Músico polifacético do século XIX en GaliciaCanuto José Berea Rodríguez naceu na Coruña o 28 de xuño de 1836 e finou alí o 24 de febreiro de 1891, a causa dunha fulminante pulmonía. Malia ser coñecido popularmente como rexente da súa tenda musical da Coruña, a súa transcendencia empresarial, social e política acentuouse pola heteroxen...
Músico polifacético do século XIX en GaliciaCanuto José Berea Rodríguez naceu na Coruña o 28 de xuño de 1836 e finou alí o 24 de febreiro de 1891, a causa dunha fulminante pulmonía. Malia ser coñecido popularmente como rexente da súa tenda musical da Coruña, a súa transcendencia empresarial, social e política acentuouse pola heteroxeneidade de actividades desempeñadas nos eidos da música (intérprete, compositor, director, docente, axente teatral, editor e almacenista), da política (alcalde, concelleiro e vogal de diversas comisións), da sociedade burguesa (socio e presidente da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos ou socio de mérito do Liceo Brigantino), das entidades financeiras (Banco de España, Sociedad de Crédito Gallego, Caja de Ahorros y Monte de Piedad) e das institucións artísticas (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Academia Provincial de Bellas Artes de La Coruña).
A familia Berea convertérase nunha liñaxe con forte presenza na cidade desde a chegada nos anos trinta de Sebastián Canuto Berea Ximeno (1813-1853), músico formado en Zaragoza, axiña integrado nos espazos musicais da Coruña e establecido aquí tras o nacemento do seu primoxénito, Canuto. Así como os ascendentes paternos de Berea Rodríguez se dedicaran á profesión musical -o bisavó, Ramón, e o avó, Juan-, varios dos seus sete irmáns menores desempeñaron actividades filharmónicas, como os xemelgos, Manuel (1839-1916) e Nicasio (1839-1898), ou Elvira (n. 1849). A saga musical perdurou co seu fillo Canuto Berea Rodrigo (1874-1931) e co seu sobriño Andrés Gaos Berea (1874-1959), fillo da súa irmá Pilar (n. 1853). Ademais, os seus fillos Alejandro e Ana continuaron cos labores empresariais despois da súa prematura morte, baixo a razón social Canuto Berea y Compañía; e a partir de 1897, a través de varias sociedades, fíxoo Canuto Berea Rodrigo, quen ademais acadou renome no terreo musical.
A traxectoria de Berea Rodríguez iniciouse na interpretación musical e proxectouse paulatinamente cara a outros ámbitos. A súa primeira etapa vital abrangueu un período de case trinta anos, ata 1866, cando contraeu matrimonio. Neste período Canuto formouse, primeiro, como violinista e pianista e, despois, na harmonía e o contrapunto, ao acougo das directrices paternas e doutros mestres de prestixio na cidade. Mais axiña amosaría a súa profesionalidade como intérprete, compositor e director de orquestra, vinculado en especial ao Teatro Principal e á Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (popularmente coñecida como Circo de Artesanos), xa desde a súa fundación en 1847. A praxe musical fora a protagonista destes primeiros decenios da súa vida, englobando mesmo unha comedida incursión na docencia a varios discentes, incluída unha xove Emilia Pardo Bazán (1851-1912).
Arredor de medio cento de composicións adxudicadas a Berea están destinadas a canto e piano, orquestra, orfeón e banda, orfeón só e piano. As máis afamadas son a melodía galega
Un sospiro, baseada no poema de Martínez González «O día que eu saín da patria miña», e a popular muiñeira
La Alfonsina -pola que obtivo a Cruz de Carlos III-, que, pese á súa popularización na versión para piano, fora estreada en formato orquestral co gallo dos Xogos Florais da Coruña en 1861. A posta en valor da produción compositiva bereana non reside tanto na excelencia técnica senón na plena adecuación ao consumo
á carta
, sobre todo ao servizo das necesidades dos salóns burgueses, como se aprecia nas danzas orquestrais
Consuelo,
Dulce recuerdo,
Los Ecos,
La morena ou
La Ofelia. A sinxeleza e gustos dos afeccionados priman igualmente nas pezas para piano, como
El beso de amor,
La felicitación,
La Camelia ou
La Iniciadora.
Tras casar con Ana Rodrigo García, o 30 de maio de 1866 -só uns meses despois do nacemento dunha filla natural froito doutra relación-, a vida familiar ofreceulle unha estabilidade na que naceron outros oito fillos: Alejandro (n. 1867) , Ana Consuelo Magdalena (n. 1868), Ana (n. 1870), Celia (n. 1873), Canuto (n. 1874), Emilia (n. 1876), Carolina (n. 1881) e Luis (n. 1884). A partir de entón a proxección social de Berea na cidade herculina foi imparable.
Nesta segunda etapa (1866-1891), de madurez, o seu desempeño profesional excedeu o estritamente musical. Nas décadas de 1870 e 1880 proliferaron os seus negocios e adquiriu maior peso social na urbe, grazas á incesante ocupación de cargos desde a consecución da presidencia do Circo de Artesanos en 1870 (prolongada ata 1874 e reiniciada por pouco tempo a finais de 1890). No municipio presidiu a Junta Local de Primera Enseñanza (1877-1881), a comisión de festas (1879-1881), e actuou como concelleiro, tenente-alcalde (1875-1889; 1890-1891) e alcalde (entre agosto e decembro de 1889), momento no que concentrou esforzos na mellora das infraestruturas culturais da cidade.
