A voz de Castelao no Arquivo Sonoro de Galicia

----

A voz de Castelao no Arquivo Sonoro de Galicia

Neste ano Castelao, no que relembramos a súa figura e pegada na historia e na cultura galegas, imos comentar un episodio singular: a existencia dunha xoia patrimonial conservada polo Consello da Cultura Galega (CCG) no Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) que foi "rescatada" a finais do século pasado, nada menos que a voz de Castelao recollida nunha “fonopostal”. As “fonopostais” foron un curioso procedemento promovido polo servizo de correos arxentino desa época (1939).

Por Xaime Estévez
Membro do Arquivo Sonoro de Galicia
A voz de Castelao no Arquivo Sonoro de Galicia
Ese disco de cartón contén un discurso en español de dous minutos e dezaoito segundos previo á estrea en Montevideo da obra Os vellos non deben de namorarse, e que foi enviado para escoitarse nese evento no que o autor non podía estar en persoa. Sorprendentemente, trátase do único rexistro da voz de Castelao polo momento, o que nos dá conta da importancia da súa existencia e conservación no ASG.

A continuación, describiremos tanto este tipo de rexistros sonoros como o documento en cuestión no momento histórico que se produciu e a súa adquisición, ao tempo que incidiremos na relevancia e transcendencia del para a cultura galega, dada a súa singularidade.

Voces gravadas: dende o fonoautógrafo

Podemos citar como primeira referencia o experimento do francés Édouard-Léon Scott, o creador do “fonoautógrafo”, co que logra rexistrar analoxicamente un son sobre o papel. Así, podemos datar de 1860 o primeiro rexistro de voz (non será ata 2008 cando se logre reproducilo, nos EE.UU., e descubrir que se trataba da canción francesa popular "Au clair de la lune").

Pero vai ser en 1877, data da creación do fonógrafo de Thomas Alva Edison, coa súa célebre gravación recitada de "Mary had a little lamb", cando a gravación e reprodución do son deixen de ser unha quimera, unha aspiración da humanidade comparable á de voar coma os paxaros; íase cumprindo grazas ao avance científico.

Nun primeiro momento, as funcións máis útiles da gravación da voz falada parecían ser a aprendizaxe de idiomas ou rexistro de voces; ninguén imaxinaba nese tempo que a difusión da música sería o que dispararía o uso e popularización da reprodución sonora.
.
Dende o principio, os científicos tentaron mellorar a calidade dos rexistros sonoros e aumentar a duración das gravacións no soporte correspondente: os cilindros de Edison primeiro e, anos máis tarde, os discos de Emile Berliner (1888). O século XX déixanos para a historia da gravación sonora unha liña temporal na que diversas propostas tecnolóxicas permitiron ir avanzando na popularización e optimización desta posibilidade de transmisión do son en distintos soportes: a electricidade e o tocadiscos (anos vinte), a fita magnética (1930), o disco de vinilo (1948), a casete (1963), o cartucho de oito pistas (1964), o CD (1982)… e, xa saudando o século XIX, a dixitalización e o MP3 (1995), que significaron un salto cualitativo no que o son se libera incluso da súa roupa, do envase que ata ese momento era imprescindible.

Paralelamente, tamén podemos comentar a apaixonante historia da música mecánica, que empeza no século XVIII coas caixas de música e que no século XIX e parte do XX vai ter un desenvolvemento impresionante con múltiples propostas de instrumentos como a pianola ou o organillo, que tamén permitían o desfrute da música no momento e que a gravación sonora foi desprazando no segundo terzo do século pasado.


