Canuto Berea
A Coruña, 28/ 6/1836 - A Coruña, 24/2/1891Autoría: Lorena López Cobas
Músico polifacético do século XIX en Galicia
A familia Berea convertérase nunha liñaxe con forte presenza na cidade desde a chegada nos anos trinta de Sebastián Canuto Berea Ximeno (1813-1853), músico formado en Zaragoza, axiña integrado nos espazos musicais da Coruña e establecido aquí tras o nacemento do seu primoxénito, Canuto. Así como os ascendentes paternos de Berea Rodríguez se dedicaran á profesión musical -o bisavó, Ramón, e o avó, Juan-, varios dos seus sete irmáns menores desempeñaron actividades filharmónicas, como os xemelgos, Manuel (1839-1916) e Nicasio (1839-1898), ou Elvira (n. 1849). A saga musical perdurou co seu fillo Canuto Berea Rodrigo (1874-1931) e co seu sobriño Andrés Gaos Berea (1874-1959), fillo da súa irmá Pilar (n. 1853). Ademais, os seus fillos Alejandro e Ana continuaron cos labores empresariais despois da súa prematura morte, baixo a razón social Canuto Berea y Compañía; e a partir de 1897, a través de varias sociedades, fíxoo Canuto Berea Rodrigo, quen ademais acadou renome no terreo musical.
A traxectoria de Berea Rodríguez iniciouse na interpretación musical e proxectouse paulatinamente cara a outros ámbitos. A súa primeira etapa vital abrangueu un período de case trinta anos, ata 1866, cando contraeu matrimonio. Neste período Canuto formouse, primeiro, como violinista e pianista e, despois, na harmonía e o contrapunto, ao acougo das directrices paternas e doutros mestres de prestixio na cidade. Mais axiña amosaría a súa profesionalidade como intérprete, compositor e director de orquestra, vinculado en especial ao Teatro Principal e á Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (popularmente coñecida como Circo de Artesanos), xa desde a súa fundación en 1847. A praxe musical fora a protagonista destes primeiros decenios da súa vida, englobando mesmo unha comedida incursión na docencia a varios discentes, incluída unha xove Emilia Pardo Bazán (1851-1912).
Arredor de medio cento de composicións adxudicadas a Berea están destinadas a canto e piano, orquestra, orfeón e banda, orfeón só e piano. As máis afamadas son a melodía galega Un sospiro, baseada no poema de Martínez González «O día que eu saín da patria miña», e a popular muiñeira La Alfonsina -pola que obtivo a Cruz de Carlos III-, que, pese á súa popularización na versión para piano, fora estreada en formato orquestral co gallo dos Xogos Florais da Coruña en 1861. A posta en valor da produción compositiva bereana non reside tanto na excelencia técnica senón na plena adecuación ao consumo
á carta, sobre todo ao servizo das necesidades dos salóns burgueses, como se aprecia nas danzas orquestrais Consuelo, Dulce recuerdo, Los Ecos, La morena ou La Ofelia. A sinxeleza e gustos dos afeccionados priman igualmente nas pezas para piano, como El beso de amor, La felicitación, La Camelia ou La Iniciadora.
Tras casar con Ana Rodrigo García, o 30 de maio de 1866 -só uns meses despois do nacemento dunha filla natural froito doutra relación-, a vida familiar ofreceulle unha estabilidade na que naceron outros oito fillos: Alejandro (n. 1867) , Ana Consuelo Magdalena (n. 1868), Ana (n. 1870), Celia (n. 1873), Canuto (n. 1874), Emilia (n. 1876), Carolina (n. 1881) e Luis (n. 1884). A partir de entón a proxección social de Berea na cidade herculina foi imparable.
Nesta segunda etapa (1866-1891), de madurez, o seu desempeño profesional excedeu o estritamente musical. Nas décadas de 1870 e 1880 proliferaron os seus negocios e adquiriu maior peso social na urbe, grazas á incesante ocupación de cargos desde a consecución da presidencia do Circo de Artesanos en 1870 (prolongada ata 1874 e reiniciada por pouco tempo a finais de 1890). No municipio presidiu a Junta Local de Primera Enseñanza (1877-1881), a comisión de festas (1879-1881), e actuou como concelleiro, tenente-alcalde (1875-1889; 1890-1891) e alcalde (entre agosto e decembro de 1889), momento no que concentrou esforzos na mellora das infraestruturas culturais da cidade.
Desde finais da década de 1880 integrouse nos consellos administrativos de corporacións financeiras e comerciais como a Cámara de Comercio (1888), a Junta de Obras del Puerto (1888-1890), o Banco de España (1890), a Sociedad de Crédito Gallego (1891), a Caja de Ahorros y Monte Piedad (1890) ou a Sociedad Anónima del Lazareto de Oza (1889). Máis aló da súa implicación na vida política e económica, acadou postos en organismos oficiais de selo artístico como vogal da Comisión de Monumentos Artísticos (1879), correspondente da Academia de Bellas Artes de San Fernando (1879), numerario da Academia Provincial de Bellas Artes de La Coruña (ao menos desde 1888), na que mesmo presidiu a súa sección de música (1890). Tamén nestes últimos anos exerceu de correspondente galego de La España Artística e foi nomeado socio de mérito do Liceo Brigantino (1890). Esta densa armazón socio-cultural facilitou o intenso e diversificado labor empresarial de Berea.
O establecemento bereano converteuse nun referente en Galicia, malia que os seus alicerces non foran doados. Tras unha primeira etapa de subsistencia, despois da repentina morte do seu pai, o pulo mercantil da firma Berea foise fraguando ao poucos, primeiro, coa axuda da súa nai -María Antonia Rodríguez Vázquez (†1877)- e, máis adiante, coa súa habilidade para os negocios e a asistencia, sobre todo, do seu irmán Nicasio e de Eduardo Puig y Ferrín (1854-1913), o seu empregado. De anunciarse como
Gran Barato de Músicaen 1856 pasou a consolidar, especialmente a partir de finais dos sesenta, a firma
Gran Almacén de Música de D. Canuto Berea, no número 38 da rúa Real, localización conservada ata hai poucas décadas pola empresa sucesora Puig y Ramos.
O almacén dispoñía de miles de ítems, incluídos instrumentos e accesorios (brindados a través de alugueiro ou venda, ao contado ou a prazos), máis de 200 métodos pedagóxicos e, segundo os seus anuncios publicitarios, entre 30 000 e 40 000 partituras, aínda que documentalmente só se contabilizaron arredor de 15 000. Neste ámbito Berea actuaba como canalizador de materiais impresos, excedendo o rol de mero
subministradorpara se converter en
difusor activo, polo que interfería nos fluxos de consumo, marcados pola homoxeneización do gusto e polo auxe do ensino musical.
Berea dispoñía dun nutrido equipo de provedores -tanto de instrumentos (con máis de 60) como de materiais impresos (sobre 26)-, aos que se sumaban preto de dous centenares de colaboradores, entre os que se contaban reputados músicos galegos, como Juan Montes (1840-1899). Ante o seu triunfo comercial, sostivo fluídas transaccións con Lugo, Ourense, Oviedo ou Pontevedra e abriu sucursais físicas en Santiago (1874), Ferrol (1876) ou Vigo (1880), rexentadas respectivamente por Manuel e Josefa Penela, Adolfo Rodríguez e Andrés Gaos Espiro. Deste xeito, ampliou o radio de acción e aplicou dinámicas mercantís para a regulación da oferta, que condicionou as prácticas musicais galegas.
Así mesmo, a finais da década de 1870, Canuto mediou no noroeste peninsular entre os propietarios legais das composicións (teatrais e musicais) e os intérpretes, polo que interferiu na aplicación de estratexias de xestión no circuíto dramático galego. Por unha banda, exercía de comisionado para varias galerías lírico-dramáticas nacionais, como as de Florencio Fiscowich, José García Solís, Eduardo Hidalgo, Julio Nombela ou Andrés Vidal, entre outras; e por outro lado, asesoraba ou xestionaba a algunhas compañías, como as de Wenceslao Bueno ou Miguel Cepillo. Estas accións situárono no centro neurálxico da vida dramática galega.
No tocante ao eido editorial, Berea adscribiuse ao típico comportamento do editor musical decimonónico español, ao complementar a venda de partituras coa impresión de obras. Máis aló dos procesos de autoedición locais, como o aplicado para a súa danza La Iniciadora (impresa pola litográfica coruñesa Ruíz), polo xeral, Berea intermediaba entre compositores galegos e talleres de gravado foráneos (calcográficos e litográficos), sobre todo da capital española. Así imprimiu algunhas composicións galegas, incluídas as súas propias ou as de Montes, como Alborada e Muiñeira (1889). Mesmo nalgunha ocasión adquiriu os dereitos de propiedade dalgunhas pezas, por exemplo en 1890 os do arranxo para piano da Alborada Gallega de Pascual Veiga (1842-1906). Os mecanismos de impresión barallados por Berea serviron de acicate ao relevante traballo editorial desenvolvido a posteriori polos herdeiros, Canuto Berea y Compañía, que chegaron a dispoñer das súas propias prensas de estampaxe para ofrecer un amplo catálogo de obras galegas a finais da centuria.
En conclusión, Berea contribuíu ao desenvolvemento da música galega na segunda metade do século XIX. Máis aló da intervención directa no núcleo urbano coruñés, foi quen de influír en todo o noroeste peninsular, converténdose en construtor dinámico do fenómeno musical galego coetáneo, nun momento especial de expansión grazas á creación de bandas, de orfeóns e de novos espazos de recreación musical.
Bibliografía
Alén Garabato, M.ª Pilar (2001): «Juan Montes y su correspondencia con Canuto Berea (1871-1874)», Lucensia. Miscelánea de cultura e investigación, 22: n. 11, 123-142.
Alén Garabato, M.ª Pilar (2002): «El fondo Canuto Berea. Un acercamiento a su “Archivo de Documentación”: correspondencia con E. de Arana, J. Montes y A. Romero». En Lolo, Begoña: Campos interdisciplinares de la Musicología. Actas del V Congreso de la Sociedad Española de Musicología. Madrid: SEdeM; vol. 1, 395-408.
Alén Garabato, M.ª Pilar (2002): «Canuto Berea Rodríguez (1836-1891), impulsor de la actividad musical en Galicia». En Fernández Cortizo, Camilo et al. (ed): Universitas. Homenaje a Antonio Eiras Roel. Santiago de Compostela: Universidade; vol. 2, 235-245.
Carreira Antelo, Xoán Manuel (1999): «Berea». En Casares, Emilio (coord.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: Sociedad General de Autores; vol. 2, 377-380.
Casares Rodicio, Emilio (2002): «Berea Rodríguez, Canuto». En Casares, Emilio (dir.): Diccionario de la Zarzuela en España e Hispanoamérica. Madrid: ICCMU; vol. 2, 377-380.
García Armas, Nilo Jesús (2022): La saga Berea en la ciudad herculina. A Coruña: Deputación Provincial.
Liaño Pedreira, María Dolores (1999): Catálogo de Partituras del Archivo Canuto Berea en la Biblioteca de la Diputación Provincial de A Coruña. A Coruña: Deputación Provincial.
Liaño Pedreira, María Dolores (2012): «Fuentes para el estudio de la edición musical. El Archivo Berea de la Diputación Provincial de A Coruña». En Gosálvez, José Carlos; Lolo, Begoña (ed.): Imprenta y edición musical en España (ss. XVIII-XX). Madrid: Universidad Autónoma, AEDOM; 439-447 .
López Cobas, Lorena (2010): «El comercio musical en Galicia durante la segunda mitad del siglo XIX: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891)», Revista de Musicología, 33: n. 1-2, 505-525.
López Cobas, Lorena (2012):«Los primeros pasos de una empresa editorial gallega: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891) y su labor como intermediario y difusor editorial». En Gosálvez, José Carlos; Lolo, Begoña (ed.): Imprenta y edición musical en España (ss. XVIII-XX). Madrid: Universidad Autónoma, AEDOM; 421-437.
López Cobas, Lorena (2012): «As dinámicas comerciais como motor dunha realidade musical: Canuto Berea Rodríguez, un exemplo do século XIX». En Capelán, Montserrat et al.: Os soños da memoria. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación Provincial; 453-476 .
López Cobas, Lorena (2017): El comercio musical en Galicia en la segunda mitad del siglo XIX: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891). Valladolid: Universidad. [Tese de doutoramento]
López Suevos, Beatriz (2008): «Las capas de cebolla: el fondo Canuto Berea del archivo de la Diputación de A Coruña», AEDOM: Boletín de la Asociación Española de Documentación Musical, 12, 16-24.
Meijide Pardo, Antonio (1988): «Los Canuto Berea y el primer establecimiento de instrumentos musicales de Galicia», La Coruña. Paraíso del turismo, s.n.
Molina Mera, M. (1923): «Canuto Berea», La Provincia. Diario de Información y de Intereses Generales (Lugo), 118 (17 de outubro), s.p.
Naya Pérez, Juan (1966): «Relación de los alcaldes propietarios de La Coruña desde 1840 hasta el presente», Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, 1, 135-144.
Pedrell, Felipe (1897): «Canuto Berea». En Pedrell, Felipe: Diccionario biográfico y bibliográfico de músicos y escritores de música españoles, portugueses é hispano-americanos antiguos y modernos. Barcelona: Imprenta de Víctor Berdós y Feliz; 177-178.
Pena, Joaquín; Anglés, Higinio (1954): «Canuto Berea». En Diccionario de la Música Labor. Barcelona: Labor; vol. 1, 244-245.
Saldoni, Baltasar (1861-81): Diccionario biográfico-bibliográfico de efemérides de músicos españoles. Madrid: Imprenta de Antonio Pérez Dubrull; vol. 4, 33.
Varela de Vega, Juan Bautista (1990): «El editor Canuto Berea». En Varela de Vega, Juan Bautista: Juan Montes. Un músico gallego. Estudio biográfico. A Coruña: Deputación Provincial; 301-327.
Como citar: López Cobas, Lorena : Canuto Berea. Publicado o 27/11/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27578. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
El Duende. Canuto Berea y Rodríguez. Transcrición do número solto do 1 de marzo de 1891. Ver Documento
Fonte: Lorena López Cobas.
Carta de Juan Montes dirixida a Canuto Berea. Ver Documento. Epístola
Fonte: Biblioteca Provincial da Coruña. Fondo Canuto Berea
Partitura de Un sospiro: melodía. Letra de D. M. Martínez González e música de Canuto Berea. Ver Documento. Partitura
Berea Rodríguez, Canuto: Un sospiro: melodía / letra de D. M. Martínez González ; música de C. Berea. A Coruña: Música y pianos de Canuto Berea y Compañía, [entre 1890 e 1899]
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Partitura de La Alfonsina: muiñeira para piano, composta por Canuto Berea. Ver Documento. Partitura
Berea Rodríguez, Canuto: La Alfonsina: muiñeira para piano / por Canuto Berea. Coruña (Real, 38): C. Berea, [entre 1890 e 1899]. 3ª ed.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Árbore xenealóxica dos descendentes de Canuto Berea con datas de nacemento. Ver Documento
Fonte: Lorena López Cobas.
Principais galerías lírico-dramáticas coas que Berea estableceu relacións.
Fonte: Lorena López Cobas.
Elaboración de Lorena López Cobas a través de datos extraídos da correspondencia bereana.. Ver Documento
Cadro resumo dos cargos desempeñados por Canuto Berea.
Fonte: Lorena López Cobas.
Elaborado por Lorena López Cobas. Ver Documento
Descrición do funeral de Canuto Berea Rodríguez (1891). La Voz de Galicia, (26 de febreiro de 1891).
Fonte: La Voz de Galicia
Transcrición de Lorena López Cobas. Ver Documento. Artigo
Transcrición do artigo necrolóxico dedicado a Canuto Berea. La Voz de Galicia, (25 de febreiro de 1891), sección «De sol a sol». Ver Documento. Artigo
Fonte: La Voz de Galicia
Recortes de prensa con anuncios publicitarios: Anuncio de Nicasio Berea en La Voz de Galicia (13-I-1882), sección de anuncios publicitarios: s.p.. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Fonte: Lorena López Cobas.
Anuncio da filial de Vigo de Berea publicado en El Faro de Vigo, (31 de maio de 1881). Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Fonte: El Faro de Vigo, (31 de maio de 1881)
Anuncio publicitario de Berea nunha edición de Vigo en 1876. El Faro de Vigo, (26-XII-1876). Ver Documento. Anuncio. Fragmento de publicación impresa
Fonte: Faro de Vigo
Extractos das actas de nacemento e defunción de Canuto Berea Rodríguez.
Fonte: Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela / Lorena López Cobas.
Trascrición de Lorena López Cobas. Ver Documento
Relacións que Canuto Berea estableceu co Circo de Artesanos. Ver Documento
Fonte: Arquivo da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (A Coruña).
Necrolóxica informativa da Escola de Belas Artes da Coruña, asinada polo secretario da mesma. Ver Documento
Fonte: Arquivo da Escola de Artes e Oficios da Coruña. Carpeta de Matrículas (1883-1891).
Ligazóns de interese
Arquivo Canuto Berea. Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña
Fonte: Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña.
https://www.dacoruna.gal/biblioteca
Acceso en liña á tese de doutoramento de Lorena López Cobas El comercio musical en Galicia en la segunda mitad del siglo XIX: Canuto Berea Rodríguez (1836-1891).
Fonte: Universidad de Valladolid. Repositorio Documental.
Valladolid: Universidad, 2017
https://uvadoc.uva.es/handle/10324/25668
Acceso a Os soños da memoria. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio, de Monserrat Capelán et al.
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC.
Pontevedra: Deputación Provincial, 2013
http://hdl.handle.net/10347/8133
«Canuto Berea y Cia., la editorial del Teatro Lírico español anterior al siglo XIX», artigo de Xoán M. Carreira no blog Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego
Fonte: Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego.
https://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com
Entrada de Canuto Berea na web Unha rúa, unha vida
Fonte: https://unharuaunhavida.com/
Gravación en pianola da muiñeira La Alfonsina de Canuto Berea. Ca. 1905
Fonte: Biblioteca Dixital Hispánica. BNE.
https://bdh.bne.es/
Videos
La Alfonsina, de Canuto Berea, en versión para banda revisada por Nilo García Armas e interpretada pola Banda Municipal da Coruña o 27 de xuño de 2018
Fonte: Biblioteca da Coruña / YouTube.com.
Gravación de La Alfonsina, en versión para grupo tradicional de gaitas
Fonte: Canle Mastergaita / YouTube.com