Desde finais da década de 1880 integrouse nos consellos administrativos de corporacións financeiras e comerciais como a Cámara de Comercio (1888), a Junta de Obras del Puerto (1888-1890), o Banco de España (1890), a Sociedad de Crédito Gallego (1891), a Caja de Ahorros y Monte Piedad (1890) ou a Sociedad Anónima del Lazareto de Oza (1889). Máis aló da súa implicación na vida política e económica, acadou postos en organismos oficiais de selo artístico como vogal da Comisión de Monumentos Artísticos (1879), correspondente da Academia de Bellas Artes de San Fernando (1879), numerario da Academia Provincial de Bellas Artes de La Coruña (ao menos desde 1888), na que mesmo presidiu a súa sección de música (1890). Tamén nestes últimos anos exerceu de correspondente galego de
La España Artística e foi nomeado socio de mérito do Liceo Brigantino (1890). Esta densa armazón socio-cultural facilitou o intenso e diversificado labor empresarial de Berea.
O establecemento bereano converteuse nun referente en Galicia, malia que os seus alicerces non foran doados. Tras unha primeira etapa de subsistencia, despois da repentina morte do seu pai, o pulo mercantil da firma Berea foise fraguando ao poucos, primeiro, coa axuda da súa nai -María Antonia Rodríguez Vázquez (†1877)- e, máis adiante, coa súa habilidade para os negocios e a asistencia, sobre todo, do seu irmán Nicasio e de Eduardo Puig y Ferrín (1854-1913), o seu empregado. De anunciarse como
Gran Barato de Música
en 1856 pasou a consolidar, especialmente a partir de finais dos sesenta, a firma
Gran Almacén de Música de D. Canuto Berea
, no número 38 da rúa Real, localización conservada ata hai poucas décadas pola empresa sucesora Puig y Ramos.
O almacén dispoñía de miles de ítems, incluídos instrumentos e accesorios (brindados a través de alugueiro ou venda, ao contado ou a prazos), máis de 200 métodos pedagóxicos e, segundo os seus anuncios publicitarios, entre 30 000 e 40 000 partituras, aínda que documentalmente só se contabilizaron arredor de 15 000. Neste ámbito Berea actuaba como canalizador de materiais impresos, excedendo o rol de mero
subministrador
para se converter en
difusor activo
, polo que interfería nos fluxos de consumo, marcados pola homoxeneización do gusto e polo auxe do ensino musical.
Berea dispoñía dun nutrido equipo de provedores -tanto de instrumentos (con máis de 60) como de materiais impresos (sobre 26)-, aos que se sumaban preto de dous centenares de colaboradores, entre os que se contaban reputados músicos galegos, como Juan Montes (1840-1899). Ante o seu triunfo comercial, sostivo fluídas transaccións con Lugo, Ourense, Oviedo ou Pontevedra e abriu sucursais físicas en Santiago (1874), Ferrol (1876) ou Vigo (1880), rexentadas respectivamente por Manuel e Josefa Penela, Adolfo Rodríguez e Andrés Gaos Espiro. Deste xeito, ampliou o radio de acción e aplicou dinámicas mercantís para a regulación da oferta, que condicionou as prácticas musicais galegas.
Así mesmo, a finais da década de 1870, Canuto mediou no noroeste peninsular entre os propietarios legais das composicións (teatrais e musicais) e os intérpretes, polo que interferiu na aplicación de estratexias de xestión no circuíto dramático galego. Por unha banda, exercía de comisionado para varias galerías lírico-dramáticas nacionais, como as de Florencio Fiscowich, José García Solís, Eduardo Hidalgo, Julio Nombela ou Andrés Vidal, entre outras; e por outro lado, asesoraba ou xestionaba a algunhas compañías, como as de Wenceslao Bueno ou Miguel Cepillo. Estas accións situárono no centro neurálxico da vida dramática galega.
No tocante ao eido editorial, Berea adscribiuse ao típico comportamento do editor musical decimonónico español, ao complementar a venda de partituras coa impresión de obras. Máis aló dos procesos de autoedición locais, como o aplicado para a súa danza
La Iniciadora (impresa pola litográfica coruñesa Ruíz), polo xeral, Berea intermediaba entre compositores galegos e talleres de gravado foráneos (calcográficos e litográficos), sobre todo da capital española. Así imprimiu algunhas composicións galegas, incluídas as súas propias ou as de Montes, como
Alborada e
Muiñeira (1889). Mesmo nalgunha ocasión adquiriu os dereitos de propiedade dalgunhas pezas, por exemplo en 1890 os do arranxo para piano da
Alborada Gallega de Pascual Veiga (1842-1906). Os mecanismos de impresión barallados por Berea serviron de acicate ao relevante traballo editorial desenvolvido
a posteriori polos herdeiros, Canuto Berea y Compañía, que chegaron a dispoñer das súas propias prensas de estampaxe para ofrecer un amplo catálogo de obras galegas a finais da centuria.
