----

A entrada do arquitecto e compositor Eduardo Rodríguez-Losada incorpórase ao Álbum de Galicia

A vida de Eduardo Ramón Rodríguez-Losada (A Coruña, 1886–1973) centrouse en dous ámbitos: a arquitectura e a composición musical. No eido arquitectónico, foi considerado como un dos máis importantes arquitectos rexionalistas galegos. No campo musical, compuxo máis de setenta obras de diferentes xéneros, aínda que foi recoñecido principalmente polas súas óperas. Nelly Iglesias é a autora da entrada que sumamos hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado na Coruña, Eduardo Ramón Rodríguez-Losada Rebellón tivo a súa primeira toma de contacto co mundo musical na súa nenez, cando recibiu leccións particulares de piano e solfexo. Porén, a reticencia familiar a que realizase estudos musicais de forma profesional, unida aos seus dotes para o debuxo, levárono a estudar a carreira de Arquitectura. Cursou a titulación entre os anos 1902 e 1910 na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.

En 1914, foi nomeado interinamente arquitecto da Deputación da Coruña e, meses despois, arquitecto provincial, cargo en que permaneceu ata 1956. O seu estilo arquitectónico, caracterizado “por un eclecticismo académico”, pódese apreciar nalgunhas construcións da cidade herculina, “como a Casa Cortés, o Chalet Escudero ou o coñecido barrio de Ciudad Jardín”, indica Nelly Iglesias na entrada que asina no Álbum de Galicia. Ademais de na Coruña, tamén realizou proxectos noutras localidades, como Ribadeo, Noia, Ferrol ou Vilagarcía de Arousa.

Con respecto á súa formación musical, a aprendizaxe de Rodríguez-Losada foi autodidacta, aínda que, segundo explica a autora da súa biografía, finalmente se decidiu “a buscar axuda en Canuto Berea”. Foi el quen lle proporcionou “os seus primeiros tratados de composición, harmonía, contrapunto e orquestración”, continúa, e tamén con quen impulsou a creación dunha orquestra sinfónica na Coruña en 1916. Así mesmo, durante o período que permaneceu no Escorial para recuperarse dunha tuberculose que o afectou en 1921, recibiu leccións de Conrado del Campo.

Eduardo Ramón Rodríguez-Losada sobresaíu, fundamentalmente, polas súas óperas. Entre elas, cómpre destacar O mariscal, El monte de las ánimas e Ultreya!, para as que buscou “a colaboración de grandes intelectuais e artistas do momento”, apunta Nelly Iglesias. Completa o seu repertorio operístico El gran teatro del mundo, unha das súas últimas obras, que non chegou nunca a estrearse.

Xunto coas óperas, o corpus musical de Rodríguez-Losada abarca outros xéneros diferentes: música sinfónica e de cámara, obras para piano e música vocal, relixiosa, lixeira e militar. En canto á música sinfónica, compuxo catro poemas e catro sinfonías, mentres que entre a súa obra orquestral se atopa o ballet La Santa Compaña e o Concierto para piano e orquesta. Das pezas para canto e piano, Nelly Iglesias destaca aquelas que compuxo “sobre textos de autores recoñecidos, como Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro, Aureliano J. Pereira, Acácio de Paiva ou Xosé Fernández Ferreiro”. Ademais, cultivou tamén un repertorio solista para piano con obras como 22 preludios ou Preludios y fugas.

Por último, hai que salientar a opinión que verteu a crítica arredor da estrea de Ultreya! no Teatro da Zarzuela de Madrid (1935), pois tanto os principais compositores como os críticos musicais do momento “coincidiron en destacar as grandes sonoridades orquestrais, as ricas melodías e a sabia instrumentación”, explica Nelly Iglesias na súa entrada do Álbum de Galicia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Pablo Pérez Costanti, Isabel Martínez-Barbeito, Manuel Soto Freire e Marcial Valladares.


As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.