O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación “Textos científicos en galego 1939-1975”, que xa podes consultar e descargar desde o noso web. O CCG, consciente da necesidade de material en lingua galega para traballar contidos científicos no ámbito educativo, iniciou en 2016 o proxecto “Ciencia en Galego”, co ánimo de ofrecerlles aos centros de ensino unha selección dos traballos científicos máis relevantes escritos no noso idioma. O proxecto, dirixido por Francisco Díaz-Fierros, botou a andar naquel momento cunha primeira achega que compilaba os textos científicos do período histórico que vai de 1916 a 1936, e complétase agora con esta segunda compilación que abrangue a época franquista (1939-1975).
20/12/2019. INVESTIGACIóN
20/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2019 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Ames entregou o pasado mércores, 18 de decembro de 2019, os galardóns aos gañadores/as da segunda edición do Premio Lingua e Empresa. Nesta ocasión, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo a tres empresas do municipio: Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro. O Concello de Ames botou a andar o ano pasado este certame co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso das empresas municipais coa nosa lingua. Para ampliar información preme aquí.
19/12/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organizan a xornada "O galego no ensino. O ensino en galego", que terá lugar o vindeiro 25 de xaneiro de 2020 no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela. Nesta xornada, dirixida aos docentes do ensino non universitario, exporanse os modelos lingüísticos vixentes nos sistemas educativos de Cataluña e o País Vasco, reflexionarase sobre a repercusión do “Decreto do plurilingüismo” na situación actual da lingua galega e poranse en común diferentes experiencias normalizadoras que se están a desenvolver en centros de ensino galegos. O prazo de matrícula remata o 24 de xaneiro de 2020.
18/12/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia publican unha nova edición da convocatoria de premios para a animación en galego, no marco do programa “Nós tamén creamos!” 2019-2020. Outorgarase un premio para cada unha das tres categorías que establece o certame: curtas con alumnado de segundo ciclo de educación infantil; curtas con alumnado de primeiro e segundo de educación primaria; curtas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria. O prazo para presentar a solicitude de participación remata o 20 de xaneiro de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
17/12/2019. OUTRAS
A Real Academia Galega (RAG) fai pública a través da súa páxina web a “Declaración da Real Academia Galega verbo dos acordos do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias”, onde se congratula dos acordos adoptados polo Comité de Ministros do Consello de Europa e insta ás autoridades do Estado español e, nomeadamente, da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguir as recomendacións expresadas no quinto informe do Comité de Expertos deste organismo internacional. A RAG lembra que o Decreto 79/2010 , do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia é totalmente contraditorio cos compromisos adquiridos polo Goberno español ao ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, polo que remata o seu comunicado reclamando a necesidade de “que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma”.
17/12/2019. DINAMIZACIóN
O pasado sábado, 14 de decembro de 2019, tivo lugar na Coruña a primeira reunión formal da Comunidade de Creadores de Contido en Galego, unha iniciativa que ten como obxectivo reunir a persoas interesadas na creación de contidos en galego de todo tipo (blogs, podcasts, literatura, artes escénicas, artes gráficas, música, dixital, etc.). Todos/as os/as creadores/as que desexen participar neste foro terán a oportunidade de asistir a xuntanzas mensuais para compartir experiencias e ideas que contribúan a mellorar o traballo que xa se está a facer no ámbito da creación de contidos no noso idioma. A inscrición é libre e gratuíta, só cómpre cubrir este formulario web.
17/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela deron a coñecer os galardoados da vixésima edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron Strelia Electrotecnia, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; Numax, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que recibiu unha mención especial polo seu compromiso co idioma galego ao longo dos seus 98 anos de historia. Se precisas máis información, preme aquí.
17/12/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, que se desenvolverá entre o 15 de decembro de 2019 e o 4 de xaneiro de 2020 en diferentes lugares do concello. A iniciativa, que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil, inclúe obradoiros de ilustración, contadas, música e xogos, entre outras actividades. O acceso é libre e gratuíto, agás naquelas actividades que se organizan no Verbum e no Auditorio do Concello, para as que cómpre invitación.
13/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións para o ano 2019 destinadas a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de empresas beneficiarias premendo aquí.
12/12/2019. LEXISLACIóN
O Consello de Europa publica o quinto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Goberno español asumiu ao ratificar este tratado internacional. No que respecta ao galego en Galicia, o Comité de Expertos sinala a diminución de falantes e a perda da transmisión xeracional e, como xa fixera en informes anteriores, volve recomendar que de xeito inmediato se eliminen as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos, se modifique a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais, cando unha das partes o solicite, e se incremente o uso do galego na Administración do Estado en Galicia. Con respecto ao galego exterior, recoméndase con urxencia incluír o nome de “galego-asturiano” no Estatuto de Autonomía de Asturias, desenvolver unha política estruturada para a protección deste idioma na rexión do Eo-Navia, adoptar medidas para protexer o galego en Castela e León e actuar tamén de xeito inmediato para protexer a fala/galego en Estremadura. Se queres consultar os informes de seguimento de períodos anteriores (así como os correspondentes informes estatais), preme aquí.
11/12/2019. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presenta LEDIGAL, un novo recurso web que permite coñecer a variación sociolingüística no léxico dispoñible do galego, entendendo por léxico dispoñible aquel que se presenta na mente dos falantes de xeito inmediato e natural cando se trata de determinado ámbito temático. Tomando como base o traballo Léxico dispoñible do galego (2014), realizado por Belén López Meirama e María Álvarez de la Granja a partir de datos obtidos de 800 estudantes de segundo de bacharelato durante o curso 2008-2009, o ILG elaborou esta aplicación que che permitirá correlacionar os lemas e as variantes concretas escritas polas/polos estudantes con diferentes variables sociais e sociolingüísticas (lingua inicial, lingua habitual, nivel sociocultural, etc.). Para coñecer máis sobre o proxecto, preme aquí.
10/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador entregaron onte, 9 de decembro, na sede do Parlamento galego os XXVI Premios de Publicidade en Galego. Nesta edición, na categoría de radio resultou galardoada a campaña “Benvidos Novos Larseiros!”, elaborada pola axencia BAP Conde para a empresa Larsa. Nas categorías de televisión e de prensa escrita, o traballo gañador foi “Martín Códax, Fillo do Atlántico”, da axencia &Rosás para Martín Códax. O anuncio “Queixos HOXE”, da axencia Pío García Audiovisuais S.L. para a Cooperativa HOXE, recibiu o premio na categoría de Internet. Por último, na categoría de centro educativo resultou gañador o traballo “Stop_Bullyng”, do IES Leixa de Ferrol. Para ampliar información, preme aquí.
09/12/2019. DINAMIZACIóN
O colectivo Galeguiza-T, composto por un grupo de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros que participan activamente no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, está a difundir nas redes a iniciativa Nova antoloxía da música galega contemporánea, unha lista de Spotify con máis de 200 artistas ou grupos contemporáneos que fan música en galego. O obxectivo é difundir entre a mocidade a riqueza e diversidade da música feita no noso idioma, que abrangue estilos tan variados coma o trap, o reggaeton, o death metal, o heavy, a bachata, a cumbia, o indie ou o jazz, entre outros.
03/12/2019. OUTRAS
O pasado 30 de novembro, no marco da feira Culturgal, tivo lugar a presentación pública do número 0 de Nós Diario, unha iniciativa xornalística en lingua galega que comezará a editarse de xeito regular a partir do vindeiro 2 de xaneiro de 2020. O xornal, dirixido por María Obelleiro, terá versión en papel e dixital, e tratará temas como o feminismo, o ecoloxismo, a lingua, a historia, a memoria, os movementos sociais, a economía ou a diáspora (entre outros), sempre desde a perspectiva galega. Tanto este número cero de Nós Diario, coma o número cero do semanario Sermos Galiza, que acompañará o diario todos os sábados, están xa accesibles en liña.
