáctica “21 días co galego” que se desenvolve no IES da Pobra do Caramiñal desde 2013. Para ampliar información, preme aquí.
14/01/2020. OUTRAS
O Instituto de Ganadería de Montaña, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Universidade de León, difunde no seu web o Calendario científico escolar 2020, unha iniciativa dirixida ao alumnado de primaria e ESO que recolle en cada día do ano un aniversario científico ou tecnolóxico (nacementos de investigadores e investigadoras de renome, avances científicos, curiosidades...). Ademais do calendario, tamén está accesible para descarga unha guía didáctica con orientacións e actividades adaptadas aos diferentes niveis educativos. Estes materiais están dispoñibles en castelán, galego, éuscaro, catalán e asturiano.
14/01/2020. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Lingua rodada, deseñado para fomentar o uso do galego entre o alumnado, promovendo unha imaxe positiva do idioma a través da creación audiovisual. O programa está dirixido a alumnado de centros públicos que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio. A acción principal consistirá na celebración dun certame de creación de vídeo-relatos que se desenvolverá en tres fases. O alumnado participante na obra gañadora poderá realizar a gravación do seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual, durante unha convivencia de dous días no rural galego. Así mesmo, terá a oportunidade de asistir á presentación da súa obra na XVII edición do Festival de Cans. O prazo de inscrición neste programa remata o 3 de febreiro de 2020. Podes ampliar información sobre a iniciativa premendo aquí.
10/01/2020. EMPREGO
O Concello de Pontedeume publicou no BOP da Coruña do 27 de decembro a súa oferta de emprego público para 2019. Ofrece unha praza de persoal laboral de técnico/a de normalización lingüística, grupo 2, nivel 20 (acceso libre). No BOP de Ourense da mesma data podes consultar tamén a oferta de emprego público da Deputación. Nela inclúese unha praza de tradutor/a de lingua galega (A1), que se cubrirá polo sistema de oposición libre. Por último, o 31 de decembro, no BOP da Coruña publícase a oferta do Concello de Miño. Recolle unha vacante de persoal laboral fixo, ocupada temporalmente, grupo A1, nivel 20.
27/12/2019. OUTRAS
O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2018, unha estatística de periodicidade anual que elabora o INE para facilitar información sobre o número e as características dos libros e folletos editados en España. No ano 2018 editáronse en galego 1.144 títulos (o 1,8% do total de títulos editados no Estado), rompendo a tendencia á baixa que se viña experimentado nos dous últimos anos (consultar datos de edición en galego no conxunto do Estado en anos anteriores). No que respecta aos datos da edición en Galicia, o número total de títulos editados incrementouse un 6,7% con respecto ao 2017. En concreto, en 2018 editáronse en Galicia 1.998 títulos, o 45% deles en galego. No web do INE podes consultar tanto os datos completos da produción editorial de 2018 coma os resultados de anos anteriores. Tamén tes ao teu dispor un resumo coas cifras máis salientables de 2018.
27/12/2019. OUTRAS
O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, anuncia que o termo elixido como Palabra do Ano 2019 por votación popular (tras recibir o 51% dos votos emitidos) foi sentidiño. A palabra elixida deriva de “sentido” e, en concreto, fai alusión á cuarta acepción que o dicionario da RAG recolle para este termo: "capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta". Neste caso o sufixo derivativo -iño engade o matiz de "calidade de sensato", convertendo “sentidiño” en equivalente de “sentido común”, que o mesmo dicionario da RAG define como “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente, bo xuízo”. Podes ampliar información sobre esta nova premendo aquí.
27/12/2019. OUTRAS
A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo publica o manual Na universidade onde queiras pero coa lingua, onde se ofrecen pautas lingüísticas para o emprego correcto do galego, tanto no que respecta aos usos orais coma escritos. Trátase do terceiro manual destas características que publica a ANL, introducindo cuestións que non foran tratadas nos dous anteriores (Na universidade en galego sen dúbida e Na universidade en galego con seguridade), e incidindo naquelas cuestións ortográficas, fonéticas, morfolóxicas e léxicas nas que se detectan máis eivas nos textos universitarios revisados. Podes completar esta nova premendo aquí.
26/12/2019. OUTRAS
A Real Academia Galega (RAG) e a Xunta de Galicia presentan a plataforma Galicia Nomeada, unha nova ferramenta dixital que permite a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega de xeito colaborativo e en liña. Ademais da versión de escritorio, tamén están dispoñibles dúas aplicacións para móbiles (unha para Android e outra para IOS). Todos os particulares ou asociacións que desexen colaborar no proxecto poden rexistrarse e facer as súas achegas. Os novos topónimos facilitados polos usuarios/as serán revisados por un equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG e, unha vez validados, poderán consultarse a través do web Toponimia de Galicia. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
20/12/2019. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación “Textos científicos en galego 1939-1975”, que xa podes consultar e descargar desde o noso web. O CCG, consciente da necesidade de material en lingua galega para traballar contidos científicos no ámbito educativo, iniciou en 2016 o proxecto “Ciencia en Galego”, co ánimo de ofrecerlles aos centros de ensino unha selección dos traballos científicos máis relevantes escritos no noso idioma. O proxecto, dirixido por Francisco Díaz-Fierros, botou a andar naquel momento cunha primeira achega que compilaba os textos científicos do período histórico que vai de 1916 a 1936, e complétase agora con esta segunda compilación que abrangue a época franquista (1939-1975).
20/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2019 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