En conclusión, Berea contribuíu ao desenvolvemento da música galega na segunda metade do século XIX. Máis aló da intervención directa no núcleo urbano coruñés, foi quen de influír en todo o noroeste peninsular, converténdose en construtor dinámico do fenómeno musical galego coetáneo, nun momento especial de expansión grazas á creación de bandas, de orfeóns e de novos espazos de recreación musical.
Bibliografía
Alén Garabato, M.ª Pilar (2001): «Juan Montes y su correspondencia con Canuto Berea (1871-1874)», Lucensia. Miscelánea de cultura e investigación, 22: n. 11, 123-142.
Alén Garabato, M.ª Pilar (2002): «El fondo Canuto Berea. Un acercamiento a su “Archivo de Documentación”: correspondencia con E. de Arana, J. Montes y A. Romero». En Lolo, Begoña: Campos interdisciplinares de la Musicología. Actas del V Congreso de la Sociedad Española de Musicología. Madrid: SEdeM; vol. 1, 395-408.
Alén Garabato, M.ª Pilar (2002): «Canuto Berea Rodríguez (1836-1891), impulsor de la actividad musical en Galicia». En Fernández Cortizo, Camilo et al. (ed): Universitas. Homenaje a Antonio Eiras Roel. Santiago de Compostela: Universidade; vol. 2, 235-245.
Carreira Antelo, Xoán Manuel (1999): «Berea». En Casares, Emilio (coord.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: Sociedad General de Autores; vol. 2, 377-380.
Casares Rodicio, Emilio (2002): «Berea Rodríguez, Canuto». En Casares, Emilio (dir.): Diccionario de la Zarzuela en España e Hispanoamérica. Madrid: ICCMU; vol. 2, 377-380.
García Armas, Nilo Jesús (2022): La saga Berea en la ciudad herculina. A Coruña: Deputación Provincial.
Liaño Pedreira, María Dolores (1999): Catálogo de Partituras del Archivo Canuto Berea en la Biblioteca de la Diputación Provincial de A Coruña. A Coruña: Deputación Provincial.
Liaño Pedreira, María Dolores (2012): «Fuentes para el estudio de la edición musical. El Archivo Berea de la Diputación Provincial de A Coruña». En Gosálvez, José Carlos; Lolo, Begoña (ed.): Imprenta y edición musical en España (ss. XVIII-XX). Madrid: Universidad Autónoma, AEDOM; 439-447 .
López Cobas, Lorena (2010): «El comercio musical en Galicia durante la segunda mitad del siglo XIX: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891)», Revista de Musicología, 33: n. 1-2, 505-525.
López Cobas, Lorena (2012):«Los primeros pasos de una empresa editorial gallega: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891) y su labor como intermediario y difusor editorial». En Gosálvez, José Carlos; Lolo, Begoña (ed.): Imprenta y edición musical en España (ss. XVIII-XX). Madrid: Universidad Autónoma, AEDOM; 421-437.
López Cobas, Lorena (2012): «As dinámicas comerciais como motor dunha realidade musical: Canuto Berea Rodríguez, un exemplo do século XIX». En Capelán, Montserrat et al.: Os soños da memoria. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación Provincial; 453-476 .
López Cobas, Lorena (2017): El comercio musical en Galicia en la segunda mitad del siglo XIX: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891). Valladolid: Universidad. [Tese de doutoramento]
López Suevos, Beatriz (2008): «Las capas de cebolla: el fondo Canuto Berea del archivo de la Diputación de A Coruña», AEDOM: Boletín de la Asociación Española de Documentación Musical, 12, 16-24.
Meijide Pardo, Antonio (1988): «Los Canuto Berea y el primer establecimiento de instrumentos musicales de Galicia», La Coruña. Paraíso del turismo, s.n.
Molina Mera, M. (1923): «Canuto Berea», La Provincia. Diario de Información y de Intereses Generales (Lugo), 118 (17 de outubro), s.p.
Naya Pérez, Juan (1966): «Relación de los alcaldes propietarios de La Coruña desde 1840 hasta el presente», Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, 1, 135-144.
Pedrell, Felipe (1897): «Canuto Berea». En Pedrell, Felipe: Diccionario biográfico y bibliográfico de músicos y escritores de música españoles, portugueses é hispano-americanos antiguos y modernos. Barcelona: Imprenta de Víctor Berdós y Feliz; 177-178.
Pena, Joaquín; Anglés, Higinio (1954): «Canuto Berea». En Diccionario de la Música Labor. Barcelona: Labor; vol. 1, 244-245.
Saldoni, Baltasar (1861-81): Diccionario biográfico-bibliográfico de efemérides de músicos españoles. Madrid: Imprenta de Antonio Pérez Dubrull; vol. 4, 33.
Varela de Vega, Juan Bautista (1990): «El editor Canuto Berea». En Varela de Vega, Juan Bautista: Juan Montes. Un músico gallego. Estudio biográfico. A Coruña: Deputación Provincial; 301-327.