El Mundo científico (Barcelona. 1899). 30/3/1907

A fonopostal na Arxentina

Colateralmente á difusión da música, xorden curiosidades pouco coñecidas, como a da utilización da gravación sonora como posibilidade de oferta postal da man do servizo de correos arxentino e por iniciativa de Samuel Fucks, xefe de Despacho Interno de la Dirección de Correos de la Administración Postal Argentina. Este, tomando como referencia o éxito do ensino de idiomas mediante discos gravados, propón o envío da voz envasada nun soporte físico: a persoa que quería gravar a voz introducíase nunha cabina feita para tal fin e alí gravaba o que se convertería nun disco de cartón que xa podía meterse nun sobre ex professo e enviarse ao correspondente destino como unha carta máis (iso si, cun custo vinte veces superior ao dun correo ordinario). Os discos recibidos por este medio podían reproducirse sen problema en calquera gramófono e, ademais, permitían que se gravase a resposta na outra cara e enviala tamén do mesmo xeito no punto de destino. O servizo usaba equipos de gravación móbiles que rexistraban discos cunha cara de cartón e a outra de acetato de 8 polgadas a 78 rpm, os cales se enviaban en sobres especiais reforzados.
Aínda que algo similar había nos EE.UU. e Inglaterra, neste caso tanto o empaquetado como o envío eran mellores. O uso das “fonopostais” na Arxentina foi masivo e fálase de que, entre 1942 e 1943, circularon uns 200 mil discos a través deste sistema.

Este servizo foi unha realidade na Arxentina dende 1939 e, unha vez autorizado pola Unión Postal Universal, foi acollido noutros países, como Holanda (onde lle viron utilidade por posibilitar o envío de mensaxes ás colonias), Portugal, Bélxica, México, Os Estados Unidos, Alemaña, Inglaterra, Taiwán ou O Brasil. Atrevémonos a dicir que en España non sería posible dadas circunstancias da posguerra, que non deberon permitir en varios anos facer innovacións de ningún tipo.

O carácter íntimo destes rexistros parece evidente, tamén o envío de promocións de artistas a posibles produtoras, emisoras de radio e mecenas, e hai que pensar que a gravación era posible para calquera que non soubese ler ou escribir, unha vantaxe máis naqueles tempos. Existe unha web, Phono-Post, xestionada pola Universidade de Princeton na que podemos achegarnos ao máis que interesante capítulo das “fonopostais” no mundo.
A Unión Postal Universal recoñece este servizo en 1939 en Bos Aires e revógao como tal en 1969 en Toquio.

O magnetófono e as fitas de casete, dos anos sesenta, foron xa alternativas posibles e sinxelas que fixeron esmorecer progresivamente a opción das “fonopostais”. Un exemplo para a cultura galega témolo nas Cartas Sonoras do grupo Os Dezas de Moneixas, con fitas deste enviadas a Caracas dende Galicia que permitiron conservar as súas músicas e editalas para Ouvirmos (2003). En todo caso, queda aberta a posibilidade de sorpresas futuras no caso de localizar algunha outra “fonopostal” ou "carta sonora" que teña que ver coa nosa cultura.

A fonopostal de Castelao

Castelao, en outubro do ano 1941, usou este medio para poder estar o máis presente posible na segunda estrea da súa única obra de teatro, Os vellos non deben de namorarse, a cal, ao parecer, xa se viñera xestando dende 1931 en Pontevedra pero que, sen dúbida, rematou durante a súa estadía en Nova York, tras ter que abandonar España pola Guerra Civil. O autor era consciente de que, dadas as circunstancias, a estrea da obra en Bos Aires primeiro (un 14 de agosto no Teatro Mayo) e en Montevideo despois (un 8 de outubro no Teatro Solís) sería o mellor xeito de difusión posible a miles de galegos na emigración. O xesto desa achega da súa voz no Uruguai foi, de seguro, moi emotivo e inesquecible para os alí presentes.


Castelao prepara en Bos Aires as máscaras de Os vellos non deben de namorarse.

A representación naquela ocasión estivo a cargo dun grupo de actores galegos integrantes da Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida por Manuel Varela Buxán, quen contaron coa colaboración de Castelao ata no deseño da escenografía.