03/12/2019. DINAMIZACIóN
O Portal das Palabras, proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, organiza unha nova edición da iniciativa Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 15 de decembro. Tras seleccionar os termos máis repetidos ou que representen unha temática compartida por diferentes participantes, abrirase un novo período de votación entre o 16 e o 25 de decembro para seleccionar a palabra do ano 2019.
02/12/2019. AXUDAS E PREMIOS
O pasado venres, 29 de novembro, déronse a coñecer, nunha gala celebrada en Santiago de Compostela, os/as galardoados/as da terceira edición do Proxecto Youtubeir@as, un concurso de creación de vídeos que ten como obxectivo promover o uso do galego na canle Youtube. Os traballos premiados/as nas distintas categorías son: “O radón: malos modais para un gas nobre”, de Aarón Vilariño (mellor vídeo-facermos); “Formación dos cantís”, de Xacobo de Toro e Rocío Romar (mellor vídeo-opinarmos); “O queimaserebros”, de Blanca e Tinta (mellor vídeo-cantarmos); Aquel-e (mellor canle); “Cativos na Cociña”, de Siradella Films (creatividade); “Malaxente”, de MJ Pérez (eficiencia comunicativa); “Quero fugir”, de Aarón Vilariño (calidade técnica); “21 días improvisando”, de A Rabela (calidade lingüística) e “Flow do Toxo” (proposta youtubeira).
02/12/2019. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela convoca un concurso público para a elaboración de listas de agarda de persoal docente e investigador contratado interino para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables de distintas áreas de coñecemento para o curso académico 2019/20. Entre as áreas de coñecemento para as que se convoca esta lista de agarda está a de “Filoloxías Galega e Portuguesa”. A maiores dos requisitos xerais indicados no texto da convocatoria, os participantes deben estar en posesión da titulación de grao e máster oficial, ou ben de licenciatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
29/11/2019. DINAMIZACIóN
Un ano máis por estas datas, A Mesa pola Normalización Lingüística convídate a consultar o seu Catálogo de Nadal 2019, que compila as diferentes propostas de agasallos en galego que ofrecen as empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
28/11/2019. DINAMIZACIóN
A Deputación de Pontevedra publica as bases do programa Musigal 2020, deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Poden inscribirse no programa artistas ou grupos musicais profesionais que traten de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O prazo de inscrición remata o 20 de decembro de 2019. Unha vez que se faga pública a relación de artistas e grupos inscritos, os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes terán de prazo ata o 24 de xaneiro de 2020 para tramitar as súas solicitudes de actuacións. Para consultar as bases completas do programa, preme aquí.
28/11/2019. OUTRAS
Elhuyar, fundación para a divulgación da ciencia, a tecnoloxía e o desenvolvemento do éuscaro, presenta o seu novo tradutor automático multilingüe Itzultzailea. Trátase dunha ferramenta baseada na intelixencia artificial e nas redes neuronais que permite a tradución entre cinco idiomas: éuscaro, castelán, francés, catalán e galego. Ademais da versión web, tamén está accesible a aplicación para móbil deste tradutor. Neste momento xa podes descargar a versión para Android e en breve estará tamén dispoñible a versión para IOS.
28/11/2019. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coordinan a terceira edición do programa Topinimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que ten como obxectivo preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego. No marco desta iniciativa, neste último trimestre de 2019 están a desenvolverse unha serie de charlas divulgativas en quince concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Nestas charlas, o técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, ofrece información sobre a orixe e o significado dos topónimos de cada concello. Os asistentes tamén poderán familiarizarse con ferramentas coma o
"Buscador de topónimos", que permite localizar a microtoponimia recollida ata o momento, ou coa futura aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que a cidadanía poderá xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos.
"Buscador de topónimos", que permite localizar a microtoponimia recollida ata o momento, ou coa futura aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que a cidadanía poderá xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos.
27/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2019 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio a Pilar Ponte Patiño, profesora do IES da Pobra do Caramiñal e promotora do proxecto “21 días co galego”. Nas restantes categorías, os galardoados/as son Xesús Alonso Montero (Letras), Soledad Penalta (Artes Plásticas), Monicreques de Kukas (Artes Escénicas), Amancio Prada (Música), “O sabor das margaridas” (Audiovisual), a restauración do Pórtico da Gloria (Patrimonio Cultural) e “Galego en Londres” (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
25/11/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza unha nova edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito xurídico. A sesión terá lugar o vindeiro 27 de novembro de 2019, ás 20:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A matrícula é de balde.
22/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, integrada polos gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana, celebrou o pasado mércores, 20 de novembro, a súa reunión anual para coordinar accións conxuntas de promoción lingüística. No marco desta reunión, fíxose pública a decisión de conceder o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado neste ano 2019 a Guadi Galego, polo seu último traballo “Inmersión”, no que a artista galega incluíu doce temas en sete linguas da Península Ibérica. Podes ampliar información premendo aquí.
20/11/2019. DINAMIZACIóN
O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e Ponte... nas ondas! organizan a segunda edición do Certame de Podcast en Galego Xosé Mosquera Pérez, dirixido a alumnado de sexto curso de primaria e educación secundaria de centros galegos, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 11 a 18 anos das escolas do norte de Portugal. Os participantes deberán elaborar un podcast en galego, inédito e orixinal, relacionado co patrimonio literario de Galicia e Portugal e coas súas figuras relevantes, como o autor ao se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano. Tamén deberán entregar o texto que serviu de base para a elaboración do podcast. O prazo de inscrición remata o 28 de febreiro de 2020. Os traballos poden entregarse ata o 17 de maio de 2020. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
20/11/2019. CURSOS E CONGRESOS
Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais do Consello da Cultura Galega, a XV Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Nesta edición prestarase especial atención ao aproveitamento didáctico da figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Dia das Letras Galegas 2020. Tamén se difundirán boas prácticas no eido do ensino en galego e achegaranse propostas para mellorar a calidade da lingua no ámbito educativo. A sesión pecharase cunha homenaxe ao relixioso Xosé Francisco Martínez Reboiras. A xornada terá lugar o 29 de novembro na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. O prazo de inscrición remata o 27 de novembro.
20/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da décimo terceira edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As entidades galardoadas nesta edición son a adega Solaina Minei (Castrelo de Miño) e Queixerías Bama (Touro). A maiores, o xurado tamén decidiu outorgar dúas mencións honoríficas á Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea e á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Os premios entregaranse o 21 de decembro de 2019, no Pazo Ulloa de Esposende (Ribadavia).
19/11/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésima edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar candidaturas remata o 10 de decembro de 2019. No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
13/11/2019. EMPREGO
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades oferta un contrato de obra e servizo para traballar no proxecto “Frontera hispano-portuguesa: personas, pueblos y palabras (FRONTESPO-3P)”, que se está a desenvolver baixo o liderado da Universidade de Alcalá. A duración do contrato será entre o 1 de febreiro e o 31 de agosto de 2020, a xornada completa (37,5 horas semanais). As tarefas consistirán na recollida de corpus oral (audio e vídeo) en localidades situadas a ambos lados da fronteira hispano-portuguesa; na transcrición do corpus oral recollido; na compilación e catalogación de material bibliográfico e no tratamento do material lingüístico xerado no proxecto. Entre outros requisitos, os aspirantes deben posuír o grao ou licenciatura en Filoloxía Hispánica, Filoloxía Galega, Filoloxía Portuguesa, Filoloxía Románica, Lingüística, Antropoloxía ou estudos afíns.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2019. Para completar esta información preme aquí.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2019. Para completar esta información preme aquí.