Os actores que levaron adiante a estrea pertencían á emigración e foi a familia dun deles, a de Fernando Iglesias, "Tacholas" (Ourense, 25/8/1909 - Bos Aires, 14/5/1991), a que facilitou a incorporación da “fonopostal” ao Arquivo Sonoro de Galicia e, polo tanto, para que formase parte do patrimonio cultural galego. Esta “fonopostal” é, quizais, a máis relevante para a nosa cultura: primeiro, por ser o único rexistro gravado da voz de Castelao co que se conta hoxe en día e, despois, por condensar neses pouco máis de dous minutos frases e palabras que saen da súa cabeza pero tamén do seu corazón. A voz falada engádelles alma ás palabras e achéganos dun modo singular ao sentir do noso galeguista de referencia; cando un fala, expresa cada palabra con fonemas propios que lle transmiten máis significado ao discurso a xeito de xestos sonoros complementarios, ás veces inconscientes pero por iso mesmo verdadeiros, a un discurso que supón unha elección minuciosa do que imos dicir, sobre todo se o imos gravar para a historia, como sería o caso. Non sabemos se Castelao, nalgún momento, pensou que a súa voz chegaría así ao século seguinte pero podemos concordar en que a súa intención era que quedase gravada, cando menos, na memoria de todos os presentes na estrea da súa obra feita con "zume de terra e mel da tradición galega" ⸻como apunta el mesmo⸻. Tamén era consciente de que esa estrea chegaría a Galicia máis pronto que tarde, como así foi, en 1961; iso nos quería transmitir, se cadra, cando no inicio do discurso dixo: "A obra de arte voa como os paxaros por enriba das fronteiras". 

A fonopostal chega finalmente ao Arquivo Sonoro de Galicia

Existen informacións concretas (Luís Pérez, Ediciós do Castro, 1996) de que xa en 1971 chegou ese documento a Galicia e de que, polo menos, había a intención de facilitarlle unha copia a Isaac Díaz Pardo para o Museo Maside, pero non se pode confirmar este feito. Do que si sabemos con certeza é da doazón por parte do actor e amigo de Castelao que participou na estrea americana, "Tacholas", de máscaras orixinais do propio autor para a obra de teatro. Na actualidade, estas máscaras encóntranse conservadas no Museo de Pontevedra.

A finais dos anos noventa Afonso Vázquez-Monxardín, promotor do ASG, conseguiría contactar persoalmente en Bos Aires coa filla do propio “Tacholas”, Clotilde, e chegar a un acordo para o traslado definitivo do documento a Galicia e a súa custodia e conservación definitiva no dito Arquivo. Isto todo confírmanolo a súa actual coordinadora técnica, Cristina Pujales.

Conclusións

A singularidade do documento “Fonopostal de Castelao”, coa única gravación hoxe en día da súa voz, é a mellor evidencia da importancia dos documentos sonoros e da relevancia do papel patrimonial do Arquivo Sonoro de Galicia dentro do Consello da Cultura Galega. Os documentos sonoros de todo tipo, pero en especial os das voces dos referentes culturais galegos, teñen un compoñente extraordinario que vai máis alá que calquera outro e achega matices e información complementaria, ás veces inédita doutra forma, que configura e optimiza a información obtida polos documentos máis convencionais e nos aproxima ao obxecto de estudo como ningún outro. Castelao ten voz de seu xa para sempre, e iso grazas a todos os que contribuíron a que chegase ata nós e, nomeadamente, ao ASG, custodio imprescindible nesta transmisión do Patrimonio Cultural Galego na persoa e na voz de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Imaxe: Mítin pro Estatuto con Castelao no teatro Tamberlick (Vigo). Imaxe coloreada dixitalmente

PRENSA / PUBLICACIÓNS




VÍDEOS




ARQUIVOS / PÁXINAS WEB


Recomendamos: